O PPdeG insta ao Goberno central á “cumprir por unha vez a súa palabra” e eximir ás profesionais do marisqueo, “que non poden agardar máis tempo”, do pago temporal das cotas á Seguridade Social. Unha “medida” que o Executivo debe adoitar “con carácter urxente”, ante a “imposibilidade de desenvolver a súa actividade como consecuencia de episodios de temporais e a conseguinte mortandade do recurso” no que se basea o seu labor, sinalan os deputados populares galegos no Congreso.
Nunha batería de preguntas rexistrada polos deputados do PPdeG, lémbrase que hai xa dous meses a directora do Instituto Social da Mariña (ISM), Elena Martínez, anunciou de forma literal o compromiso dunha “preenmenda solicitando a exención nas cotizacións para o marisqueo naqueles casos nos que non perciban a prestación de cesamento de actividade”, como “consecuencia do Real Decreto Lei 5/2026, do 17 de febreiro polo que se adoptan medidas urxentes en resposta aos danos causados por diversos fenómenos meteorolóxicos adversos”.
Os deputados populares reclaman coñecer “como vai trasladar” o Goberno “a medida de exencións á lexislación” e demandan esclarecer se “está interferindo a directora do ISM na actividade lexislativa”. “O Real Decreto está validado e pendente de tramitación lexislativa, no que participan os Grupos Parlamentarios, pero non os organismos do Estado”, lembran os populares galegos. “En todo caso, debía ser responsabilidade do Goberno incluír esa medida no texto inicial do Real Decreto Lei no momento que foi aprobado polo Consello de Ministros, cando xa se sabía que a sucesión de borrascas a comezos de ano alteraran a produción de marisco en rexións do noroeste”, inciden.
MÚLTIPLES INICIATIVAS EN DEFENSA DO SECTOR
Ao longo dos últimos meses, o Partido Popular despregou múltiples accións nas distintas Cámaras lexislativas na defensa do sector marisqueiro. No Parlamento de Galicia logrou que se aprobara, sen votos en contra, unha iniciativa na que se insta ao Executivo de Pedro Sánchez a que asuma as súas obrigas legais e constitucionais coas traballadoras do mar galego e aplique a exención inmediata das cotas á Seguridade Social das profesionais do marisqueo.
Na mesma liña, o PP conseguiu aprobar na Comisión de Pesca do Senado unha iniciativa que igualmente reclama ao Goberno de España a exención temporal das devanditas cotizacións.
Previamente, o pasado 13 de marzo, a Xunta de Galicia enviou unha carta formal á dirección do ISM esixindo a exención das cotas, sen que, transcorridos máis de tres meses, se teña recibido ningunha resposta por parte do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.
DESLEIXO DO EXECUTIVO DE SÁNCHEZ
O PPdeG censura que, mentres a declaración de zona gravemente afectada por unha emerxencia de protección civil, aprobada polo Consello de Ministros o pasado 10 de febreiro, veu acompañada da activación de fondos inmediatos para outras comunidades, “Galicia aínda non recibiu nin un só euro”.
A maiores, os mariscadores e mariscadoras a pé sofren un agravio comparativo respecto a outros sectores que contan con mecanismos de protección antes causas de parálise de actividade. Unha situación de “desamparo”, provocada polo “desleixo” do Executivo de Pedro Sánchez, que contrasta coa folla de ruta deseñada pola Xunta de Galicia, que inclúe un plan de choque dotado con case 23 millóns de euros.
“A que espera o Goberno para actuar e terminar coa inxustiza flagrante que padecen as nosas mariscadoras?”, pregúntanse os deputados do PPdeG. “O Partido Socialista ten que deixar de mirar para outro lado, coa complicidade do BNG, e apoiar xa a un sector que atravesa una situación sumamente adversa”, conclúen.