26, xaneiro, 2020. O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, lamentou este domingo que o PSdeG onte “aplaudise as mentiras do ministro Ábalos”. Así, sinalou que o titular da carteira de Transportes “mentiu cando dixo que as obras do AVE galego rematarían en 2019 e volveu a mentir este sábado cando prometeu que a alta velocidade xa estaría en funcionamento en 2021”. Sobre isto, lembrou que o propio Goberno de España enviou informes á Comisión Europea na que retrasa esta data a 2022.
“É certo que Ábalos demostrou esta semana que sabe moito máis de avións ca de trens”, ironizou o número dous do PPdeG, sobre a polémica reunión do ministro coa vicepresidenta do Goberno de Venezuela. De igual modo, afeoulle ao Executivo central que “só veña a Galicia a intentar enganar aos galegos e galegas” e incidiu en que “este non é o Goberno que precisa Galicia, nin é o PSdeG que precisa Galicia”.
“PREOCUPACIÓN POLA SUBIDA DO INDEPENDENTISMO”
Tellado realizou estas declaracións durante a celebración da Xunta Directiva autonómica de Novas Xeracións, onde tamén realizou unha breve valoración da enquisa de La Voz de Galicia publicada na xornada de hoxe. O secretario xeral subliñou que estes estudos “hai que tomalos sempre con cautela, pero revela que unha maioría de galegos e galegas é consciente de que temos un goberno autonómico que aposta pola moderación e por xestionar para todo o mundo e darlle estabilidade ás institucións”.
Con todo, tamén expresou a súa preocupación pola posible subida do independentismo galego, toda vez que o BNG practicamente duplicaría os seus escanos no Parlamento de Galicia. “O nacionalismo galego pretende imitar aos independentistas vascos e cataláns e nós non queremos que ese modelo de crispación e confrontación social se traslade a Galicia”, incidiu.
“O PARTIDO QUE MÁIS TRABALLA POLA MOCIDADE”
Na súa intervención diante do máximo órgano entre congresos da organización xuvenil, Tellado colocou aos populares galegos como “o partido que máis e mellor traballa pola mocidade” e como exemplo de éxito a nivel nacional en políticas de emprego, vivenda, educación ou conciliación.
Deste xeito, sinalou que o PPdeG aposta por unha educación excelente e accesible, pois en Galicia mantemos as taxas universitarias máis baixas de España, con nove anos consecutivos de conxelacións; somos referencia en FP Dual, cun 90% de inserción laboral; temos as menores taxas de abandono e somos referencia en plurilingüismo. Así, tamén valorou que “apostamos polo crecemento da economía e pola creación de emprego”, con facilidades ao emprendemento, como a extensión Tarifa Plana aos Autónomos e coa menor cifra de mozos parados de toda a serie histórica.
No mesmo sentido, incidiu en políticas de vivenda como a redución de impostos para a compra no rural e a liña de axudas para o alugueiro a menores de 35 anos; ou nas de conciliación e natalidade con experiencias pioneiras como as Casas Niño do rural, a Tarxeta Benvida, ou o Bono Concilia, e lembrou que a nosa será a primeira autonomía en contar cunha Lei de Impulso Demográfico.