Alfonso Rueda: “Cada galego, viva onde viva e vote o que vote, ten en min alguén en quen confiar”

Hoxe, no mitin de peche de campaña na Coruña ao que asistiron 3.500 persoas e no que tamén participaron o presidente nacional do PP, Alberto Núñez Feijóo, o cabeza de lista pola provincia, Diego Calvo, e o presidente local do partido, Miguel Lorenzo

  • Se obtén a confianza dos galegos para seguir dirixindo o destino de Galicia, comprométese a “gobernar para todos sen sectarismos, sen adoutrinamentos, sen fronteiras e sen divisións entre bos e malos”
  • “Votemos polo que somos, polo que é Galicia: unha terra aberta e que quere un futuro compartido. Non é o momento de separarse. É o momento de superarse e facelo xuntos e convencidos”, engade
  • “Este domingo hai que atender á familia, aos amigos, facer deporte, descansar, pero sobre todo votar. Non hai escusa de ningún tipo”, afirma

O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, fixo hoxe un chamamento a “seguir construíndo a Galicia que soñaron os nosos pais e avós para poder legarlle o mellor aos nosos fillos”, onde a ninguén se lle pregunte de onde vén ou o que pensa e que só mire cara o futuro: “Cada galego, viva onde viva e vote o que vote, ten en min alguén en quen confiar”

O líder dos populares galegos iniciou a súa intervención agradecendo a todos os que fixeron posible unha campaña electoral “inesquecible” enchendo masivamente todos os lugares onde se celebraron mitins ao longo destes 15 días, incluídos os galegos que desde o exterior “viven Galicia en primeira persoa, con preocupación, con actitude construtiva e con sentimento”.

“Esta gran mobilización era necesaria e demostra aos que pensaban que isto non podía ser como sempre que non só foi como sempre, senón que foi a mellor campaña do Partido Popular de Galicia”, afirmou antes de pedir aos seus un último empuxón para seguir traballando “con convicción e disposición a falar con quen queira escoitar” ata o 18 de febreiro.

Subliñou acto seguido que non importa o tempo que faga o domingo, xa que o que realmente importa é votar e encher as urnas: “Este domingo hai que atender á familia, aos amigos, facer deporte, descansar, pero sobre todo votar. Non hai escusa de ningún tipo. E, se votamos, o domingo pola noite celebraremos e o luns porémonos a traballar”.

Alfonso Rueda aproveitou este último día de campaña para volver pedir o voto “para a Galicia que funciona” dirixíndose tanto a todos aqueles que sabe con seguridade que o van votar como a aqueles que, máis que nunca, “están agardando que alguén lles pida a súa confianza con argumentos e convicción”.

A todos eles dálles a súa palabra de que non vai renunciar a nada do que prometeu en campaña, nin fará cousas que dixo que non faría. Remarcando que todo aquel que vota ao PPdeG ten que ter claro que vota a un partido que “cumpre os seus compromisos porque cre no valor da palabra dada”.

Pediu así a confianza de todos eses votantes do PSOE que xa non recoñecen nin entenden a un partido “rendido ás ordes dos de arriba e totalmente entregado ao independentismo”. A todos eses “verdadeiros socialistas” aseguroulles que poden confiar nel do mesmo xeito que aqueles que noutras ocasións votaron a outras formacións: “Esta vez necesitámosvos máis que nunca”.

“Despois de que todos fagamos unha reflexión e de que cada un vote o que estime conveniente, eu me comprometo a que, se obteño a confianza dos galegos para seguir dirixindo o destino de Galicia, a gobernar para todos sen sectarismos, sen adoutrinamentos, sen fronteiras e sen divisións entre bos e malos”, afirmou.

“EN GALICIA CABEMOS TODOS”

Alfonso Rueda reivindicou “liberdade para sentir, vivir e falar nunha Galicia na que cabemos todos” fronte aqueles que pensan que “só serve o seu xeito de pensar, que só hai unha maneira de sentir e de ver a vida” e “non entenden o orgullo e o recoñecemento que supón ter dúas linguas nas que poder falar”.

“Este domingo votemos polo que somos, polo que é Galicia: unha terra aberta e que quere un futuro compartido. Non é o momento de separarse. É o momento de superarse e facelo xuntos e convencidos”, engadiu convencido de que “nunha Galicia que se supere hai moitas máis vantaxes que nunha Galicia que se separe”.

Defendeu así a Galicia do sentidiño, que convive tranquila e sen crisparse, que é líder en formación da xente nova, en innovación, en apoio ás familias, en servizos públicos e na que cada mozo ten garantido un futuro a través do ensino en todas as etapas educativas.

E, do mesmo xeito, avogou por unha Galicia que siga ofrecendo alternativas ao abandono escolar, na que se paguen cada vez menos impostos, que estea mellor comunicada, que respecte aos maiores, que respecte o seu patrimonio natural e cultural e que aproveite as oportunidades de crear emprego e riqueza.

“Quero unha Galicia na que cada galego poida elixir como vivir e como quere que sexa a súa propia historia. Unha Galicia sen imposicións, que viva en liberdade, en plenitude e sen complexos. Unha Galicia orgullosa de si mesma e que non teña necesidade de mirar cara outros lados nin de importar modelos fracasados”, concluíu Rueda pedindo a todos os galegos que “voten con orgullo do que somos”.

Alfonso Rueda remata a súa campaña en Ourense e pide á provincia os resultados espectaculares que sempre lle deu ao PP

Hoxe, nun mitin-festa fin de campaña en Ourense acompañado pola cabeza de lista pola provincia, Elena Rivo, a tamén candidata Victoria Núñez e o líder provincial do PP, Luis Menor

  • Quixo trasladar tamén o seu orgullo polo feito de que o PP de Ourense estea tan forte e unido
  • Luis Menor reivindica o seu pacto con Alfonso Rueda para a cidade de Ourense: “Un compromiso coa cidade que recolle 12 propostas concretas, serias, rigorosas e realizables, con proxectos cuantificados nos ámbitos sanitario, de vivenda, servizos sociais, transporte público, mobilidade sostible, deporte, turismo ou a mellora dos servizos administrativos”
  • Elena Rivo: “Somos a Galicia da confianza fronte aos bandazos dos demais, ofrecemos unidade fronte as liortas doutros e traballamos por solucionar os problemas, non por aumentalos”

O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, rematou esta noite a súa campaña na cidade de Ourense trasladando o seu orgullo polo feito de que o PP de Ourense estea tan forte e unido e apelando aos bos resultados que o partido sempre acada na provincia.

Nun mitin-festa celebrado na cancha central do Pavillón dos Remedios, o líder dos populares galegos propuxo unha Galicia que funcione desde o primeiro momento e ao xeito de Galicia: con unidade, con sentidiño e coa esixencia de mellorar cada día. Por iso pediu o voto “por todo o que podemos acadar se en Galicia permanecemos xuntos”.

Ante aos asistentes ao mitin-festa de fin de campaña celebrado en Ourense, reivindicou que, fronte á Galicia do separatismo –na que só cabe un xeito de pensar, un xeito de sentir e un xeito de falar–, na Galicia que el propón todos os galegos teñen cabida.

Chamou a esquivar os obstáculos que impiden o avance e a evitar un porvir cunha sociedade partida votando pola Galicia que funciona e que ten que seguir sendo como é, por moito que algúns queiran impoñer aos galegos como teñen que ser.

Rueda quere, coa confianza dos galegos, comezar a construír a Galicia da nova década desde o próximo luns. Unha Galicia na que cada galego poida elixir o seu xeito de vivila e sexa dono do seu propio futuro sen imposicións nin complexos, senón desde a liberdade e en plenitude.

Reafirmando o orgullo de ser galego, pediu o voto ofrecéndose a liderar a Galicia que se sinte orgullosa do que é, que vai unida cara adiante, que constrúe España, na que se pode confiar, que non imita problemas alleos. Unha Galicia, en definitiva, que funciona libre de imposicións e submisións a intereses ideolóxicos e persoais.

LUIS MENOR: “OURENSE NON VAI FALLAR”

O presidente provincial dos populares, Luis Menor, proclamou que “Ourense non vai a fallar” este domingo. Afirmación que avalou logo da multitudinaria resposta á convocatoria do mitin nos Remedios: “Todo un desafío volver a encher esta cancha central e darlle outra noite gloriosa ao PP”.

Menor, que fixo unha mención especial “a todos os ourensáns que desde moitos recunchos do mundo quixeron colaborar nesta campaña”, agradeceu o intenso traballo da candidatura, presidentes das xuntas locais e dos distritos da cidade, de afiliados, de simpatizantes e de voluntarios, nunha campaña que contou con máis de 100 actos na cidade e máis de 80 na provincia.

“Unha media de 12 actos electorais diarios é algo que non está ao alcance dos outros partidos, igual que encher esta cancha central non é froito da casualidade: é froito da potencia e da capacidade de mobilización e traballo do Partido Popular en Ourense”, afirmou.

No que atinxe á única opción válida para este domingo, o líder dos populares ourensáns sinalou que “todos queremos o modelo de estabilidade que desfrutamos”. Lembrou tamén Luis Menor que o seu pacto con Alfonso Rueda para a cidade de Ourense: “Un compromiso coa cidade que recolle 12 propostas concretas, serias, rigorosas e realizables, con proxectos cuantificados nos ámbitos sanitario, de vivenda, servizos sociais, transporte público, mobilidade sostible, deporte, turismo ou a mellora dos servizos administrativos da Xunta de Galicia”.

ELENA RIVO: “PAGA A PENA ESTE ESFORZO FINAL”

Pola súa banda, a cabeza de lista do PP por Ourense, Elena Rivo, proclamou que “esta magnífica candidatura de Ourense e os nosos militantes estamos de festa despois dunha campaña na que deixamos claro que Galicia funciona e Galicia namora”.

“O perigo é real. Podemos acabar con todo o bo que conseguimos nestes últimos anos cos gobernos do PP na Xunta de Galicia e contaxiarnos dos males do independentismo e do radicalismo que sofre España”, advertiu Rivo.

“Paga a pena este esforzo final porque somos a Galicia da confianza fronte aos bandazos dos demais, ofrecemos unidade fronte as liortas doutros, traballamos por solucionar os problemas, non por aumentalos; damos estabilidade fronte ao caos,  temos experiencia e estamos avalados polos resultados de tantos anos de xestión”, concluíu.

Alfonso Rueda: “A xente está convencida de que o domingo hai que elixir entre a Galicia que funciona ou un multipartito de esquerdas”

Hoxe, en declaracións aos medios en Pontevedra logo dun encontro con interventores e membros do equipo de campaña do partido

  • Traslada o seu agradecemento a todos os interventores e apoderados que “o domingo estarán representando ao PPdeG e a disposición de todos os votantes”, despois dunha campaña de contacto directo coa xente a pé de rúa, actos sectoriais e almorzos informativos
  • “Pido unha confianza máxima, con máis razón e con máis forza que nunca, no Partido Popular”, subliña
  • Apela á confianza dos que “non queren que Galicia caia en mans dun goberno que ten como obxectivos a independencia, a imposición lingüística ou a desaparición das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado

O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, quixo iniciar o seu último día de campaña en Pontevedra para coller forzas coa súa xente e, nun encontro con interventores e apoderados, asegurou estar “satisfeito, tranquilo e convencido” de que os galegos sexan conscientes que este domingo, 18 de febreiro, “hai que elixir entre a Galicia que funciona ou un multipartito de esquerdas”.

Insistiu en que durante a campaña e nas próximas horas o seu obxectivo foi e será “pedir a confianza maioritaria dos galegos fronte ao radicalismo do nacionalismo independentista e a resignación dun PSOE disposto a ceder en todo”. De feito, pediu o voto de todos aqueles que “non queren que Galicia caia en mans dun goberno que ten como obxectivos a independencia, a imposición lingüística ou a desaparición das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado”.

“Todo iso pode instalarse aquí e por iso pido unha confianza máxima, con máis razón e con máis forza que nunca, no Partido Popular e na Galicia que funciona”, explicou amosando a súa satisfacción co traballo feito durante estes 15 días nos que “fixemos a campaña que nos gusta facer”.

Destacou así o contacto directo coa xente a pé de rúa e a través de actos sectoriais de todo tipo (culturais, deportivos, sociais…) e almorzos informativos nas sete cidades con gran afluencia. “A xente quixo escoitar as nosas propostas e decidir en consecuencia porque para iso son as campañas, sen necesidade de entrar nas descualificacións nin no insulto persoal”, subliñou.

Alfonso Rueda aproveitou o seu encontro con interventores e membros do equipo de campaña do PP de Pontevedra para darlle as grazas e facer extensivo o seu agradecemento “a todos os interventores e apoderados que o domingo estarán representando ao PPdeG, a disposición de todos os votantes, e formando parte dun dispositivo que permitirá que a xornada electoral transcorra con total normalidade”.

O presidente e candidato percorrerá durante esta xornada as catro provincias galegas, xa que logo deste encontro en Pontevedra realizará un paseo por Lugo, participará logo no mitin de peche de campaña –xunto ao presidente nacional do PP, Alberto Núñez Feijóo– e rematará no mitin-festa de fin de campaña organizado polo PP de Ourense.

Catro recoñecidos artistas galegos mostran o seu apoio a Alfonso Rueda: “Unha rueda que nos fai rodar a todos nós”

Catro recoñecidos artistas galegos mostran o seu apoio a Alfonso Rueda: “Unha rueda que nos fai rodar a todos nós”

Catro recoñecidos artistas galegos mostran o seu apoio a Alfonso Rueda A través dun vídeo publicado polo PPdeG nas súas redes sociais

  • Agradecen o apoio recibido e o seu impulso á creación e difusión da arte galega reivindicando o bo momento que vive o tecido cultural na nosa Comunidade
  • Acislo Manzano, Antón Lamazares, César Taboada e Manolo Paz interveñen no vídeo para defender que apostar pola cultura é apostar tamén por Galicia e que así se ten demostrado con feitos desde o Goberno autonómico

Os artistas galegos mostran o seu apoio ao presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, nun vídeo no que agradecen o apoio recibido polo Goberno galego nestes anos no impulso da creación e difusión da arte galega e reivindican o bo momento que vive o tecido cultural de Galicia.

Catro recoñecidos artistas galegos mostran o seu apoio a Alfonso Rueda: “Unha rueda que nos fai rodar a todos nós”
Catro recoñecidos artistas galegos mostran o seu apoio a Alfonso Rueda: “Unha rueda que nos fai rodar a todos nós”

O escultor ourensán Acislo Manzano reivindica que “os artistas son valiosos para o Goberno” e que este á súa vez tamén o é para eles na medida en que “ofrece liberdade e apoio”. O cal constitúe para el “a esencia galega” e un elemento fundamental para que os artistas poidan traballar por e desde Galicia: “Non hai que ir a Nova York, nin a París, nin a Roma porque en Galicia temos o que esa xente non ten”. E no que se refire ao presidente non dubida en afirmar: “É unha gran rueda que nos fai rodar a todos nós”.

Nesta mesma liña, o pintor lalinense Antón Lamazares considera que o programa de Alfonso Rueda vai na liña de “multiplicar a cultura” e que iso supón tamén “defender a casa grande que é Galicia” do mesmo xeito que fixera no seu día o presidente Manuel Fraga.

“O Goberno galego apostou claramente polas diferentes sensibilidades artísticas que hai en Galicia e asignou, por primeira vez en moito tempo, un papel fundamental ás ensinanzas de Arte”, sostén pola súa banda o tamén pintor César Taboada recordando a creación de novas escolas e centros artísticos “con todos os elementos da contemporaneidade”. O artista ourensán engade neste sentido: “Temos todo en Galicia, sen ter que saír de aquí”.

Por último, o escultor cambadés Manolo Paz recoñece abertamente que todo o que pode dicir da xestión cultural do Goberno galego é positivo, na medida en que no seu caso persoal contou co apoio que precisaba para poder levar a cabo un proxecto “moi ambicioso” de expoñer a súa obra en tres lugares catalogados como Patrimonio da Humanidade. “Somos galegos e debemos demostralo coa nosa cultura”, conclúe.

ENLACE DO VÍDEO EN REDES SOCIAIS