Santiago, 11 de novembro de 2020.- O Parlamento galego aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a que, no marco do seu futuro Plan galego de oncoloxía, elabore unha estratexia de medicina personalizada e terapia celular avanzada, poñendo en marcha un centro de terapia CAR-T en Galicia.
A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, sinalou que “nos últimos anos asistimos a un gran cambio no tratamento da oncohematoloxía coa aparición das terapias dirixidas, mellorando a eficacia de moitos tratamentos e tamén a seguridade dos mesmos”. “Sen dúbida, o gran avance no que se están poñendo máis esperanzas é na inmunoterapia celular, como substitución da quimioterapia: son as nosas propias defensas as que destrúen as células malignas, xa que moitas veces estas usan métodos para pasar desapercibidas”, explicou.
INMUNOTERAPIA
“A chamada terapia CAR-T é aquela coa que se pretende que o sistema inmune do paciente, mediante técnicas de modificación xenética, teña a capacidade de recoñecer e destruír de forma selectiva as células tumorais”, concretou. Ademais, dixo que esta terapia forma parte da inmunoterapia, unha forma de tratamento do cancro que se pretende que no futuro complemente aos clásicos tratamentos de radioterapia e quimioterapia.
Na actualidade, segundo o establecido no “Plan de abordaxe das terapias avanzadas no Sistema Nacional de Saúde: medicamentos CAR” do Ministerio de Sanidade e Consumo, estas terapias poden ser administradas a través dunha rede de quince centros de referencia a nivel nacional, ningún deles en Galicia.
Diante desta situación, a Xunta de Galicia iniciou a comezos deste ano os traballos para elaborar un novo Plan Galego de Oncoloxía, na estela dos avances no tratamento contra o cancro que levaron a crear en 2017 a Unidade de Oncoloxía Pediátrica de Galicia, que uniu os recursos das estruturas organizativas da Xestión Integrada de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña.
“De momento, esta unidade serviu como exemplo para trazar un plan que lograse axilizar o itinerario de visitas clínicas e acelerar o diagnóstico e o inicio do tratamento”, indicou a portavoz popular, quen manifestou que “ter en Galicia un centro CAR-T implicaría dotar á nosa Comunidade da posibilidade de fabricar no noso propio territorio os medicamentos indicados para estes tratamentos, desenvolver ensaios clínicos para os que non existe alternativa en medicamentos industrias e poder tratar a pacientes nun estado moi fráxil sen saír de Galicia”.