Santiago, 4 de outubro de 2022.- O viceportavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, saudou hoxe no Pleno do Parlamento galego que o sindicato nacionalista CIG “recoñecera, nunha proposición non de lei de iniciativa popular defendida polo BNG, a evolución positiva da situación económica de Galicia, destacando o modelo de crecemento san que asenta a acción do Goberno galego”.
Ademais, Pazos salientou que “é a segunda vez que a CIG impulsa unha iniciativa parlamentaria ao abeiro da Lei de iniciativa popular e participación cidadá, un mecanismo aprobado no seu día exclusivamente co voto do PPdeG e a oposición do BNG”.
Alberto Pazos apuntou que a CIG explica na súa iniciativa popular que esta evolución positiva da situación económica de Galicia está “baseada na progresiva redución do déficit, que permite afirmar que a ratio de endebedamento está totalmente estabilizada en Galicia”. “Agradezo que o sindicato nacionalista desminta o discurso habitual da portavoz do BNG, polo que pedimos que deixen de repetir falsos mantras sobre incremento da débeda galega negados pola propia CIG”, dixo.
SEN COMPARTIR O EXCESIVO OPTIMISMO
“Agradecer este diagnóstico favorable do sindicato nacionalista non supón que compartamos o seu excesivo optimismo, porque o seu obxectivo hoxe é convencernos de que a bonanza económica permite recuperar compromisos salariais anteriores á crise financeira do 2008”, manifestou Pazos.
Deste xeito, explicou que “o equilibrio das contas públicas galegas non é consecuencia da bonanza económica, senón do actuar responsable do Goberno galego, nas duras e nas maduras”. “E foi esa responsabilidade a que permitiu a mellora real das condicións salariais dos profesionais sanitarios e demais empregados públicos”, lembrou.
“Este Goberno galego non fará promesas que non poda cumprir, porque esa frivolidade nos leva aos sanitarios low cost que pregoou a portavoz do BNG no anterior Pleno, coa súa pretensión de contratar médicos por 48.000 euros, a metade do que cobran na actualidade”, sinalou o viceportavoz popular.
Alberto Pazos reiterou que “sempre atoparán ao Grupo Popular disposto ao diálogo, sen máis premisa que a vontade sincera de acordo na busca do interese xeral de Galicia”.