18 de xaneiro de 2023. O vicesecretario nacional de Economía do Partido Popular, Juan Bravo, realizou hoxe unha visita a Galicia para recoller ideas coas que seguir reforzando o proxecto económico-industrial da formación, atendendo ás necesidades do tecido empresarial e reivindicando un modelo económico que garanta e consolide a recuperación económica de España.
Acompañado pola secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, polo viceportavoz parlamentario Alberto Pazos e pola deputada nacional Tristana Moraleja; o responsable da área económica do PP iniciou a súa visita nas instalacións de Repsol na Coruña.
Alí puido coñecer de primeira man os proxectos de transformación enerxética de refinería que a compañía desenvolve actualmente en Galicia, así como as súas previsións para impulsar a transición enerxética mediante a produción de hidróxeno verde e biocombustibles.
Tras esta visita, mantivo unha reunión con responsables fiscais e económicos das principais empresas galegas, á que se uniron ademais o secretario de Facenda, Eficiencia e Modernización do Sector Público e Financiamento Europeo do Partido Popular, Miguel Corgos, así como o responsable de Innovación e I+D+i da formación, Francisco Conde.
Posteriormente tivo lugar un encontro con directivos de Estrella Galicia, para tomar boa nota das claves do éxito desta compañía á hora de promocionar e internacionalizar o seu produto.
A xornada terminou na sede autonómica do Partido Popular de Galicia en Santiago de Compostela, onde Juan Bravo e Miguel Corgos tiveron a oportunidade de compartir impresións e de debater propostas xunto ao portavoz do PPdeG no Parlamento de Galicia, Pedro Puy; o director xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos, Anxo Tarrío; e o director xeral do IGAPE, Fernando Guldrís.