19, xullo, 2019. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, lamentou este venres a “chegada desafortunada” de Gonzalo Caballero no Parlamento de Galicia. Tal e como recordou o número dous dos populares galegos, na súa primeira intervención como deputado, o líder socialista non só aproveitou para menosprezar unha vez máis ao presidente da Xunta, senón que tamén aos ex presidentes autonómicos de Castela e León e de Asturias -este último, militante do PSOE-, que recibirán as Medallas de Ouro de Galicia a vindeira semana.
Para Tellado, a soberbia que adorna a Gonzalo Caballero non vai aparellada ao seu currículo, xa que carece de experiencia política. Neste senso, recomendoulle “humildade e respecto por quen si ten dedicado a súa vía a pelexar pola súa Comunidade e a traballar polos seus veciños”. “Lamentamos -continuou- que Gonzalo Caballero non se pareza a Javier Fernández no seu compromiso de defender os intereses da súa comunidade por riba dos do seu partido”. O secretario xeral do PPdeG amosouse convencido de que este querería que os socialistas galegos o respectasen tanto como o fan os populares.
Do mesmo xeito, Tellado ironizou coa “esperada” entrada de Gonzalo Caballero á Cámara galega, xa que agardou dous anos para facelo e porque o momento elixido foi cando xa non hai actividade parlamentaria: “Entendemos que ve este ano de deputado como unhas vacacións da súa vida laboral”.
O CINISMO DO BNG
Por outra banda, referiuse ao cinismo e á hipocrisía do BNG no proceso de conformación dos Gobernos das Deputacións provinciais. E é que, tal e como dixo, os nacionalistas, tras considerar ditas institucións inútiles e anacrónicas e tras avogar pola súa desaparición, hoxe están no goberno de tres delas e na cuarta intentárono con Ciudadanos, “un partido ao que Ana Pontón cualificou como a extrema dereita antigalega”.
Por iso, non entende que partidos como o BNG e Ciudadanos en Galicia pretendan gobernar estes entes -mesmo pactando entre eles- cando queren eliminalos. Así, o secretario xeral do PPdeG considerou que os galegos non se merecen que as institucións estean gobernadas por persoas que non cren nelas nin que haxa partidos que só as ven como “un instrumento para satisfacer os seus intereses económicos”.
UNHA HOMENAXE Á GALICIA RURAL
Para rematar, o número dous dos populares galegos anunciou que, o vindeiro martes 23 de xullo, o PPdeG celebrará o seu tradicional acto polo Día de Galicia. Nesta ocasión, terá lugar en Lalín, onde se realizará unha ofrenda floral na escultura de Balbino, na rúa Memorias dun Neno Labrego. Tal e como apuntou Tellado, esta conmemoración, ademais de ser o peche do curso político para os populares, “servirá tamén como unha homenaxe á Galicia Rural, personificada nun Balbino que é unha das personaxes máis universais da nosa literatura, e a Xosé Neira Vilas, un dos escritores clave deste século e do pasado para Galicia”.