Santiago, 4 de decembro de 2018.- A deputada do Grupo Popular Encarna Amigo instou esta tarde no Parlamento aos grupos da oposición a que deixen de terxiversar a realidade e que poñan fin aos continuos intentos de botar por terra o bo facer da sanidade pública galega.
Encarna Amigo destacou que, fronte á imaxe de “caos e o mal facer” que a oposición intenta dar, os datos desmontan as súas mentiras. Así, segundo o barómetro sanitario, o grado de satisfacción dos galegos é alto e o 84,7% dos usuarios considera que atención foi boa ou moi boa (seis puntos por enriba da media). Do mesmo xeito, recordou que os servizos de urxencia da comunidade atenden diariamente 7.000 urxencias, das que 3.000 son atendidas nos servizos hospitalarios.
Durante a súa intervención, a deputada popular salientou as melloras desenvolvidas polo Goberno galego nos Servizos de Urxencias de todos os hospitais públicos, así como o incremento de recursos humanos e materiais. É por iso polo que instou á oposición a que deixe de alarmar á cidadanía coas súas mentiras e respecte á sanidade pública galega.
PLANS DE CONTINXENCIA
Neste senso, Amigo indicou que o Sergas dispón de plans de continxencia que recollen a planificación das accións a levar a cabo nos distintos centros e onde se describen os procedementos alternativos á orde habitual da organización, co fin de garantir o normal funcionamento, contemplando, en función das necesidades asistenciais, máis recursos estruturais ou persoais.
Tal e como explicou, sempre que se produce un incremento da demanda, realízase unha adaptación do modelo de asistencia para garantir a atención a todos os pacientes que acoden a estes dispositivos.
Nesta mesma liña, incidiu en que o servizo de Urxencia do CHUS está equipado tanto en termos de profesionais como en recursos materiais para proporcionar a asistencia urxente que os pacientes demandan coas normas de calidade e seguridade adecuadas. No 2017, o tempo medio de asistencia, desde que o doente entrou pola porta ata que foi atendido polo médico, foi de 47 minutos no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, cumprindo así os estándares establecidos.
Por último, amosou o seu desexo de que o conflito de folga que se está a vivir no CHUS se resolva o antes posible e se chegue a un entendemento entre as partes, porque a prioridade, tal e como salientou, son os doentes.