Pide a Yolanda Díaz solucións para o sector naval e que contribúa a evitar a fuxida de Siemens-Gamesa e o peche da central térmica das Pontes
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que, se o Goberno de España fose tan eficiente solucionando os problemas de Ferrolterra como colocando aos seus amigos, hai tempo que a crise da comarca tería rematado.
Así se expresaba o número dous dos populares galegos nunha entrevista en COPE na que cuestionou que Yolanda Díaz colocase a Manuel Lago no consello de administración de Navantia. Segundo manifestou, o problema xa non son as portas xiratorias ou que “enchufen” ao principal asesor da ministra de Traballo nunha empresa pública, senón que que o Executivo central estea máis preocupado de atopar un cargo aos seus amigos que de dotar de carga de traballo ao estaleiro e de solucionar a grave situación que atravesa Ferrol.
Nese senso, explicou que esta comarca pasa por un momento moi complicado, en boa medida, pola inacción dun Goberno que ten as competencias e a capacidade para poñer solucións e evitar que Siemens-Gamesa fuxa de España, impedir o peche da central das Pontes e para mandar construír un barco de guerra nos estaleiros ferroláns.
“Gustaríame que a ministra Yolanda Díaz, ferrolá, estivese máis centrada en contribuír desde o seu posto a resolver os problemas de Ferrol, xa que caeron no peor de todo aquelo que criticaban e este é un exemplo de porta xiratoria inadmisible”, insistiu.
O INDEPENDENTISMO RADICAL DO BNG
Miguel Tellado tamén se referiu á participación do Bloque Nacionalista Galego no mitin de ERC celebrado onte e que tamén contou coa presenza de Arnaldo Otegi e Oriol Junqueras, afirmando non estar sorprendido porque, como levan moito tempo dicindo os populares, “esta é a verdadeira cara do BNG”.
Como apuntou, malia que en campaña electoral se disfrazan de moderados, cando teñen oportunidade volven á súa folla de ruta que é a de Otegi e a de Junqueras, cos que comparten proxecto político e escano en Bruxelas. Sobre isto, salientou que, mentres o BNG de Beiras era socio de CIU e do PNV, agora Ana Pontón é socia de Bildu e de Esquerra, pasando do nacionalismo ao independentismo máis radical.
“Pontón quere para Galicia o mesmo que hai en Cataluña: unha Comunidade de lazos amarelos, crispada e de enfrontamento social, lingüístico e político”, aseverou recoñecendo que, ante este nacionalismo radical sempre terán en fronte ao PPdeG, que exerce de freo e defende a convivencia en paz e o respecto á lei.