23, novembro, 2018. As mulleres do PPdeG esixiron esta mañá á voceira do BNG, Ana Pontón, unha desculpa por vincular ao Partido Popular coa “Manada”. Así, nunha rolda de prensa, Marta Rodríguez Arias e Susana López Abella, acompañadas doutros cargos do partido, deron resposta ás declaracións da deputada nacionalista no Parlamento, lamentando que colocara ao PP do lado dos que son tolerantes ou condescendentes coa violencia de xénero e usando esta lacra cunha intencionalidade electoral como xa fixo o Bloque hai un ano.
“O PPdeG representa ao 48% dos galegos. A Xunta, ao 100% dos cidadáns. Polo tanto non hai lugar para dicirlle ao presidente de ambas institucións que as persoas ás que representa e as súas políticas son tolerantes ou cómplices con prácticas que a todos nos repugnan”, dixo Marta Rodríguez Arias.
Logo de sinalar que o seu partido non está disposto a tolerar insinuacións desta natureza, preguntouse se Ana Pontón “é tan machista que cre que as que traballan ou votan ao PP están e estamos cegas, ou que somos vítimas dunha especie de Síndrome de Estocolmo que nos permite estar cómodas nun partido que deixa de lado as mulleres”, xa que coas súas palabras “vincula ao PP, á Xunta, ao seu presidente pero, tamén, as mulleres deste partido coa Manada”.
“O mércores fixouse un antes e un despois na nosa consideración de Ana Pontón e do BNG. Podemos aguantar case calquera insulto por parte dun político, pero calar cando nos acusan case de mirar cara a outro lado cando hai mulleres sufrindo e morrendo a mans das súas parellas, non”, subliñou.
Ademais, indicou que manifestacións como estas fixeron que os galegos e as galegas sacaran ao BNG do Congreso dos Deputados: “Como non están no Congreso non puideron participar no Pacto estatal contra a Violencia de Género e parece que prefiren buscar a súa cota de pantalla perdida nas Cortes Xerais insultando as mulleres do PPdeG, as mesmas mulleres ás que dentro de moi pouco irán a pedirlles o voto”, manifestou.
TRABALLAR POR SALVAR VIDAS E PROTEXER ÁS MULLERES
Pola súa banda, Susana López Abella asegurou que as declaracións de Pontón foron un insulto e un ataque cara “aos que traballamos cada día en salvar vidas, en protexer ás mulleres dos que cren que a súa forza habilítalles para abusar delas de calquera das formas posibles”.
Segundo indicou, “a disensión política non permite dicir calquera cousa”, mentres lembraba todo o acadado polo Goberno galego nesta loita: no ano 2002 aprobouse o I Plan de Acción contra a Violencia de Xénero, no 2004 veu a luz a primeira Lei de Igualdade entre mulleres e homes –das primeiras das Comunidades Autónomas do país-, no 2012 constituíuse a primeira Rede de Entidades Locais contra a violencia de xénero a través dun convenio coa FEGAMP –actualmente están adheridos 200 concellos-, no 2013 acordouse a personación do Goberno Galego nos procedementos penais en casos de morte por violencia de xénero, no 2014 constituíuse o Observatorio Galego da Violencia de Xénero e a Comisión Asesora de Publicidade Non Sexista e púxose en marcha o Centro de Recuperación Integral para as mulleres vítimas, no 2015 aprobouse o Plan de Dinamización das Mesas Locais contra a violencia de xénero e creouse a APP Escape, no 2016 modificouse a Lei para incluír como forma de violencia a trata de mulleres e nenas con fin de explotación sexual e abriuse a todo o ano o prazo para solicitar as axudas económicas periódicas.
Ademais, recordou a posta en marcha do I Programa de Apoio á Inserción laboral das mulleres vítimas deste problema, o I Plan Galego de Igualdade no ámbito educativo, o Decreto de Formación, Igualdade e Prevención na loita contra esta lacra do persoal do Administración da Comunidade, a Campaña de Prevención e Detención da violencia de xénero en comunidades veciñais, o Protocolo de Coordinación e Cooperación Institucional fronte este tipo de violencia, a APP Agresión Off, ademais da Campaña de Prevención e Actuación fronte ao acoso sexual nos lugares de traballo.
Despois de remarcar que, como Comunidade Autónoma, traballouse no Pacto de Estado en todos os grupos aos que o Goberno galego foi convocado, tamén evidenciou o incremento nos orzamentos da Xunta destinados a esta loita nos últimos anos. Deste xeito, se nos últimos presupostos do bipartito, en 2009, dedicábanse 2,8 millóns de euros; en 2019 investiranse máis de 14 millóns de euros.
“Temos unha folla de servizos que gustará máis o gustará menos á oposición, pero o que nunca imos facer é mirar cara a outro lado mentres haxa mulleres en Galicia que non se sintan libres, seguras e protexidas no seu ámbito persoal, laboral ou familiar”, sentenciou.