A Comunidade lidera a caída do paro a nivel anual e mensual cun comportamento mellor que o rexistrado no conxunto do Estado
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, destacou que a Comunidade cree emprego e que lidere a caída do paro a nivel anual e mensual cun comportamento mellor que o rexistrado no conxunto do Estado. “Galicia dotouse nas urnas da ferramenta máis eficaz na loita contra o desemprego: a estabilidade política”, aseverou.
“Conseguimos inverter a tendencia negativa do ano pasado e o noso mercado laboral resiste á COVID-19”, recalcou poñendo en valor que, con respecto a abril de 2020 -que marca o impacto inicial da crise sanitaria-, temos 20.851 parados menos.
Tal e como indican as cifras de desemprego publicadas esta mañá, en termos anuais e mensuais o paro descende en todos os sectores de actividade, nas catro provincias, nas sete grandes cidades e nos principais colectivos prioritarios e, pola súa banda, a contratación en xeral tamén aumenta. Ademais, na comparativa con España, con respecto ao pasado mes a baixada na Comunidade supera á rexistrada no Estado en 4,51 puntos e, en relación a hai un ano, o desemprego descende en Galicia un 10,88% mentres aumenta no conxunto do país un 2,07%.
CENTRADOS NO QUE IMPORTA
“A estabilidade da Xunta non é un slogan, é unha realidade que dá resultados como os que reflicten os datos do paro”, dixo explicando que os cidadáns son cada vez máis conscientes de que a mellor receita para mellorar o emprego e xestionar a economía e os nosos servizos públicos é un executivo estable, que poida centrarse no importante. “Así o demostraron nas eleccións galegas e así o fixeron de novo onte en Madrid porque non é tempo de experimentos. Necesítase rigor e seriedade e iso é o que ofrecen os gobernos do Partido Popular”, resaltou.
AXUDAS DIRECTAS E IMPULSO AO EMPREGO E Á FORMACIÓN
O número dous do PPdeG insistiu en que os datos do paro demostran que as medidas que está implantando a Administración autonómica están dando os seus froitos polo que a Xunta continuará traballando na mesma liña: inxectando liquidez ao tecido empresarial a través de axudas directas e poñendo en marcha programas de impulso ao emprego e á formación para continuar reactivando o mercado laboral.
Cómpre lembrar que o Executivo de Alberto Núñez Feijóo ampliou en 21 millóns de euros -acadando un total de 96 millóns- o 2º Plan de Rescate para apoiar a todos os establecementos que cumpriron cos requisitos e apoiar a súa viabilidade. Mobilizáronse así, en seis meses, 182 millóns de euros e xa se está elaborando un terceiro Plan que se activará en canto o Estado decida transferir os cartos.
Así mesmo, xa está publicado no DOG un paquete de axudas dotado con 16,2 millóns de euros para apoiar a contratación de 1.800 persoas sen emprego nos concellos galegos e tamén está aberto o prazo de inscrición para optar ás axudas coas que a Xunta reforza a formación dirixida a persoas desempregadas, cun investimento de 44,3 millóns de euros para cualificar a 16.600 persoas a través de máis de 1.100 cursos.