Santiago, 11 de outubro de 2018.- O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, salientou hoxe que as 55 propostas de resolución aprobadas hoxe no Debate sobre o Estado da Autonomía “van encamiñadas ao crecemento económico, a creación de emprego, a mellora dos servizos públicos e, en definitiva, da estabilidade da Galicia de hoxe e a construción da Galicia de mañá”.
Miguel Tellado manifestou que o Debate sobre o Estado da Autonomía foi un “reflexo perfecto da imaxe política de Galicia, cun Goberno galego que traballa comprometido co futuro e doutro lado cunha oposición apocalíptica e moi pouco propositiva”. “Seguen centrados en si mesmos, nas súas confrontacións e insistindo nos erros de sempre, polo que seguimos escoitando vellas propostas que xa foron rexeitadas polos cidadáns cando toca decidir”, indicou.
“Chegamos ao ecuador da actual lexislatura con todos os indicadores en cifras positivas: crece a economía galega, o emprego, as exportacións, o turismo e o índice de produción industrial”, subliñou o viceportavoz popular.
Respecto das resolucións aprobadas no Debate, Tellado indicou que “nun momento no que o Goberno de España se dispón a poñer en perigo a recuperación que tanto nos costou construír, consideramos imprescindible seguir apostando polo crecemento, ao tempo que as políticas sociais e a defensa dos nosos servizos públicos seguen sendo un dos principais eixos de preocupación deste goberno e da maioría parlamentaria que o sustenta”.
COMPROMISO CO ESTADO SOCIAL
“Nun momento no que parecen estar de moda os partidos que desprestixian as nosas institucións, ou que menosprezan o Senado porque non o controlan, o Grupo Popular aposta por reivindicar o noso compromiso co Estado Social, Democrático e de Dereito no que vivimos”, asegurou o viceportavoz popular.
Neste sentido, referiuse á defensa da Constitución, pedindo o reforzo do Senado como Cámara de representación territorial; á adopción de medidas encamiñadas a facilitar ás familias vítimas da guerra civil e da represión franquista a localización, exhumación e traslado, se procede, dos restos mortais dos seus familiares; á cooperación cooperación entre administracións, para que catástrofes coma a do Marisquiño en Vigo sexan evitables; na loita contra a corrupción, demandándolle ao Estado que regule a actividade dos grupos de intereses; ou prestixiando o servizo público aos cidadáns. “Cremos que nin a inviolabilidade nin a inmunidade dos parlamentarios poden ser un escudo para dicir o que un queira, para imputar delitos alegremente ou para intimidar aos cidadáns aos que queremos representar”, manifestou.
Respecto dos grupos da oposición, Miguel Tellado explicou que “temos un BNG que segue sen máis proxecto para Galicia que copiar ao nacionalismo catalán: o seu modelo de confrontación social, de fuga de empresas e de decrecemento económico; un PSdeG anestesiado que defende todos e cada un dos agravios que Pedro Sánchez está a cometer con Galicia; e unhas Mareas de Podemos que viven no conflito permanente”.