A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, esixe ao Goberno central que deixe de negarlle ao sector empresarial e industrial galego a construción dunha estación de mercadorías ferroviarias en San Cibrao das Viñas, “infraestrutura estratéxica para toda Galicia”. Lamenta que o Executivo de Pedro Sánchez, “sumido na corrupción, non está nin se lle espera” con esta loita na que os populares, asegurou, si acompañarán ao sector.
Así o manifestou durante un almorzo informativo con representantes da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, na que trasladaron as súas reivindicacións principais nun polígono que xa supera os cinco millóns de metros cadrados coa súa undécima ampliación. Na cita, tamén participaron a alcaldesa de San Cibrao das Viñas, Marta Nóvoa, o eurodeputado do PPdeG, Adrián Vázquez, o presidente da asociación, José Antonio Rodríguez e outros membros da mesma.
A número dous dos populares galegos valorou a importancia do polígono de San Cibrao das Viñas como “absolutamente estratéxico” para toda Galicia, reivindicando o apoio dos populares á súa actividade empresarial e industrial, a través das diferentes administracións nas que goberna, como a Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e, neste caso, o Concello de San Cibrao.
Insistiu en que a estación de mercadorías beneficiaría directamente aos polígonos empresariais de Seixalbo, San Cibrao, Pereiro de Aguiar, Barreiros e ao Parque Tecnolóxico de Galicia. “Non podemos consentir que Sánchez negue unha infraestrutura deste calibre dicindo que hai outra que pode substituíla”, insistiu sobre as escusas do Goberno central. Neste sentido, lamentou que o Executivo está “máis ocupado coa súa corrupción”, relatando os últimos acontecementos, coñecidos esta mesma semana.
Así, mencionou a maior condena por corrupción a un ex ministro en España, tralos 24 anos e tres meses de pena confirmados este mesmo luns a José Luis Ábalos; a detención de seis membros do goberno socialista no Concello de Soria e o arresto dun alto cargo del Ministerio de Medio Ambiente por un presunto caso de branqueo, coñecida hoxe mesmo, tamén vinculada á operación en Soria. Do mesmo xeito, criticou a comparecencia de Pedro Sánchez, na que “non asume ningunha responsabilidade nin autocrítica”.
“Teñen que disolver as Cortes e dar un paso a un novo Goberno. Que deixen a un presidente galego que se faga cargo do Goberno de España para atender as demandas da cidadanía, como, neste caso, á industria en Galicia”, apuntou a número dous dos populares galegos. Igualmente, afeou ao BNG que se manteña como “socio e cómplice” do Goberno “máis corrupto da democracia española”.
MARTA NÓVOA REIVINDICA UNHA DEMANDA HISTÓRICA
A alcaldesa de San Cibrao das Viñas agradeceu o apoio da secretaria xeral do PPdeG e do eurodeputado de Lalín polo seu compromiso coa escoita e a atención das demandas do sector industrial. “Queremos que se coñeza de primeira man as demandas do sector empresarial da man dun dos polígonos máis grandes de toda Galicia, con practicamente tódolos sectores representados”, sinalou.
A rexedora explicou a importancia da normativa europea, posto que “está en total relación co que ocorre despois nas empresas e, neste sentido, no caso do transporte levamos anos promulgando a necesidade dunha estación de mercadorías”, apuntou sobre a demanda histórica desta infraestrutura clave.
ADRIÁN VÁZQUEZ: “NON PODEMOS AFOGAR ÁS EMPRESAS CON BUROCRACIA E PAPELEO”
Por outra banda, o eurodeputado Adrián Vázquez fixo referencia ao cambio de mentalidade que está a impulsar a Unión Europea na actual lexislatura respecto ao sector empresarial. “Este mandato é o da competitividade. A posición central do Grupo Popular permítenos liderar a maior manobra de desregulación da historia comunitaria. Europa non pode aspirar a ter unha voz forte e autónoma no mundo se ao mesmo tempo afoga ás súas empresas baixo o peso do papeleo e a burocracia”, dixo.
O eurodeputado puxo como exemplo desta nova ambición a proposta do Réxime 28. “É a mellor proba de que a determinación volveu ao vello continente: permitirá crear unha empresa en Europa en tan só 48 horas, con capacidade para operar nos 27 Estados membro”, explicou ante os empresarios congregados en San Cibrao.
“Europa, a pesar de o que algúns poidan dicir, é un xigante económico construído sobre o traballo de empresas como as vosas. Chegou o momento de que actuemos á altura da superpotencia que somos”, concluíu.