O secretario xeral garante seguir pelexando polo mantemento da fábrica e os miles de postos de traballo que están en xogo.
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, logo de que Alcoa anunciase facer efectivo o ERE e hibernar as cubas, dixo que non é de recibo que a empresa castigue a toda unha comarca pola inactividade do Executivo de España. E garantiu que os populares galegos seguirán pelexando polo mantemento dos postos de traballo que están en xogo.
Así mesmo, lamentou que a compañía tome como reféns a un milleiro de traballadores, co único fin de “vingarse das prácticas do Goberno central”, logo de que este abandonase a industria electrointensiva do país ao longo dos últimos anos e se negase a aprobar un Estatuto da Industria Electrointensiva que garantise un prezo competitivo que permita competir ás empresas no contexto internacional.
Para Tellado, probablemente, a empresa nunca quixo vender a factoría da Mariña, senón “dilatar os prazos e enganar ao conxunto de administracións, a toda unha comarca e a toda Galicia”. Segundo indicou, Galicia non pode prescindir da única fábrica de aluminio primario que hai en España e que, durante as últimas décadas, veu sendo un referente: “Temos que traballar de forma coordinada desde todos os gobernos para que esta planta siga estando operativa”. “A mala fe de Alcoa -continuou- ten que ser respondida de forma conxunta polas Administracións públicas”.
Engadiu que a empresa aínda está a tempo de rectificar. E asegurou seguir apoiando, tanto ao Executivo galego como o central, en todas as alternativas posibles para dar resposta a nivel administrativo, laboral e xudicial a esta nova circunstancia.
A COORDINACIÓN DA GALICIA MÁIS URBANA
O número dous dos populares galegos, que mantivo unha xuntanza cos presidentes locais das sete grandes cidades, salientou a importancia de aumentar a coordinación e de fortalecer un nexo común entre as urbes que permita “atopar respostas coordinadas aos problemas comúns da Galicia máis urbana”.
Neste punto, remarcou a necesidade de practicar a política útil, capaz de crear certezas, inspirar confianza e de formular solucións: “Os galegos dixeron alto e claro nas urnas que non querían a política da confrontación nin a formulada en negativo, senón que queren o entendemento e a política propositiva”. Así, propuxo seguir o camiño marcado polo Goberno de Feijóo e ser útiles, tamén, desde a oposición.
“Traballar, traballar e traballar debe ser a consigna que nos marquemos”, apuntou Tellado, quen sinalou que o foco estará posto na pandemia sanitaria, económica e social, non só desde a Administración autonómica, senón, tamén, desde o ámbito máis achegado ao cidadán que é a política municipal: “Todos os nosos esforzos estarán orientados á recuperación económica do país e das familias galegas”.
O MODELO DAS CIDADES É O DO PPDEG
Segundo Tellado, o modelo a seguir nas cidades é o modelo do Partido Popular de Galicia. E avogou por seguir estendendo este modelo, o do rigor, do crecemento e o da mellora dos servizos públicos, xa que “é o selo de identidade do PPdeG”. Tal e como destacou, o PPdeG é a formación que máis se parece a Galicia, porque, precisamente, é a que está no día a día dos galegos, antepoñendo a solución dos problemas a calquera interese político.
“Levaremos a cabo unha labor de control ante un PSdeG cada vez máis dado a facer concesións ante as opcións máis radicais”, subliñou. “Estaremos vixiantes -engadiu- para denunciar se cruzan algunha liña vermella”, tal e como están a facer a día de hoxe desde o Goberno central. Neste senso, recordou que os populares galegos non calaron e actuaron cando os Gobernos locais, en mans dos socialistas, estaban dispostos a ceder os aforros dos galegos a Pedro Sánchez.
“Seguiremos sendo leais desde a oposición aos concellos que queremos representar, moito máis leais que o propio Pablo Iglesias ao goberno do que forma parte”, finalizou.