Iniciativa sobre o desenvolvemento polo Goberno galego dun procedemento integral de mellora tecnolóxica dos equipos de diagnóstico e dos bloques cirúrxicos no sistema sanitario
A dixitalización foi un dos piares fundamentais da mellora da asistencia sanitaria que ten experimentado Galicia nos últimos anos. A extensión do sistema IANUS de historia clínica electrónica e do sistema de receita electrónica foi un paso de xigante tanto na sistematización da información por parte dos profesionais como na comodidade para o paciente. En 2009, só 3 de cada 1000 receitas se expedían de xeito electrónico. Hoxe practicamente o 100%.
Asemade, impulsouse a e-interconsulta, que permite un diálogo permanente entre a Atención Primaria e Especializada e os distintos servizos hospitalarios, implantáronse no 100% dos centros de saúde solucións de telemedicina e dixitalizouse a imaxe médica xerada no SERGAS, facilitando o acceso de probas como as radiografías desde calquera centro sanitario.
Por outra banda creouse TELEA, unha plataforma de xestión da cronicidade que contribúe a unha atención primaria máis proactiva. En 2019 a porcentaxe de centros que teñen instalado TELEA chegara xa ao 100%, o que sería de vital importancia cando a comezos de 2020 irrompeu a pandemia da covid-19.
Paralelamente, en 2015 púxose en marcha o maior investimento do SERGAS en tecnoloxía: 78,5 M€ a través do Socio Tecnolóxico para a renovación de equipamento. Unha importante aposta técnica ao establecer o maior nivel tecnolóxico posible dentro dos estándares de dotación definidos polo Sergas, mantelo no tempo e adecualo ás necesidades das diferentes tipoloxías de centros sanitarios.
Na anterior lexislatura, os hospitais da Coruña e Vigo estrearon os primeiros quirófanos híbridos. Na actual, os centros hospitalarios precisan de novas melloras para incorporar a tecnoloxía máis punteira e por iso o Partido Popular de Galicia incluíu no seu programa electoral para as eleccións autonómicas de 2020 iniciativas como a incorporación da cirurxía robotizada ou de melloras nas ferramentas de imaxe diagnóstica.
En anteriores ocasións, tanto en debates específicos sobre o tema como nas súas emendas na tramitacións das leis de orzamentos, os grupos da oposición sempre expresaron reticencias e desconfianza ao respecto dos fondos que a Xunta e o SERGAS destinaban á modernización tecnolóxica do sistema de saúde galego.
Por iso, e na perspectiva das posibles candidaturas á obtención de fondos estatais e europeos para este punto, o Grupo Parlamentario Popular cre oportuno acadar un acordo parlamentario que dea un mandato á Xunta para priorizar este investimento.
Por todo o exposto, desde este Grupo Parlamentario, presentamos a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a desenvolver un procedemento integral de mellora tecnolóxica dos equipos de diagnóstico e dos bloques cirúrxicos destinado á adquisición de tecnoloxía punteira de diagnóstico por imaxe e ecografía así como á instalación de quirófanos intelixentes e robots cirúrxicos que faciliten a realización de técnicas cirúrxicas menos invasivas e de maior precisión”.