O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno central que estableza unha base permanente do Servizo de Vixilancia Aduaneira na ría de Camariñas en A Coruña co fin de reforzar a loita contra o narcotráfico, ao tempo que se modernizan e reforzan os medios materiais e tecnolóxicos deste Servizo, dotándoo de embarcaciónsP máis potentes e manobrables, equipadas coa tecnoloxía necesaria para interceptar narcolanchas e garantir a eficacia das operacións no litoral galego.
Así mesmo, a iniciativa do Grupo Popular solicita a ampliación da dotación de medios persoais e materiais empregados polo goberno na loita contra o narcotráfico no litoral da provincia da Coruña e en toda a costa galega, xa que os actuais están inoperativos ou son absolutamente inadecuados ao reto ao que se enfrontan; así como garantir a plena operatividade horaria do persoal do Servizo de Vixilancia Aduaneira en Galicia e unha distribución equitativa e proporcionada dos medios materiais no conxunto das súas bases e nas distintas comunidades.
POSTURA FIRME
A deputada popular Paula Mouzo afirmou que a loita contra o narcotráfico “é unha lacra que esixe unha postura firme de todos os que temos a misión e a responsabilidade de representar aos cidadáns”. “O problema segue aí e crecendo nos últimos anos, polo que está claro que a situación vai a peor, porque a droga pode descargarse nunha praia da ría de Camariñas, pero a súa man negra expándese por todo o territorio”, lamentou.
“Falamos da Costa da Morte, unha zona castigada pola droga e unha porta de entrada por onde as mafias meten a súa mercancía, polo que é necesario reforzar os medios de loita contra o narcotráfico e, en particular, establecer unha base permanente do Servizo de Vixilancia Aduaneira na ría de Camariñas”, concretou.
Así mesmo, Paula Mouzo considerou “imprescindible dotar de máis medios materiais e tecnolóxicos a este Servizo, porque é lóxico contar con medios máis potentes, aumentar a calidade e a cantidade das embarcacións, e de toda a infraestrutura técnica con persoal suficiente”.
“Precisamos dun persoal neste Servizo de Vixilancia Aduaneira ben tratado para evitar, dunha vez por todas, que por culpa dunhas horas extra se estrague unha operación contra o narcotráfico, como xa ten acontecido máis dunha vez”, sinalou.
Para rematar, a deputada popular manifestou que “as costas baldeiras de vixilancia e os medios obsoletos pola desidia do Goberno de Pedro Sánchez esixen un pulso firme contra a actividade do narcotráfico, porque é unha realidade incuestionable que os delincuentes teñen narcolanchas potentes e operativos de distribución moi efectivos pero enfronte non teñen moita oposición”.