A Coruña, 16 de agosto de 2016.- O deputado autonómico Gonzalo Trenor defendeu esta mañá que outra maioría de Alberto Núñez Feijóo é a “única alternativa para impedir que o desgoberno que impera na cidade da Coruña se traslade ao resto de Galicia”.
Acompañado pola tamén deputada Sandra Devesa, e durante a rolda de prensa na que realizou un balance do que foi a actividade parlamentaria durante o mandato dos populares na Xunta de Galicia, Trenor subliñou que só outro goberno “estable, moderado e razoable” dos populares “garantiría” que a comunidade autónoma siga a ser un “referente” de solvencia económica e na mellora dos servizos públicos.
“Ninguén pode negar que Galicia está mellor que hai catro anos e que, ademais, está mellor para máis xente”, apuntou Trenor, quen destacou que toda esta melloría levouse a cabo nun momento económico “extremadamente complicado” en todo o país.
Así mesmo, Trenor defendeu que este “crecemento sólido” baséase en melloras estruturais da economía como o “récord histórico de exportacións” acadado o pasado ano ou o “máximo histórico” de visitantes turísticos conseguido no primeiro semestre deste mesmo ano.
Parálise na cidade
Fronte ás políticas económicas do goberno da Xunta como exemplo de “boa xestión”, Trenor alertou da parálise na que caeu a cidade da Coruña desde a chegada a María Pita da Marea Atlántica.
Neste sentido, o deputado lembrou que a taxa de paro en Galicia é 3 puntos inferior á existente no comezo da lexislatura, que hai case 50.000 afiliados máis á seguridade social e que “levamos once trimestres seguidos con taxas positivas de crecemento interanual do PIB”.
“A cidade de Coruña é a única de todas as galegas que encadea dous trimestres incrementando o número de persoas que buscan emprego”, afirmou Trenor, quen puxo sobre a mesa que este é “só un exemplo máis da incapacidade que teñen as mareas para xestionar e impulsar proxectos”.
Ademais, o popular puxo hoxe a cidade herculina como exemplo das posibles consecuencias da teórica alternativa ao goberno de Feijóo na Xunta: incapacidade de chegar a acordos entre as forzas que constituirían ese hipotético goberno galego e incapacidade absoluta para mostrar ningún proxecto común.
Mellores servizos sociais
Por outra banda, Trenor fixo fincapé na forte aposta do goberno de Feijóo polo fomento da natalidade e da conciliación familiar. Deste xeito, destacou o incremento dun 76% das prazas de escolas infantís financiadas con fondos públicos dende o ano 2009 así como a existencia das mellores deducións fiscais por fillo de todo o Estado ou as medidas de conciliación aprobadas para os empregados públicos: aumento en dúas semanas dás baixas laborais por fillo e instauración da xornada flexible.
O deputado subliñou tamén os catro millóns de euros que a Xunta investirá durante os próximos meses nos colexios de Novo Mesoiro, Culleredo ou Ramón da Sagra, confirmando así a tendencia de que o goberno popular “duplicou” o investimento en grandes infraestruturas na área metropolitana da Coruña respecto ao último goberno bipartito.
No referente á atención sanitaria e social, Trenor fixo fincapé nos 26 centros de saúde creados nestes oito anos, así como a aposta do goberno de Feijóo polo envellecemento activo, que o ten levado a duplicar os usuarios de teleasistencia, a duplicar as prazas de centros de día e a pasar de 2.700 a case 12.000 usuarios do servizo de axuda no fogar.
Neste senso, Trenor esixiu ao goberno de Xulio Ferreiro que poña ao dispor da Xunta canto antes un “espazo adecuado” para poder levar a cabo o proxecto para a construción dun novo centro de saúde no mercado de Santa Lucía.