Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2016.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que, na actualidade, a preocupación dos populares é poñerse en marcha para as eleccións municipais que terán lugar dentro de tres anos.
Nunha entrevista concedida a RNE, o número dous dos populares galegos lembrou que en 2015 houbo moitos concellos nos que tivo maioría o PP pero non se lle permitiu gobernar e son xestionados polas mareas de Podemos apoiadas en moitos casos polos socialistas. Por este motivo, Tellado precisou que hai que traballar duro para ofrecerlles a esas cidades e vilas proxectos alternativos que permitan que os populares devolvan a eses concellos gobernos estables e responsables.
Nese sentido, avanzou que nos próximos meses seguirán o proceso de renovación tamén no ámbito municipal para estar á altura do que os galegos lles demandan onde hai problemas “que é nos concellos onde non goberna o PP”.
Xa no que se refire á situación política nacional, Tellado indicou que estase a ver un cambio no PSOE logo da saída de Pedro Sánchez á espera de ver agora a postura final da súa xestora. Segundo dixo, os socialistas deberían saber ler os resultados das eleccións, nas que os españois castigaron en xuño aos que apostaron polo bloqueo.
“Esperamos que España poida ter un goberno e saír desa situación de interinidade na que nos atopamos logo de 10 meses cun goberno en funcións”, salientou.
EXERCICIO DE CERCANÍA DIARIO Á RÚA
No tocante ás pasadas eleccións autonómicas, o secretario xeral salientou que os populares plantexaron unha campaña en positivo, sen crispación, con propostas e “moi de rúa”. “Vimos a campaña como un exercicio de cercanía diario á rúa que creo que nos devolveu o pulso da realidade”, engadiu.
Deste modo, puxo en valor que obtiveron un resultado histórico, que ratifica que o PPdeG “segue sendo o partido que representa a maioría social”, algo que demostra que nos últimos anos fixéronse ben as cousas e que os cidadáns perciben o Goberno de Feijóo como comprometido con Galicia logo de mellorar a situación trala peor crise económica que se viviu en España nas últimas décadas.
Ademais, Tellado subliñou a importancia de ter un líder tan valorado como Alberto Núñez Feijóo, que chega a votantes do PP pero tamén a aqueles desencantados co PSOE, Ciudadanos e doutras moitas formacións políticas.
LEXISLATURA RAZOABLE E RESPECTUOSA
O número dous do PPdeG tamén afirmou que agarda que na X Lexislatura o clima político de relación entre grupos parlamentarios sexa mellor que na que agora acaba. Como lembraba, fai catro anos as voces de Xosé Manuel Beiras soaban no pleno dicindo que os populares terían que irse porque a sociedade non aturaría máis un goberno do PP.
Tellado expresou que ese clima de crispación continuada non serviu para nada aos partidos que a promoveron porque seguen na oposición, polo que espera que teñan aprendida a lección e respecten a Cámara que representa aos galegos para non convertila no campo de batalla que foi os últimos catro anos.
De todos modos, admitiu que hai indicios que sinalan que pode haber un comportamento distinto xa que, a diferenza de Beiras no 2012, Luís Villares si felicitou a Feijóo tras gañar os comicios en setembro. “Agardo que ese xesto prevea unha Lexislatura moito máis razonable, cunhas formas políticas de respecto mutuo cara a persoas que pensan distinto”, insistiu.
LOITAR CONTRA A CORRUPCIÓN
“A corrupción é unha excepción e o que hai que facer é loitar de forma decidida cando hai indicios dese tipo de comportamento no ámbito público e político”, aseverou Tellado concretando que dende o PP téñense tomado medidas cando xurdiron casos, sendo serios e rigorosos ao respecto.
De igual xeito, tras aclarar que que non houbo problemas serios de corrupción no PPdeG, si sinalou que, en Galicia, cando se fala de corrupción, xeralmente a mirada vaise cara o PSdeG, onde José Ramón Gómez Besteiro non puido optar a presidir a Xunta tras ser imputado, ao igual que xa o fora o anterior candidato socialista.