22 de febreiro de 2023. O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe, cos votos en contra de BNG e PSdeG, a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se pide que a Xunta dea continuidade á aplicación das medidas propostas, para a recolección, produción e xestión da mexilla, especialmente daquelas dirixidas á disposición de áreas con presenza deste produto e da análise das causas que poden afectar á súa fixación e existencias.
Así mesmo, avógase porque continúe o diálogo entre bateeiros e percebeiros para que ambas actividades se desenvolvan de xeito coordinado e en igualdade de condicións, asegurando o entendemento e beneficio mutuo dos intereses das dúas partes.
A portavoz popular do Mar, Teresa Egerique, lembrou que “as discrepancias entre percebeiros e bateeiros pola coincidencia de zonas de extracción de mexilla e percebe, xunto coa preservación deste último recurso, veñen de lonxe”. “Trátase dun asunto complexo que require buscar un punto de encontro entre os intereses dos dous colectivos que comparte zonas de traballo, e por iso obxectivo é garantir a convivencia e o futuro coa explotación sustentable, tanto da semente do mexillón como do percebe”, indicou.
EN IGUALDADE DE CONDICIÓNS
“Defendemos que as actividades de percebeiros e bateeiros se desenvolvan de xeito coordinado e en igualdade de condicións, para que se asegure o beneficio mutuo e a garda dos intereses das dúas partes”, manifestou Egerique.
Porén, lamentou o voto en contra de BNG e PSdeG a esta proposición non de lei e subliñou que “desde o Grupo Popular sempre defendemos a necesidade de revisar a actividade da extracción da mexilla xunto cos dous sectores implicados, a mellor forma de chegar a un acordo que beneficie a todas as partes”.