Santiago, 21 de outubro de 2019.- O Grupo Popular demandará no Pleno desta semana que o Goberno central rectifique a súa política enerxética e tome as medidas necesarias que garantan a continuidade no funcionamento da central térmica de As Pontes. O portavoz popular, Pedro Puy, avogou por un “acordo positivo para os intereses de Galicia” no Brexit, salientando o traballo que vén desenvolvendo a Xunta “para prepararse ante calquera eventualidade”.
Pedro Puy informou que deputados do Grupo Popular, encabezados polo secretario xeral do PPdeG, participaron esta mañá diante da Comisaría de Policía de Santiago nunha concentración de apoio a todos os policías destacados en Cataluña. Neste sentido, trasladou “o noso apoio e solidariedade” a todos os axentes que estes días están a traballar para “restablecer a orde pública en Cataluña”, en especial do policía de Vigo que resultou gravemente ferido e que se recupera satisfactoriamente.
COMPARECENCIAS DE ORZAMENTOS
Na súa comparecencia, o portavoz popular informou que este xoves o conselleiro de Facenda dará comezo ás comparecencias de membros do Goberno galego para informar dos orzamentos dos seus departamentos. Neste sentido, Puy sinalou que o Grupo Popular “comparte a opinión positiva respecto destes orzamentos, que medran e póñennos na perspectiva de continuar impulsando un mellor comportamento económico que no conxunto de España e reverter a desaceleración da economía española e europea que se comeza a experimentar”.
Respecto da sesión plenaria, Pedro Puy indicou que o Grupo Popular demandará ao Goberno central que rectifique a súa política enerxética e tome as medidas necesarias que garantan a continuidade no funcionamento da central térmica de As Pontes ata o ano 2045. “É unha postura compartida tanto cos traballadores como co alcalde de As Pontes, que demandan con xustiza que se dea continuidade a esta empresa”, dixo.
Así mesmo, dentro do ámbito industrial, o Grupo Popular interesarase pola situación da factoría de Alcoa en San Cibrao. “A súa continuidade ten moito que ver co incremento do prezo da luz, que a puxo en números vermellos”, polo que demandou que se “aproben medidas para que a empresa siga sendo produtiva e afastar as ameazas de fin de actividade que penden sobre ela”.
COMPROMISOS COA AP-9
Nesta mesma sesión plenaria, o Grupo Popular defenderá outra proposición non de lei a través da que “volvemos a insistir en distintos compromisos asumidos polo Goberno central respecto da AP-9”, como que non aplique novas subas nas peaxes desta autoestrada; realice obras comprometidas nas súas conexións (Alfonso Molina en A Coruña, Enlace Orbital en Santiago, Nó de Bombeiros en Pontevedra, medidas compensatorias en Chapela, integración urbana do ramal de entrada a Vigo e a conexión da Vía Ártabra); a liberación da peaxe de Redondela; ou as bonificacións para usuarios frecuentes.
Por último, Puy referiuse á pregunta que o Grupo Popular fará ao Goberno galego sobre a negativa do Goberno de Pedro Sánchez a transferir a Galicia a totalidade dos 700 millóns que lle debe, unha vez aprobou a transferencia dos 330 millóns correspondentes pero deixando pendentes a devolución da mensualidade do IVE e as compensacións por ser unha comunidade cumpridora en materia de déficit e débeda.
Cuestionado sobre a negociación do Brexit, Pedro Puy manifestou a “incerteza existente porque non se sabe o que vai pasar”, pero sinalou que “hai que estar preparados para calquera eventualidade”. Neste sentido, salientou que “o primeiro grupo que se preocupou polo Brexit no Parlamento de Galicia foi o Grupo Popular e a Xunta leva traballando desde entón, reuníndose cos sectores afectados e avaliando o custo real do que sería un Brexit duro”. “O que sería desexable é que esta situación se resolva satisfactoriamente e haxa un acordo positivo para os intereses de Galicia, que son coincidentes cos do conxunto de Europa e do Reino Unido, que sería o principal sufridor dunha saída abrupta sen acordo coa Unión Europea”, apuntou.