A presidenta de Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira, reuniu hoxe por primeira vez ao novo Comité de Dirección da organización, ao que trasladou a importancia de “ser un equipo unido e forte” ao tempo que os animaba a “traballar para mellorar o día a día da mocidade galega e contribuír á construción do mellor futuro posible”.
Grueira quixo explicar aos seus o proxecto “atractivo e aberto” co que inicia esta nova etapa logo de recoller todas as demandas, necesidades e particularidades da xuventude galega. “O noso proxecto é o que mellor representa e o que máis se asemella á mocidade e por iso todos temos o noso lugar nel”, afirmou.
Incidindo na importancia da escoita activa, da mobilización e do contacto a pé de rúa, a presidenta de NNXX pediulles pola súa parte “continuar unindo forzas e traballar por Galicia ao carón do presidente Alfonso Rueda”. E neste sentido asegurou: “Estamos a servir da mellor maneira a todas as mozas e mozos, traballando polos seus intereses. E estamos preparados para afrontar todos os retos que se presenten”.
NOVO ORGANIGRAMA DE NOVAS XERACIÓNS
O Comité de Dirección de NNXX que se reuniu hoxe na sede autonómica do PPdeG en Santiago de Compostela está formado por Manuel Novoa como secretario xeral e por Paula Losada e Bea Quintía como coordinadoras xerais. Ademais dos responsables das 10 vicesecretarías: David Sandá (Organización e Acción política), Elena Corral (Comunicación e Redes sociais), Carlos San Claudio (Organización territorial e institucional), Ximena Louro (Políticas para a xuventude), Manuel Ortigueira (Formación), Andrea Iglesias (Educación e Cultura), Borja Fontán (Igualdade e LGTBI), Adrián Arias (Medio Ambiente), Nerea Porto (Acción Social) e Gonzalo Lebredo (Medio Rural e Demografía).
Posteriormente reuniuse o Comité Executivo, que nomeou aos vogais que integrarán a Xunta Directiva de Novas Xeracións de Galicia e que “está formada por mozos e mozas de todas as partes de Galicia que veñen con ilusión e con ganas de traballar pola xuventude galega”.