O Partido Popular de Galicia proporá que na vindeira Comisión Europea haxa un Comisario específico de Pesca, co fin de fortalecer as dimensións económica e social da cadea mar-industria do noso país en Europa.
Así llo trasladaron esta mañá os candidatos Francisco Millán Mon e Pablo Gómez Cedrón a representantes do sector da pesca nun encontro que mantiveron na sede da Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI). Unha xuntanza na que estiveron presentes tamén representantes de Conxemar e Anfaco-Cecopesca.
Os integrantes da candidatura do Partido Popular ao Parlamento Europeo recolleron demandas do sector como a rebaixa do IVE para os produtos do mar e trasladaron algunhas das súas propostas, como o impulso dunha Política Pesqueira Común adaptada ás necesidades do sector e das comunidades costeiras ou o rexeitamento a calquera avance unilateral e indiscriminado na prohibición da pesca de fondo en augas europeas.