Santiago, 22 de novembro de 2016.- O Grupo Popular defendeu hoxe no Pleno do Parlamento instar á Xunta de Galicia a crear un centro de referencia para a atención da interrupción voluntaria do embarazo (IVE) nos supostos de máis de 22 semanas de xestación, con persoal sanitario especializado, na rede sanitaria publica de Galicia.
A deputada do Grupo Popular Marta Rodríguez-Vispo asegurou que “desde o PPdeG nos preocupa a atención que se lles da ás mulleres no caso de ter que someterse a unha interrupción voluntaria do embarazo, porque sabemos que non é unha situación para nada agradable nin desexable para elas”.
ATENCIÓN INTEGRAL E DE CALIDADE
Por este motivo, solicitamos a creación dun centro de referencia para a atención da IVE na rede sanitaria pública, ao tempo que “se garanta unha atención integral e de calidade a todas as mulleres que teñen que interromper o seu embarazo nos termos que contempla a Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva, actualizando o protocolo para adaptalo á evidencia científica, e corrixindo calquera disfunción na súa aplicación ou na asistencia prestada a ditas mulleres”.
Rodríguez-Vispo asegurou que “as actuacións levadas a cabo nos centros sanitarios galegos son iguais en todo tipo de interrupcións do embarazo”. “Non hai diferenzas si se trata dun aborto espontáneo ou voluntario e o circuíto asistencial dos abortos de 14 a 22 semanas de xestación no SERGAS é o mesmo”, apuntou.