Feijóo: “Non quero para Galicia a irresponsabilidade que houbo en España estes meses”

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, sinalou que non quere para Galicia a irresponsabilidade que houbo en España estes últimos meses senón que quere que volva ao país a responsabilidade que si hai na nosa comunidade.

Segundo indicou, o fracaso que partidos como o PSOE, Ciudadanos, Podemos e os nacionalistas arrastraron a todo o país, ata ter que celebrar uns novos comicios xerais, tamén ten que ser só deles o día das eleccións. 
Así mesmo, apuntou que se os populares fixeran como o resto, hoxe en Galicia estariamos vendo que partidas recortar. Sen embargo, agora o que se fai é elixir en que investimos para solucionar os problemas sociais derivados da crise e para garantir o futuro, xa que aquí houbo a responsabilidade que faltou este tempo en España.
O presidente tamén asumiu que agora non será sinxelo vencer ao hastío merecido contra a política posto que, se en decembro viñamos de catro anos de responsabilidade que levaron ao conxunto do Estado a volver crecer, en xuño vimos de cinco meses de irresponsabilidade que levaron ao bloqueo. Por este motivo salientou que agora é máis urxente que entón que o país despexe o seu futuro.
Ademais, Feijóo apuntou que co PP non hai que escoller entre Galicia e España porque elíxense as dúas, cun candidato galego, Mariano Rajoy, que vai coidar dos intereses da nosa comunidade porque “é un de nós”.
O líder do PPdeG tamén incidiu en que teñen que ser os populares os que se acheguen á xente sendo, ademais, o único partido que demostrou que cumpriu co seu deber.
 
PROXECTO PARA GALICIA
O dirixente, que presidiu esta tarde a primeira Xunta Directa do partido tralo XVI Congreso autonómico, afirmou que os populares teñen un nivel de esixencia maior porque en eles tamén hai un caudal de confianza e esperanza máis grande, así como teñen o listón máis alto por ter a obriga de construír, servir e concretar, sen ser simples comentaristas de tertulias ou de twitter.
No acto, Feijóo agradeceu aos afiliados darlle plena liberdade para propoñer o seu equipo e despois ratificalo nas urnas, asegurando que hai que merecer formar parte do maior órgano do primeiro partido de Galicia, xa que non só é unha honra senón tamén son deberes. Deste xeito, admitiu que hai que exercer cada día por Galicia e por España, sendo dignos representantes dos afiliados, dando o máximo deles mesmos e cumprindo co seu deber.
Nese senso, lembrou que veñen do proceso de Congresos de maior renovación no partido nos últimos anos e falou da capacidade de estar en disposición de só ter que estar pendentes de servir a Galicia sen depender de ninguén. Así, a diferenza entre os populares e o resto de formacións é que eles teñen algo que os une, que é un proxecto para Galicia, mentres os demais autodestrúense.
Así mesmo, incidiu en que no seu Congreso eles falaban do seu compromiso, que é a nosa comunidade, pero nos procesos dos demais adversarios só saben falar de Feijóo.
O presidente tamén puxo en valor a liberdade que permite ao PP servir a Galicia, algo para o que se precisa ter as dúas mans libres e non como lles ocorre ao resto, que teñen as mans atadas ao favor da UPG, Sánchez, Rivera, Iglesias ou das outras forzas das que dependan para pactar.
Pola contra, admitiu que el si é libre como candidato “sen máis debe que Galicia”, e é libre como presidente “sen máis debe que os galegos”.
 
[iframe width=”600″ height=”350″ src=”https://www.youtube.com/embed/a17edmsNKw4″ frameborder=”0″ allowfullscreen ]

Puy:”A gobernabilidade en España se facilitaría se goberna quen ten maior respaldo”


O portavoz do Grupo Popular sinalou que o PP debe “traballar arreo para facer ver que a situación é moi complexa”

 


PEDRO PUY ASEGURA QUE A GOBERNABILIDADE EN ESPAÑA SE FACILITARÍA “SE GOBERNA QUEN TEN O MAIOR RESPALDO DA CIDADANÍA, QUE DE ACORDO COAS ELECCIÓNS E AS ENQUISAS É O PP”

Santiago, 6 de xuño de 2016.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, manifestou hoxe que a gobernabilidade de España se facilitaría “se quen goberna é quen ten o maior respaldo da cidadanía, que de acordo coas eleccións e co que vamos coñecendo das análises demoscópicas é o Partido Popular”.

A preguntas dos medios sobre o posible sorpasso de Unidos Podemos ao PSOE nas vindeiras eleccións xerais, Pedro Puy salientou que “as enquisas reforzan ao PP e a consolidación e a fidelidade do seu voto”, polo que avanzou que “o feito de que quede un ou outro partido por diante non vai contribuír a facilitar a gobernabilidade”.


ESFORZO DE RESPONSABILIDADE

Neste sentido, Puy apuntou que cos datos aportados polas enquisas “vanse manter ou mesmo incrementar as dificultades para organizar un goberno estable en torno á confluencia dos grupos máis extremistas co PSOE”. Esta situación “vai esixir un especial esforzo de responsabilidade ao PP”, que a xuízo do portavoz popular debe centrarse máis en confirmar que os cidadáns avalíen o feito desde as eleccións de decembro que de preocuparse por quen quede segundo.

Pedro Puy sinalou que o PP debe “traballar arreo para facer ver que a situación é moi complexa”, agravada porque a partir do mes de xaneiro “non teremos o colchón duns orzamentos aprobados que permitan que a xestión pública siga realizándose sen problema”.  

Por este motivo, considerou necesario “intentar convencer aos cidadáns de que estamos no bo camiño e a alternativa pode conducir a unhas incertezas e incapacidades de formar goberno que non a fan boa”.

Puy salienta a importancia da proposición de lei de transporte público de Galicia

O Grupo Popular espera que a oposición apoie a proposta de declaración institucional de apoio aos traballadores de Alcoa

PUY SALIENTA A IMPORTANCIA DA PROPOSICIÓN DE LEI DE TRANSPORTE PÚBLICO PARA “DAR GARANTÍAS XURÍDICAS A UN SECTOR QUE ESTÁ ACOMETENDO TRANSFORMACIÓNS IMPORTANTES”

Santiago, 6 de xuño de 2016.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, salientou hoxe a importancia da proposición de lei de medidas urxentes para a actualización do sistema de transporte público de Galicia, que mañá inicia a súa tramitación parlamentaria co debate de toma en consideración en Pleno, porque “é necesario dar garantías xurídicas ao sector, que está acometendo unha serie de transformacións importantes para mellorar o servizo que prestan aos cidadáns”.

Pedro Puy lembrou que o cumprimento da sentenza do Tribunal Supremo supuxo que dos 145 contratos de transporte interurbano existentes en 2009, só 14 manterían a súa vixencia. Neste sentido, indicou que esta proposición de lei é “unha saída falada co sector, establecendo un marco que garante a elaboración dun plan de transporte para sacar a concurso as liñas e que as decisións que se adoptaron para mellorar o servizo se manteñan ao longo do tempo”.


DECLARACIÓN ALCOA

Na súa comparecencia ante os medios logo da reunión dos deputados do Grupo Popular para preparar a sesión plenaria desta semana, o portavoz amosou a confianza en que “os grupos da oposición apoien a declaración institucional de apoio aos traballadores de Alcoa, que están a vivir incertezas en relación á situación das plantas de A Coruña e San Cibrao”.

Puy tamén se referiu á comparecencia do conselleiro de Educación en relación coas decisións adoptadas polo Goberno galego en relación coa posibilidade de utilizar a maior marxe de déficit autorizado polo Goberno central para a realización de investimentos no ámbito da educación.

CONCERTO CONTRARIO AOS INTERESES

Respecto da proposición de lei do BNG para que se aprobe o concerto económico para Galicia, o portavoz popular manifestou que no Partido Popular “non compartimos nin as contas da vella que botan os nacionalistas respecto do concerto económico, nin a filosofía subxacente”, xa que considerou que “esa norma sería moi contraproducente e contraria aos intereses de Galicia”.

Para rematar, Pedro Puy salientou que, “pese a que estamos nun proceso electoral de xerais e as próximas eleccións autonómicas, o Parlamento galego está a aproveitar o período de sesións para a aprobación de medidas e tramitar normas como a modificación da Lei de Servizos Sociais, o proxecto de Lei de área metropolitana de Vigo ou a que afecta ao transporte público por estrada”.

[iframe width=”600″ height=”350″ src=”https://www.youtube.com/embed/_PAUo_qhZfE” frameborder=”0″ allowfullscreen ]

Tellado destaca a “sensibilidade verde” do PPdeG no Día Mundial do Medio Ambiente

Compromete a continuación desta aposta medioambiental coa elaboración dunha nova Lei de Conservación da Natureza

Tellado destaca a “sensibilidade verde” do PPdeG como demostración de que é o partido que máis se parece a Galicia

• Destaca a recente posta en marcha pola Xunta da nova Rede de Parques Naturais de Galicia como un exemplo do compromiso do PPdeG co medio ambiente da nosa terra

• Refírese ao patrimonio natural galego como “unha peza fundamental na construción da nosa identidade como pobo” e afirma que o PPdeG “ten que levar integrado no seu proxecto de futuro para este país” a súa conservación

Pontedeume, 5 de xuño de 2016.- O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, animou no Día Mundial do Medio Ambiente a alcaldes, voceiros e membros de NN.XX. a “combinar o verde co azul do PPdeG” para parecerse máis a esa “Galicia verde e azul” que é a que “nos move”.

Despois dun paseo polo Parque Natural das Fragas do Eume, no que foi acompañado pola conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e polo presidente provincial do PPdeG, Diego Calvo, Tellado explicou a visita como unha contribución, por parte do PPdeG, á estratexia de difusión e posta en valor dos parques naturais de Galicia emprendida pola Xunta.

Neste sentido, Tellado destacou a recente posta en marcha por parte do Goberno de Feijóo da nova Rede de Parques Naturais de Galicia, co fin de “xestionar dun xeito coordinado tanto os parques como os monumentos naturais, os humedais ou as paisaxes protexidas”.

O secretario xeral do PPdeG enmarcou esta medida nunha aposta global da Xunta pola conservación do medio ambiente galego, que vai dende a posta en marcha de máis de 30 novas depuradoras para o saneamento das rías ata o incremento dos puntos limpos de recollida de residuos ou a posta en marcha de actuacións ambientais financiadas polo canon eólico.

Tellado comprometeu a continuación desta aposta “mentres os galegos e galegas nos outorguen a súa confianza” e salientou iniciativas de futuro como a inclusión de cláusulas ambientais na contratación pública autonómica ou o deseño, na próxima lexislatura, dunha Estratexia de Sustentabilidade Ambiental e dunha nova Lei de Conservación da Natureza.

O número dous do PPdeG identificou esta aposta polo medioambiente como un xeito de “defender Galicia”, ao considerar o patrimonio natural como “unha peza fundamental na construción da nosa identidade como pobo e da nosa forma de ser e de vivir”, ao nivel da lingua e da cultura.

Tras lembrar que o 12% da superficie da nosa Comunidade está cuberta de espazos protexidos, Tellado concluíu que “Galicia é fundamentalmente verde” motivo polo que, insistindo unha vez máis en que “somos o partido que máis se parece a Galicia”, afirmou que o PPdeG debe “ser tamén un partido cunha sensibilidade verde, cunha vocación de respecto e protección do medio ambiente”.

En consecuencia, o secretario xeral dos populares galegos manifestou o compromiso do seu partido de “levar integrado no seu proxecto de futuro para este país a conservación deste patrimonio que nos fai únicos”.

 

O PPdeG contará con Rajoy, Sáenz de Santamaría e outros cargos do partido nas xerais

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2016.- O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, avanzou que o PPdeG  contará coa presenza do candidato do PP á presidencia do Goberno, Mariano Rajoy, coa vicepresidenta do Goberno en funcións, Soraya Sáenz de Santamaría; e coa dos ministros e vicesecretarios do PP na campaña das eleccións xerais que arranca o vindeiro xoves. 

Tras confirmar tamén que o acto de inicio, coa tradicional pegada de carteis, terá lugar en Santiago de Compostela, anunciou que formularán unha campaña na que “falaremos menos e escoitaremos moito máis á xente”. 

“A cidadanía deixou claro que o panorama cambiou e que teñen inquedanzas novas que queren que sexan resoltas polos seus representantes, por iso o PPdeG sairá á rúa a escoitar aos galegos para tomar boa nota das súas preocupacións”, apuntou Tellado tras presidir o Comité de Campaña dos populares de Galicia para os comicios nacionais.

Así mesmo, fixo fincapé en que se trata dunhas eleccións que “lamentablemente téñense que repetir pola vontade de bloqueo dos partidos da esquerda” e que, a pesar de resultar perdedores,  “imposibilitaron que o partido que gañou puidera conformar goberno”. Por este motivo, engadiu que os partidos políticos, antes de pedir o voto, deberían pedir perdón ao conxunto da cidadanía por non ser quen de ter garantido a estabilidade política e institucional do noso país.

Segundo expresou, entenden que a cidadanía estea cansa e sinta frustración por enfrontarse a unha nova campaña, por iso traballarán nun novo formato máis participativo onde se reducirán os mitins, facendo a terceira parte dos se adoitaban levar a cabo nestes procesos. 

Nese senso, indicou que non haberá máis dun mitin diario na axenda do presidente, Alberto Núñez Feijóo. “A cambio faremos máis actos de cercanía, de rúa e de proximidade para escoitar e recibir as impresións dos distintos sectores e grupos sociais que conforman Galicia”, dixo.

“Asumimos que nos vai tocar formar Goberno en España e o que máis precisa o PP e ter coñecemento directo das cousas que preocupan á cidadanía do noso país”, aseverou ao tempo que recordaba que, tamén en poucos meses, deberase conformar Goberno na Xunta de Galicia “polo que a campaña ten que servir para tomar contacto cos distintos axentes socias e ir construíndo a continuación do noso proxecto para Galicia”.

Así mesmo, apuntou que os populares galegos levarán a cabo unha campaña coral na que participarán todo o PPdeG, xa que “para Galicia o fundamental non é ter un grupo parlamentario propio no Congreso senón que é ter na Moncloa un presidente galego e que se chama Mariano Rajoy”. 

Por outra banda, o secretario xeral tamén confirmou que no día de peche de campaña o presidente do PPdeG ten previsto estar nas catro provincias galegas.
 
[iframe width=”600″ height=”350″ src=”https://www.youtube.com/embed/vjc8X6AxiMw” frameborder=”0″ allowfullscreen ]

A Xunta destina preto de 20M€ a dar un novo impulso ás concentracións parcelarias

Alberto Núñez Feijóo destacou que a Xunta destinará preto de 20 millóns de euros derivados dos recursos adicionais do cumprimento do déficit para, no rural, mellorar a base territorial das explotacións, contribuír a diversificar as oportunidades e responder a diversas necesidades conxunturais, así como, no eido da pesca, mellorar as infraestruturas portuarias.
 
Máis polo miúdo, Feijóo destacou que nos próximos meses se inxectará unha achega de 4,2 millóns de euros para pechar as concentracións xa moi avanzadas e para decretar novas zonas de reestruturación.
 
Nesta liña, levaranse a cabo varias obras que permitan poñer á disposición dos propietarios as fincas afectadas por distintos procesos de concentración parcelaria, e que facilitarán o acceso a fincas ou a mellora das comunicacións en máis de 36.000 hectáreas, beneficiando en total máis de 25.000 familias. “E, tamén decidimos iniciar os traballos en novas zonas de reestruturación parcelaria, actuando en máis de 8.700 hectáreas, que beneficiarán máis de 3.300 propietarios”, engadiu.
No eido das infraestruturas, o titular da Xunta precisou que a Administración autonómica destinará 4,5 millóns de euros para poñer a punto numerosas infraestruturas nun total de 25 concellos. E, co obxectivo de diversificar as posibilidades no agro, destinarase unha liña de 2,6 millóns de euros para plantar no rural galego preto dun millón de castiñeiros, en case 1.000 hectáreas e beneficiando case 700 familias.
 
En relación ao sector lácteo, o titular da Xunta avanzou a aprobación dunha liña de axudas directas aos titulares das explotacións que teñan dificultades financeiras derivadas da súa actividade. “Estamos a falar dunha achega de 3 millóns de euros para axudar a aquelas granxas que teñan dificultades derivadas dun préstamo vinculado á explotación: que tivera que ser refinanciado, que tivera ampliado o prazo de pago ou o período de carencia, que tivera unha resolución xudicial de execución de hipoteca e que tivera débedas con provedores”, explicou.
 
Co fin de minorar os danos de determinadas especies animais –especialmente o xabaril e o lobo- sobre os cultivos agrícolas, destinaranse ademais 2 millóns de euros a distintos labores de prevención e de axudas aos afectados.
 
E, no tocante ao sector pesqueiro, Feijóo adiantou que a Xunta destinará unha achega de 3 millóns de euros co obxectivo de acometer de xeito inmediato obras de mellora en pantaláns e de mellora da seguridade dos portos.
 
“En definitiva, con esta partida de preto de 20 millóns de euros adquirimos un compromiso adicional co sector primario, destinando recursos para que case 30.000 propietarios poidan ter ordenadas máis de 44.000 hectáreas en concentracións parcelarias; para mellorar infraestruturas rurais en 25 concellos; para axudar a que preto de 700 familias fagan plantacións de case 1 millón de castiñeiros; para dar apoio aos afectados polos danos que ocasionan o xabaril e o lobo; para que as explotacións lácteas con créditos pendentes poidan dispoñer de axudas directas; e para levar a cabo infraestruturas portuarias”, aseverou.
 
Feijóo concluíu afirmando que “este último paquete pecha o reparto inicial dos fondos adicionais que comprometemos pero que non esgotamos na súa totalidade, co afán de poder dispoñer dun colchón de recursos que permita reforzar, se fose necesario, tanto as medidas postas en marcha, como outras que xa estaban incluídas nos orzamentos e posibles continxencias de futuro”.
[iframe width=”600″ height=”350″ src=”https://www.youtube.com/embed/Mbo4b16JcpM” frameborder=”0″ allowfullscreen ]

Feijóo salienta o aumento do 25% dos obradoiros de emprego financiados pola Xunta

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe o aumento nun 25% o número de obradoiros de emprego autonómicos, que pasan de 80 a 100. Esta iniciativa, xunto coas 28 lanzadeiras de emprego que se porán en marcha, axudarán a que 3.600 persoas desempregadas obteñan oportunidades laborais.
 
“Aumentamos a dotación orzamentaria destes dous programas, de 17 millóns de euros a 21 millóns”, dixo o presidente. Deste modo, poderán beneficiarse dos obradoiros de emprego 1.920 persoas, en lugar das 1.300 que se prevían inicialmente. O 20% das súas prazas están reservadas para os beneficiarios da Risga.
 
Estes obradoiros durarán seis meses, durante os cales a Xunta financiará o soldo dos participantes e a súa contribución á Seguridade Social, así como o dos docentes e o dos administrativos que xestionen o proxecto. Pola súa banda, os concellos encargaranse da organización directa dos cursos, a selección dos profesionais que os levarán a cabo e a relación cos participantes. Isto pon de relevancia, tal e como subliñou o presidente, “a importancia da colaboración entre institucións”.
 
No tocante as lanzadeiras de emprego —os antigos programas integrados—, Feijóo afirmou que contarán un orzamento de preto de 3 millóns de euros e beneficiarán a 1.680 persoas. Son programas moi prácticos que tamén contarán cun programa específico para beneficiarios da Risga. Neles subvencionarase 3.000 euros por participante, en lugar dos 2.400 euros dos programas ordinarios.
 
Estas medidas, xunto co programa de formación profesional orientado á Industria 4.0 e as preto de 700 accións formativas que se lanzaron nas últimas semanas —que beneficiarán, en conxunto, a uns 11.000 galegos desocupados—, reforzan a aposta da Xunta por obter “bos datos no eido do emprego”, coma os deste mes de maio.
[iframe width=”600″ height=”350″ src=”https://www.youtube.com/embed/xcEHkgJxW8c” frameborder=”0″ allowfullscreen ]

A Xunta fará guía sobre uso de cor e materiais para acadar a integración paisaxística

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou, tras a reunión do Consello da Xunta, o deseño, xunto co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), dunha guía sobre o emprego da cor e dos materiais para acadar unha verdadeira integración paisaxística das edificacións das doce grandes áreas paisaxísticas de Galicia.
 
Máis polo miúdo, Feijóo precisou que a guía será elaborada polo COAG a través dun convenio dotado con algo máis de 163.000 euros, e coa finalidade de establecer unhas directrices técnicas, científicas e obxectivas para a regulación do emprego da cor e os materiais dos revestimentos arquitectónicos nas paisaxes urbanas, periurbanas e rurais. “É dicir, marcar unhas pautas para acadar unha axeitada integración paisaxística e contribuír a unha mellora da calidade dos espazos públicos”, dixo, ao que engadiu que, deste xeito, definiranse os tipos de materiais máis recomendables para os diferentes elementos da construción en base ao territorio onde se van asentar, así como as gamas ou paletas de cores máis congruentes coa contorna na que se vaian empregar.
 
Para conseguilo, inicialmente elaborarase unha análise e diagnose previa en cada unha das doce grandes áreas que establece o xa aprobado Catálogo das paisaxes de Galicia. E, ademais, este proxecto procurará analoxías coa arquitectura popular galega de cada zona, aínda que poderá propoñer novas cores e materiais que harmonicen coa paisaxe.
 
Cómpre salientar tamén que todas as propostas que se recollerán neste documento terán un carácter orientativo e servirán de axuda para que os plans urbanísticos e instrumentos de ordenación poidan concretalas de forma máis detallada para ámbitos territoriais menores.
 
Para levar a cabo esta iniciativa, convocarase un concurso co COAG, que seleccionará seis equipos, traballando cada un deles en dúas das doce grandes áreas paisaxísticas, co obxectivo de contar cun documento a finais deste mesmo ano.
 
Feijóo lembrou que esta non é a primeira guía que se promove desde a Xunta para protexer a paisaxe galega. E, nesta liña lembrou que a Xunta xa impulsou: unha guía de boas prácticas para a intervención nos núcleos rurais; outra destinada aos sistemas praia-duna; e outro documento para a elaboración de estudos de impacto e integración paisaxística; aos que se engade esta cuarta que se suma tamén á Estratexia da Paisaxe.
 
“En definitiva, avanzamos no obxectivo de lograr una verdadeira integración, unha demanda social cada vez máis consolidada” dixo o presidente da Xunta, ao que engadiu que cómpre traballar moito en documentos e estratexias e regulando todo isto cunha lei para que a estratexia e os documentos teñan respaldo legal.
 
Trátase dunha decisión que cualificou de complexa pero considera que calquera Goberno da Xunta a seguirá nos vindeiros anos “porque non poderíamos, en ningún caso, perder o tempo investido con maior intensidade que nunca para poñer a Galicia como se merece”.
[iframe width=”600″ height=”350″ src=”https://www.youtube.com/embed/8pvOP0__0Vg” frameborder=”0″ allowfullscreen ]

Tellado di que a baixada do paro en maio evidencia que a recuperación chegou á rúa

Vigo, 2 de xuño de 2016.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, afirmou que tras 31 baixadas consecutivas do paro en Galicia “é evidente que a recuperación económica por fin chegou á rúa”.

O dirixente popular celebrou os datos do paro do pasado mes de maio, onde houbo un descenso no desemprego de 16.517 persoas con respecto a hai un ano, é dicir unha baixada significativa do 7% que se traduce na creación de postos de traballo. 

Así mesmo, salientou que creceu un 1,26% a afiliación á Seguridade Social en relación ao ano pasado, con 11.841 afiliados máis que hai doce meses. En total, levamos 26 meses consecutivos de subidas á afiliación en Galicia dende abril de 2014, uns datos que Tellado cualifica como positivos e que avalan que a recuperación económica “é real”.
 
Para o mandatario cómpre estar satisfeitos posto que o paro baixa en todos os sectores, nas catro provincias e nas sete cidades galegas.
 

Ademais, malia que asegurou que aínda queda moito por facer, puxo en valor todo o traballo realizado nestes últimos meses e que permite que hoxe podamos celebrar estas cifras.

XESTIÓN INEXISTENTE DE CABALLERO EN VIGO

Por outra banda e durante unha rolda de prensa ofrecida en Vigo xunto á portavoz local do PP, Elena Muñoz, Miguel Tellado afirmou que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, é un experto en converter “as derrotas en vitorias e as vitorias en derrotas”. Deste xeito asegurou que é difícil facer balance dunha “xestión inexistente cun alcalde que estivo ausente” desde as pasadas eleccións municipais.
 
Tellado salientou que Caballero tivo moitas derrotas ao longo da súa traxectoria, e recordou cando sacou os peores resultados do PSdeG en nas eleccións autonómicas do 97; cando quixo aspirar no 98 a ser secretario xeral do PSOE en Galicia e tivo que retirar a súa candidatura ao non contar cos apoios suficientes; e cando nas súas dúas primeiras eleccións municipais, sendo candidato á Alcaldía, perdeu contra o PP con peores resultados que os seus antecesores. 
 
Así mesmo, o mandatario popular indicou que trala súa primeira vitoria en maio do pasado ano, Caballero non entendeu os resultados como o respaldo da cidadanía e comezou un exercicio de “soberbia política sen precedentes”. Nesta liña, apuntou que o alcalde “corre o perigo de morrer politicamente de éxito”.
 
E é que, segundo indicou Tellado, quixo elixirse en conciencia moral como o líder de facto do PSdeG facendo nunha xira por Galicia; pretendeu apadriñar a un candidato ás primarias socialistas, converténdose  nun auténtico lastre para Méndez Romeu; ou quere encarnar unha estratexia de hexemonía socialista, desprezando aos seus socios da esquerda e esquecéndose que cando el mesmo se presentou ás autonómicas ía en coalición con EU. 
 
“Exerce a política dende a soberbia sen facer autocrítica”, dixo ao tempo que salientaba que, pese a que Caballero cuestiona todos os días a actuación das Mareas en Ferrol, Santiago e A Coruña, non repara en que estas formacións gobernan grazas ao apoio do seu propio partido.
 
Tellado tamén apuntou que a política debe exercerse dende a humildade e que o alcalde de Vigo está na posición contraria. “Vigo é moito máis que Caballero, hai moitos vigueses que non se senten representados polo seu goberno e merecen un respecto”, engadiu.
 
Nese senso, aseverou que o alcalde converteu a súa vitoria electoral nunha derrota para a cidade, xa que a súa xestión non é beneficio dos cidadáns. “Leva dende maio do ano pasado subido nunha nube pero non se da conta de que esa nube xa se evaporou e que agora mesmo xa está en caída libre. Caballero tocou teito e agora só lle queda seguir baixando”, sentenciou.
 

Tellado reúne ao Comité redactor do programa das eleccións autonómicas

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2016.- O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, anunciou que o PPdeG puxo en marcha a súa maquinaria de cara ás vindeiras eleccións autonómicas e asegurou que xa están traballando nun programa electoral que será “aberto para a nova etapa de consolidación da recuperación económica e da creación do emprego”.

O dirixente reuniuse esta mañá co amplo equipo redactor do programa electoral para as autonómicas e que está formado por representantes do grupo parlamentario, do novo Comité Executivo e por membros do Goberno autonómico.

“Plantexamos elaborar un documento participativo que permita reunirnos con distintos colectivos para recoller propostas de entidades e tamén de persoas a título individual”, apuntou.

Así mesmo, Tellado indicou que pese a que no horizonte máis inmediato está a celebración das eleccións xerais, esa campaña debe circular en paralelo á preparación das autonómicas, non podendo esperar ao 26-X para comezar a configurar a proposta que farán aos galegos e que marcará a folla de ruta de Galicia dende ano 2016 ata o ano 2020.

Nesta liña, engadiu que empregarán a experiencia dun Goberno que ven traballando ao longo dos últimos sete anos para recuperar a situación da nosa comunidade e sacala da crise económica.  “Trátase de establecer as liñas de traballo futuras para consolidar a recuperación que hoxe existe xa en Galicia e seguir avanzado nesa dirección”, indicou.

Ademais, Tellado dixo que o PPdeG ostenta unha dobre responsabilidade, a de representar á xente que os vota defendendo o seu proxecto e a de garantir a estabilidade política e institucional.

“Fronte a estabilidade que ofrece Alberto Núñez Feijóo hai un cúmulo de partidos que non son quen de constituírse de forma individual como unha alternativa de Goberno distinta ao PP”, sentenciou.
[iframe width=”600″ height=”350″ src=”https://www.youtube.com/embed/2kKIUAUn2uA” frameborder=”0″ allowfullscreen ]