5, abril, 2019.O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que o seu partido pretende gañarlle ás enquisas e ao PSOE porque é o que precisan tanto España como Galicia. “Estamos en condicións de facelo e imos poñer toda a nosa maquinaria en funcionamento ao máis alto rendemento para gañar as eleccións xerais, as municipais e as europeas”, engadiu.
Segundo comentou en declaracións aos medios, onde estivo acompañado da candidata ao Congreso pola provincia da Coruña, Marta González, todas as enquisas coinciden no mesmo, que é que o voto gañador nas vindeiras eleccións xerais será o de centro dereita, superando así ao voto da esquerda. Nese senso, explicou que para gañar tamén en escanos e para que haxa unha maioría alternativa a Pedro Sánchez é imprescindible que ese apoio ao centro dereita non se divida e se concentre no PP: “Apelaremos ao voto útil ao PP e a Pablo Casado, a única opción que pode gañar a Sánchez”.
Así mesmo, o número dous dos populares galegos subliñou que o país enfróntase a dous grandes retos nestes momentos: a unha crise económica, por unha posible nova recesión; e a unha crise territorial, derivada do desafío independentista en Cataluña, instigado polos socios de Goberno de Sánchez.
Máis polo miúdo, Tellado avanzou que os populares poñerán en marcha unha campaña electoral nas catro provincias, nas sete grandes cidades, nas súas áreas metropolitanas e en cada concello. Igualmente precisou que o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, participará de forma decidida e intensa na precampaña e na campaña, que arrancará nos primeiros días coa presenza en Galicia de Mariano Rajoy –o 12 e 13 de abril- e de Pablo Casado –o 14 de abril en Santiago de Compostela-.
SÁNCHEZ, A GRAN AMEAZA PARA A INDUSTRIA GALEGA
Por outra banda, e tras destacar que tanto o país como a Comunidade se xogan moitos nos vindeiros comicios xerais, o secretario xeral lembrou que o Goberno de Sánchez fixo moito dano á industria española e, por extensión, á galega, incidindo na necesidade de defender os intereses de Galicia.
Desta forma, apuntou que o socialista representa unha ameaza sobre a industria electrointesiva, ao provocar que empresas como Alcoa ou Ferroatlántica sufran a incerteza e irresponsabilidade dun presidente incapaz de fixar un prezo da electricidade estable e competitivo, e que podería supoñer a perda de 5.000 empregos deste tipo de industria en Galicia.
Ademais, sinalou a ameaza para as centrais térmicas, que provocou que a de Cerceda xa anunciara o seu peche de maneira inminente pola decisión do Executivo central de atacar este tipo de instalacións; e que tamén afecta á central das Pontes, que pode ver o seu ciclo vital acurtado en 15 anos mentres que co Goberno de Mariano Rajoy tiña prevista a súa continuidade ata 2045.
De igual xeito, Tellado recordou que a irresponsabilidade de Sánchez tamén ameaza ao sector da automoción, xa que o dieselazo xa anunciado suporá unha importante redución de pedidos para PSA Citroën e un descenso de actividade para a industria das auxiliares deste sector no entorno de Vigo e na provincia de Ourense.
Por último, lamentou o acontecido co sector naval, indicando que a orde de execución das fragatas F-110 podería terse asinado en xullo de 2018, como deixaban previsto os PGE de Rajoy, pero Pedro Sánchez decidiu paralizar esta sinatura ata 10 meses para poder anuncialo en precampaña electoral.