Santiago, 20 de setembro de 2017.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, indicou esta mañá no Parlamento que os médicos galegos incrementaron as súas retribucións arredor de 3.300 euros neste 2017, mentres que o persoal de enfermería sumou uns 800 euros máis respecto do pasado ano. “A situación laboral e retributiva para o persoal do Sergas ten mellorado con respecto aos anos máis duros da crise e confiamos en que o siga facendo nos vindeiros anos”, sinalou.
Aurelio Núñez manifestou que “no momento no que o crecemento e os orzamentos o permitan, non dubidamos que se procederá a ir asumindo no posible e de xeito progresivo aqueles compromisos asumidos polo Goberno galego”.
SANIDADE, O 41,9% DO ORZAMENTO DA XUNTA
Na súa intervención, o portavoz popular lembrou que o investimento na sanidade pública representa un 41,9 por cento do total do orzamento da Xunta para 2017, sendo os gastos de persoal o 43,4 por cento do correspondente ao Servizo Galego de Saúde.
“Soamente a recuperación do complemento específico das pagas extraordinarias do persoal sanitario representa un importe de 44 millóns de euros de gasto”, concretou Núñez Centeno, que sinalou que “todas as categorías recuperaron exactamente as mesmas cantidades en concepto de complemento específico que se lles abonaba antes do ano 2013”.
RECUPERACIÓN DE DEREITOS
Así mesmo, Aurelio Núñez subliñou que nos últimos anos o persoal sanitario recuperou moitos dereitos perdidos durante a crise: a devolución da paga extraordinaria do ano 2012; a subida lineal das retribucións do 1 por cento no pasado ano 2016; a devolución do específico de xaneiro e febreiro do ano 2013; a recuperación de días de libre disposición e vacacións por razón de antigüidade; e a prolongación do servizo activo mais aló da idade de xubilación, xa que actualmente se pode prorrogar a actividade estando en condicións de facelo ata os 67 anos.
A estas medidas, hai que engadir a convocatoria de concursos de traslado e a convocatoria do máximo de prazas para o acceso de novo persoal estatutario fixo en primaria e hospitais, con máis de 1.600 prazas de oferta pública de emprego en todas as categorías profesionais.