Santiago, 25 de setembro de 2018.- A deputada do Grupo Popular Encarna Amigo asegurou hoxe no Pleno do Parlamento que o Sergas “mantén sempre recursos sanitarios operativos adaptados á realidade de cada momento, o que garante que durante os meses de verán a asistencia sanitaria en Galicia sexa tan boa como no resto do ano”.
Encarna Amigo lembrou que no pasado verán “a porcentaxe de camas funcionantes foi do 88 por cento, cun incremento aproximado do 13 por cento respecto ao ano anterior”. “O Sergas planifica cada ano a adecuación dos seus recursos asistenciais no período estival tendo en conta que neste tempo hai unha diminución da demanda asistencial motivada por diversos factores, entre eles o descenso da morbilidade estacional de determinadas patoloxías e que nestes meses se programan as vacacións dos profesionais”, apuntou.
TODAS AS CAMAS DISPOÑIBLES
“As camas hospitalarias están todas dispoñibles de acordo coas necesidades de hospitalización dos pacientes”, afirmou a deputada popular, quen engadiu que “a maiores nos centros hospitalarios existe un plan de continxencia que permite adoptar de xeito áxil as medidas necesarias destinadas á adecuación dos recursos asistenciais”.
Respecto das melloras de condicións de traballo dos profesionais sanitarios, Amigo lembrou que existen OPEs anuais, un plan de estabilidade para reducir os límites de temporalidade, un novo pacto de contratación, o concurso de traslados aberto e permanente ou a recentemente asinada carreira profesional, ao que se suman 6.133 prazas convocadas desde o ano 2009, das que 1.616 corresponden ao presente ano 2018.