9, xaneiro, 2019. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, afirmou que os populares non buscan candidatos entre os que non serven para outros partidos “porque só nos valen os mellores”; admitindo que, nos tempos que corren na política, é importante aclarar “o que somos e o que non”.
Nese senso, subliñou tamén que “non somos unha moda; non somos un partido de cabreados, xa vimos en 2015 que deixarnos levar polo enfado á hora de votar non leva a nada; non somos un partido de laboratorio, no que só se pode ser candidato se es alto e guapo; e non somos un partido que naceu nas tertulias da televisión, senón do traballo diario de miles de persoas que deron a vida polas nosas siglas”.
Igualmente, expresou que non son unha incógnita: “Levamos aquí 40 anos, cos nosos defectos e as nosas virtudes”, dixo salientando que son a formación política que sacou a España de todas as crises nas que nos meteron os socialistas; a do crecemento económico, da creación de emprego e da mellora dos servizos públicos; a única que sabe perfectamente que non é incompatible sentirse galegos e españois; e a que é a casa de todos os votantes de centro-dereita.
“Ninguén vai atopar ao Partido Popular fóra do Partido Popular, por moito que intenten dicir que queren ser coma nós. Por iso, cada voto de centro-dereita que non vaia ao PP é un voto que servirá para que goberne a esquerda”, insistiu o número dous dos populares galegos.
OS PERIGOS DE APOIAR Á ESQUERDA
Ademais, Miguel Tellado considera que apoiar ao PSOE de Pedro Sánchez “supón comezar a meternos na vindeira crise económica”, algo que non se debe permitir “nin sequera desde os concellos”. Por isto, aseverou que votar aos socialistas nas vindeiras municipais é apoiar os despropósitos do presidente do Goberno.
Como lembrou, en seis meses, o único que fixo Sánchez foi desprezar a Galicia, sendo o presidente do dieselazo, das subidas masivas de impostos, dos ministros acosados polos escándalos e o que se ri de todos os españois cando di que os seus viaxes de pracer no avión oficial nos custan 280 euros.
Así mesmo, indicou que a alternativa na esquerda é aínda peor, porque o Bloque vai ir ás eleccións europeas coligado con Esquerra e Bildu. “O Bloque dinos que o seu modelo de sociedade é o da confrontación do independentismo vasco e catalán, que queren obrigar aos galegos a ver papeletas co nome de políticos que están no cárcere por intentar dar un golpe de estado e que queren que os galegos contribúan a facer eurodeputado a Arnaldo Otegi”, engadiu apuntando que, se os veciños queren ser gobernados por un proxecto serio, rigoroso, moderado e que pense na maioría dos veciños, só poden confiar no PP.
BURELA TEN QUE ESTAR COS POPULARES
Durante a presentación do candidato do PP á Alcaldía de Burela, Manuel Rouco, que tamén contou coa participación da presidenta provincial, Elena Candia; o secretario xeral recordou que neste municipio, nas últimas eleccións autonómicas, os populares lograron case o 50% dos votos. Por este motivo, explicou que hai máis de 2.000 persoas que están dispostas a votar ao seu partido e que están buscando un motivo para votarlles, polo que a súa obriga é “darlles todos os que temos, que son moitos”.
“Entre todos, se imos a cada un deses máis de 2.000 veciños e logramos que nos volvan votar, non teñades ningunha dúbida de que Manuel Rouco, coa axuda de todos vós, será o novo alcalde de Burela”, concluíu.