O PPdeG acusa o BNG de utilizar as mariscadoras de Camariñas para ocultar os incumprimentos de Sánchez

A deputada do Grupo Parlamentario Popular, Paula Mouzo, esixiulle, hoxe, ao BNG que “non continúe protexendo a Pedro Sánchez e lle reclame ao Goberno de España as axudas que deben recibir as mariscadoras de Camariñas e deixe de ocultar os seus incumprimentos”

A parlamentaria popular denunciou que “os nacionalistas pretenden que a Xunta asuma as prestacións e as exencións de cotas que son competencia exclusiva do Goberno central” e insistiu en reclamar que “cumpra os compromisos anunciados en xullo”: “O BNG está a usar a difícil situación das mariscadoras de Camariñas para facer propaganda política contra o Goberno galego e queren esconder que Madrid incumpre, Galicia paga e o BNG presume. “Iso non é defender Galicia –engadiu-, é defender a Sánchez a costa dos galegos”.

Do mesmo xeito, afeou que os nacionalistas tenten trasladar á Xunta responsabilidades do Goberno de España, sobre todo, nas prestacións por cese de actividade e pola exención das cotizacións á Seguridade Social das mariscadoras. Neste punto, fixo especial fincapé en que o BNG “é moi valente para esixir á Xunta, pero moi covardes cando toca reclamarlles aos seus socios de Madrid”.

Mouzo destacou que “sete mariscadoras de Camariñas quedaron sen a prestación por cese de actividade tras serlles denegada polo Instituto Social da Mariña, organismo dependente do Goberno central” e advertiu de que “a exclusión doutras profesionais das axudas estivo relacionada cos atrasos na resolución dos expedientes polo Instituto Nacional da Seguridade Social”. “Quen lles denegou a prestación? A Xunta non, foi o Instituto Social da Mariña, que depende do Goberno de Sánchez e agora pretenden que sexan os galegos quen paguen o que o Goberno central non resolve”, apuntou.
O PPdeG tamén puxo o foco no compromiso anunciado polo BNG o pasado 13 de xullo, cando asegurou ter acadado un acordo co Executivo estatal para eximir das cotizacións á Seguridade Social ás mariscadoras afectadas polo cese forzoso da actividade, pero “catro meses despois –continuou- as profesionais continúan pagando as súas cotas mensuais”. E subliñou que esta reivindicación xa foi defendida polo PP no Parlamento galego e aprobada por unanimidade, así como no Senado: “É inaceptable que o BNG pretenda agora, cunha iniciativa trampa, que a Xunta asuma economicamente unha obriga que corresponde ao Estado”.

A XUNTA XA ACTÚA NA RECUPERACIÓN DOS BANCOS MARISQUEIROS
Fronte ás críticas do BNG, Mouzo Mas lembrou que varias das actuacións reclamadas na iniciativa nacionalista xa están feitas ou en marcha por parte da Consellería do Mar. Así, a axuda para a compra de semente destinada foi resolta o pasado 11 de xuño. Só en 2024 entregáronse máis de 814.000 unidades de semente para os bancos marisqueiros de Camariñas, nunha colaboración coa confraría que se mantén periodicamente desde 2014.

Tamén lembrou que o Goberno galego achegou 75.000 euros para financiar o estudo do Instituto de Hidráulica Ambiental, cuxas conclusións xa están orientando as actuacións de recuperación, e que a Confraría dispón dun plan de xestión para os vindeiros anos.

“Como mariscadora son a primeira en esixirlle á Xunta; e como armadora, tamén. Pero non vou aceptar que se lle atribúan responsabilidades que non lle corresponden”, sinalou, para continuar afeando aos nacionalistas galegos por intentar terxiversar a realidade. Neste punto, recordou o apoio do Goberno galego na elaboración de estudos, as sementeiras, as diferentes achegas e actuacións de rexeneración. Neste punto, incidiu en que o Goberno galego xa se dirixiu en dúas ocasións ao Instituto Social da Mariña, en marzo e outubro, para abordar a situación das profesionais afectadas, polo que agora lle corresponde ao Executivo central dar unha resposta.

Finalmente, Paula Mouzo agregou que “nós non imos permitir que a Xunta se converta na caixa pagadora dos incumprimentos de Sánchez. As mariscadoras de Camariñas merecen solucións, non propaganda; compromisos que se cumpran e non anuncios que quedan en papel mollado”.

O PPdeG denuncia “a pasividade” do Goberno central ante os fallos no sistema de pulseiras antimaltrato e esixe medidas urxentes

O portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos, avanzou, hoxe, a iniciativa que os populares trasladarán ao vindeiro pleno relativa aos reiterados fallos rexistrados no Sistema Cometa de seguimento telemático de agresores –as pulseiras antimaltrato-; e a través da cal esixirán ao Goberno central que “emende de inmediato” esta situación.

Neste senso, criticou a “pasividade e falta de transparencia” do Executivo de Pedro Sánchez fronte a episodios como o de novembro de 2025, cando un fallo deixou sen protección a 4.500 mulleres durante trece horas. Por iso, o PPdeG esixe que se fagan públicas as auditorías do Sistema Cometa, que se deseñe un plan coordinado coa Xunta para corrixir a falta de cobertura e as falsas alarmas e que se melloren os controis: “Unha soa hora sen xeolocalización pode custar unha vida”.

O portavoz popular alertou de que a seguridade das mulleres “non pode depender dun sistema tecnolóxico cheo de eivas” e lembrou que a propia Fiscalía Superior de Galicia, na súa memoria de 2026, vén de advertir de falsas alarmas nas distancias de afastamento e perdas de cobertura que dificultan a xeolocalización dos agresores e das vítimas.

CONDENA DOS ACTOS VANDÁLICOS
Asemade, informou dunha proposición non de lei na que se urxe a todos os grupos da Cámara galega a apoiar a iniciativa para condenar “de xeito rotundo” os actos violentos e vandálicos que “sementaron o caos” na Coruña o pasado 21 de outubro; unhas mobilizacións, recordou, que derivaron en queima de contedores, lanzamento de obxectos perigosos e danos no mobiliario urbano.

Tal e como dixo, a liberdade de expresión e o dereito de reunión non poden servir de “tapadeira para a violencia e a intimidación”. “As ideas –salientou- combátense con argumentos, nunca con agresións, ameazas ou intimidación”. Neste senso, afeou “o silencio cómplice” ante estes “episodios intolerables” das organizacións que convocaron estas protestas, citando de xeito moi sinalado a Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG: “Preocúpanos o clima de confrontación e de trincheiras que algúns se empeñan en perpetuar, pero o que resulta máis preocupante é a actitude de quen convoca e despois cala”.

“A discrepancia política xamais pode ser unha escusa para xustificar, minimizar ou banalizar a violencia por razóns ideolóxicas”, denunciou Pazos, quen aproveitou a súa intervención para manifestar a solidariedade cos membros das Forzas de Seguridade que resultaron feridos.

REDE FERROVIARIA, MINA DE TOURO E PROTOCOLO PESQUEIRO
Ligado tamén á eiva de xestión estatal, o PPdeG formulará unha pregunta de urxencia para coñecer a información da que dispón o Goberno galego sobre o estado real da rede ferroviaria. Pazos denunciou que Pedro Sánchez converteu o ferrocarril “no símbolo absoluto da súa incompetencia”, o que xera unha crecente sensación de inseguridade. Segundo detallou, non se trata de feitos illados, senón de “anos de falta de xestión e de ausencia de investimentos”: só nos primeiros oito meses deste 2026, o número de avarías superou os 140 casos detectados.

Por outra banda, o PPdeG preguntará á Xunta sobre a selección, por parte da Comisión Europea, do proxecto mineiro de Touro-O Pino como proxecto estratéxico europeo. O portavoz puxo en valor un fito que sitúa a Galicia na vangarda da autonomía industrial da UE para o acceso a materias primas fundamentais. “Fronte aos prexuízos ideolóxicos e ao non a todo da esquerda, Europa avala que en Galicia hai potencial para unha minería moderna, sostible e capaz de xerar emprego no territorio”, indicou.

Así mesmo, os populares formularán unha pregunta sobre as accións do Goberno galego para defender os intereses da frota ante o fin do protocolo pesqueiro entre a UE e Mauritania o 14 de novembro, que afecta de xeito especial á frota de fresco de Marín. “Galicia non pode pagar as consecuencias da desidia ou da falta de peso político do Goberno de España en Bruxelas”, criticou.

 

CATRO TEXTOS LEXISLATIVOS PARA O IMPULSO DE GALICIA
Finalmente, o portavoz avanzou o debate de dous importantes textos lexislativos: a Lei de Administración Local de Galicia (LALGA), unha norma para modernizar unha lexislación de hai 30 anos; e a Lei de Educación Dixital de Galicia, para garantir un uso seguro e responsable das novas tecnoloxías nas aulas. A axenda lexislativa completarase o vindeiro luns cos debates ás emendas á totalidade da Lei de Orzamentos para 2027 e á Lei de medidas.

O PPdeG pon en valor o impulso da Xunta para situar o concello de Verea á vangarda dos servizos sociais no rural

O PPdeG reivindicou o pulo decidido da Xunta de Galicia ao benestar social e ao tecido comunitario do concello de Verea, grazas a un investimento estratéxico destinado a mellorar os servizos públicos no rural, incrementar as prazas de atención e fixar poboación na contorna.

Durante unha visita ao Fogar Residencial de Maiores, os deputados do Grupo Parlamentario Popular Cristina Campero e José Luis Ferro, xunto á candidata do PP local, Ángeles Álvarez, e a alcaldesa da Bola e deputada provincial de Igualdade, María Teresa Barge, puideron coñecer a nova residencia municipal, que conta con 24 prazas en 12 habitacións dobres e espazos médicos e de rehabilitación de vangarda. Os populares enxalzaron o investimento autonómico de 730.000 €; unha achega que, tal e como sinalaron, demostra que o obxectivo prioritario do Goberno galego é optimizar os servizos públicos municipais e coidar da nosa xente no rural. A esta cantidade hai que sumarlle os 58.000 € que a Deputación provincial destinou á urbanización de toda a contorna.

A este respecto, explicaron que a nova residencia de Verea se enmarca no Plan de investimentos da Xunta de Galicia, acordado coa Fegamp e dotado con 18,5 M€ de fondos NextGenerationEU para desenvolver unha vintena de proxectos no rural. Esta estratexia destina á provincia de Ourense o 65% do orzamento total –12 millóns de euros- para crear novas prazas residenciais e de centro de día en Galicia, consolidando o compromiso prioritario do Goberno galego co envellecemento activo e a atención digna e profesional á terceira idade.

Para a deputada popular Cristina Campero, este investimento é unha proba do compromiso real do Goberno galego coa calidade de vida en Ourense, ofrecendo equipamentos públicos de primeiro nivel para que as persoas maiores poidan recibir atención preto da súa contorna con total dignidade. Porque, segundo dixo, dotar aos concellos de servizos sociais de calidade resulta fundamental tamén para fixar tecido social e garantir o desenvolvemento e o futuro da provincia.

Pola súa banda, o deputado José Luis Ferro remarcou que a verdadeira política social faise con feitos e investimentos directos nas infraestruturas de atención ás persoas, poñendo en valor que o proxecto da nova residencia dota a Verea dun motor asistencial indispensable para as familias do municipio.

Raquel Arias enxalza o “labor de axuda e asesoramento á emigración” das Oficinas do Retorno, con máis de 4.000 lucenses atendidos

A portavoz de Política Social do Grupo Popular, Raquel Arias, enxalzou o “labor de axuda e asesoramento á emigración” que prestan as Oficinas do Retorno, que, no caso da provincia de Lugo, levan atendidas xa máis de 4.000 persoas desde a súa posta en marcha, a principios do ano 2020. Pola súa banda, a Oficina Móbil xa realizou 85 visitas a máis de 50 concellos da provincia -o 75% do total- desde 2024.

Raquel Arias, acompañada polo alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, comprobou recentemente de primeira man o funcionamento deste recurso itinerante, que complementa as oficinas físicas, ao seu paso polo concello da Ribeira Sacra. A representante popular destacou que no ano 2024 -o último do que figuran datos do Instituto Nacional de Estatística-, retornaron á provincia de Lugo 914 persoas, das que oito fixérono a Sober.

Implementada dentro da Estratexia Galicia Retorna 23-26, a Oficina Móbil do Retorno leva atendidas xa máis de 750 familias nas 372 visitas realizadas a 232 diferentes concellos de Galicia. As oficinas físicas, en paralelo, xa atenderon na nosa Comunidade un total de máis de 40.000 persoas. Arias salientou a “gran importancia” deste recurso despregado pola área de Emprego, Comercio e Emigración á hora de apoiar a todas as galegas e galegos do exterior que se atopan no proceso de volver a residir en Galicia. A Oficina Móbil acode este martes, 10 de novembro, ao Incio; o xoves, 12 de novembro, ás Nogais; e o venres, 13 de novembro, a O Valadouro.

ORZAMENTOS DE 2027
Galicia contará en 2027 cunha nova folla de ruta para dar continuidade á Estratexia Galicia Retorna, tal e como recollen os Orzamentos da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para o vindeiro ano. Neste marco, o programa Retorna Cualifica Emprego e o conxunto das políticas de atracción de talento do exterior disporán de máis de 4 M€, aos que se engaden 2,8 M€ para as axudas extraordinarias ao retorno. A esta aposta sumaranse a celebración de novas feiras de emprego no exterior e as bolsas de excelencia para a mocidade do exterior (2,5 M€), que veñen de acadar a súa 10ª edición como ferramenta consolidada para atraer talento cualificado.

O “DESLEIXO” DO GOBERNO CENTRAL CON CEUTA
Para rematar, a deputada popular referiuse á situación de “caos” que están a vivir os ceutís desde hai máis de tres meses polo “desleixo absoluto” e a despreocupación do Goberno de Pedro Sánchez. Unha situación, asegurou, que se reverterá cando “Alberto Núñez Feijóo chegue á Moncloa”.

O PPdeG demanda un “protocolo específico” para coordinar e potenciar a arqueoloxía subacuática

O Parlamento de Galicia aprobou recentemente a iniciativa do Grupo Parlamentario Popular na que se insta á Xunta de Galicia a fomentar as intervencións arqueolóxicas subacuáticas na comunidade e a pór en marcha “un protocolo específico” que asegure a coordinación de todos os axentes que interveñen nestes complexos operativos.

“Non se pretende nin duplicar funcións nin substituír as competencias de ninguén, senón o contrario: ordenar e facilitar unha cooperación que, a día de hoxe, xa está dando resultados”, dixo o deputado popular José Luis Ferro, tras poñer en valor a enorme riqueza histórica que permanece baixo a auga. “Embarcacións afundidas, os seus cargamentos, pezas de artillería ou estruturas e outros restos que nos permiten reconstruír episodios do noso pasado”, detallou.

Neste senso, defendeu que o novo protocolo mellorará de forma significativa a eficiencia e a seguridade das prospeccións, xa que suporá “unha ferramenta útil para investigar e protexer mellor e para actuar con maiores garantías”.

UN MARCO DE COORDINACIÓN EFICAZ
“Non partimos de cero”, salientou Ferro, ao lembrar a transcendencia que acadaron as últimas intervencións lideradas pola Xunta de Galicia, sinalando de xeito directo o éxito dos traballos para documentar o pecio de Punta Restelos, en Fisterra. “A historia de Galicia tamén está escrita baixo o mar e merece todo o noso compromiso para que poida ser estudada, conservada e transmitida ás xeracións futuras”, sinalou para xustificar a necesidade desta nova ferramenta de xestión.

A iniciativa aprobada estipula que a folla de ruta priorizará sempre a conservación in situ dos bens arqueolóxicos descubertos, tal e como marca o marco normativo. Porén, o plan tamén regulará o depósito e custodia noutros emprazamentos cando sexa indispensable para garantir a súa preservación a longo prazo. O obxectivo final é propiciar un acceso responsable por parte do público con fins de observación e documentación, sen poñer en risco os vestixios.

Finalmente, o deputado do PPdeG insistiu en que a formalización deste protocolo específico situará a Galicia á vangarda nacional na xestión do patrimonio mergullado. Ferro concluíu sinalando que non se trata só de potenciar as escavacións, senón de aliñar a todos os profesionais, científicos e corpos de seguridade nun mesmo operativo coordinado para protexer a historia que aínda custodia o mar territorial galego: “O que se busca é definir mellor, mediante un protocolo específico, como participa cada organismo, que funcións lle corresponden e de que maneira se coordinan os operativos”.

O Partido Popular levará ao Parlamento de Galicia a negativa de Inés Rey a ceder solo para que á Xunta constrúa nova vivenda publica na Coruña

O concelleiro do PP na Coruña e parlamentario autonómico, Roberto Rodríguez, denunciará no Parlamento de Galicia que o goberno municipal de Inés Rey négase a cederlle á Xunta novas parcelas no barrio de Xuxán para que poida construír nova vivenda publica na cidade: “A Xunta está a construír 1.000 novos fogares na Coruña e quere construír mais, pero a alcaldesa di non”

O Goberno do Estado ven de aprobar un Real Decreto polo que transferirá a Galicia 10,2 millóns de euros para a promoción de nova vivenda pública nas zonas declaradas de mercado residencial tensionado, entre elas, A Coruña. O goberno galego xa anunciou que destinará 7,2 millóns a construír nova vivenda protexida na Coruña e con ese obxectivo solicitou do goberno de Ines Rey a cesión de solo para poder levalo a cabo. Cumpre lembrar que que o Concello da Coruña ten aínda parcelas de titularidade municipal nos barrios de Xuxán e Visma nas que se poderían levantar 300 novos pisos.

Pero Inés Rey négase a ceder solo e esixe eses fondos, non para construír nova vivenda, tal e como establece o Real Decreto, se non para rehabilitar 40 pisos municipais baleiros que ten sen arranxar dende 2019, pese a que o goberno municipal deixou sen executar 8 millóns de euros en axudas a rehabilitación que leva tres anos sen convocar.

Ante esta negativa, a Xunta destinará eses cartos a construír 168 vivendas de promoción pública e 150 aloxamentos compartidos para menores de 36 años, así como una residencia xuvenil de 150 prazas no campus de Elviña.

O concelleiro e parlamentario lembrou que nos seus 7 anos de mandato, Inés Rey non construíu ningunha vivenda pública, pese a que o tivo moi doado: “Inés Rey regalou mais de 7 millóns de euros á empresa que xestiona Nostián, 15 á que xestionará o bus, 7 a ADIF ao renunciar ao parking da nova intermodal, e enterrou outros 8 no cemento dos Cantóns. Con eses 38 millóns de euros podería ter construído 200 vivendas públicas”. Por último, Rodríguez lamentou que “por puro electoralismo, nega solo a única administración que está a construír vivenda pública na nosa cidade”.

Alberto Pazos: “Pedro Sánchez converteu o ferrocarril no símbolo absoluto da súa incompetencia e do seu desinterese pola xestión”

O portavoz do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, Alberto Pazos, avanzou, hoxe, o rexistro dunha pregunta oral para que o Goberno galego dea conta da información da que dispón sobre o estado real da rede ferroviaria galega, tras denunciar a crecente sensación de inseguridade entre os usuarios e “os prexuízos diarios, o caos e as molestias” sufridas.

Neste senso, referiuse a que “Galicia leva moitos meses acumulando incidencias que afectan tanto ás conexións interiores como aos servizos que nos comunican co resto de España”. Avarías continuas nos sistemas de sinalización, problemas estruturais na electrificación, interrupcións constantes da circulación, atrasos e cancelacións inxustificadas de servizos foron algúns dos exemplos aos que o portavoz popular apuntou. “Pedro Sánchez converteu o ferrocarril no símbolo absoluto da súa incompetencia e do seu desinterese pola xestión”, denunciou o portavoz, quen detallou que só nos primeiros oito meses deste ano 2026 xa se superaron as 140 avarías e colapsos nas liñas galegas.

GALICIA, Á COLA DAS PRIORIDADES DE PEDRO SÁNCHEZ
“Galicia segue á cola das prioridades de Pedro Sánchez”, afeou Alberto Pazos, quen lamentou o atraso do AVE para Lugo e Ferrol, os incumprimentos do Corredor Atlántico, a falta de investimento e prazos concretos para a conexión Vigo-Porto e a negativa a modernizar o ancho das novas vías cara ao ancho internacional –urxente no treito Santiago-Ourense-. E incidiu na prioridade absoluta de “garantir que as nosas infraestruturas conten con investimentos, con controis de calidade e co mantemento estrito que esixe un servizo do século XXI”.

Asemade, denunciou a situación “alarmante” da nosa rede de estradas estatal, poñendo o foco na falta de conservación en todo o trazado da A-6, os problemas recorrentes pola néboa na A-8, os atrasos na finalización da A-54 e as importantes deficiencias de conservación da N-120, N-540 ou N-642, entre outras vías: “As deficiencias de conservación e os atrasos nas infraestruturas pendentes son clamorosos”.

A OBRIGADA DIMISIÓN DE ÓSCAR PUENTE
Por outra banda, incidiu en que as traxedias ferroviarias de Adamuz e Urda fixeron que a dimisión de Óscar Puente fose “a única saída digna e inevitable” para un ministro máis centrado en polemizar nas redes que en xestionar as infraestruturas.

Neste sentido, o portavoz popular afeou as palabras do secretario xeral do PSdeG loando o legado de Puente e afirmando que representa “o mellor da política”: “Representar o mellor da política é converter o orgullo da alta velocidade nun pesadelo diario; que 7 de cada 10 trens cheguen tarde en Galicia; que o 59% da rede de estradas da nosa Comunidade estea en estado grave; e é expulsar de ADIF a técnicos que non son amigos para substituílos por amigos que non son técnicos?”. “Con estes antecedentes –continuou- os socialistas galegos non están para presumir de políticas nin de políticos”.

E fixo fincapé en que quedan exactamente 23 días para o 29 de novembro, a data en que os cidadáns teñen nas urnas o poder para “desterrar ao sanchismo da vida pública e para recuperar a confianza nas institucións, o rigor na xestión pública e a decencia na política”.

MÁIS AUTOGOBERNO PARA GALICIA
Para rematar, felicitou ao Executivo de Alfonso Rueda pola consecución de “dous novos e históricos traspasos” de competencias para a Comunidade: a xestión das autorizacións iniciais de traballo para persoas estranxeiras e as competencias sobre 40 aeródromos e heliportos non cualificados de interese xeral. O portavoz puxo en valor que a Xunta responde con orzamentos en tempo e forma, planificación e compromisos cumpridos.

Do mesmo xeito, censurou que a líder do BNG, Ana Pontón, amose “moito máis entusiasmo” para branquear e apoiar as políticas fracasadas de Pedro Sánchez que para celebrar os avances de autogoberno para Galicia.

O Parlamento aproba reclamar medidas para paliar o incremento dos custos do gasóleo e dos fertilizantes ante a inacción do Executivo central

O Parlamento de Galicia vén de aprobar, hoxe, a iniciativa do Grupo Parlamentario Popular que reclama medidas para paliar o incremento dos custos do combustible e dos fertilizantes e que están a asfixiar a actividade gandeira e pesqueira ante a inacción do Goberno central. “Pedimos axudas suficientes, inmediatas e eficaces. Pedimos menos burocracia e máis coordinación coas Comunidades autónomas”, sinalou o deputado popular Miguel Fidalgo.

Neste senso, explicou que, desde o inicio da guerra de Irán, o gasóleo agrícola incrementouse máis dun 60 % e o gasóleo pesqueiro, arredor dun 88 %. Unha suba á que hai que engadirlle, dixo, o encarecemento dos fertilizantes, dos pensos e da enerxía e, tamén, dos aparellos e da carnada. Recordou que a Unión Europea permite mobilizar axudas de ata o 70 % dos sobrecustos derivados do incremento do combustible e dos fertilizantes, pero que o Executivo de Pedro Sánchez decidiu limitar esa axuda “a uns míseros 20 céntimos por litro”.

Asemade, fixo referencia a unha demanda do propio sector pesqueiro, que reclama unha axuda de polo menos 40 céntimos por litro, calculada sobre o consumo real e aplicada directamente no momento de repostar. Tal e como sinalou Fidalgo, as axudas deben responder a ese incremento real dos custos e chegar a tempo, non converterse, en cambio, “nunha carreira de obstáculos burocráticos. Para o deputado popular, o agro e o sector pesqueiro galegos “non poden parar”: “Canto máis teñen que perder para que o Goberno de España entenda que estamos ante unha situación de emerxencia?”.

Fronte á inacción, a “cero empatía” dun Executivo central “que parece gobernar contra a xente”, fixo fincapé en que “a Xunta do presidente Rueda si está ao lado dos sectores produtivos”, e recordou os 3,6 M€ en axudas directas para mitigar o incremento dos prezos dos fertilizantes e do gasóleo. Unha achega, apuntou, da que se beneficiarán arredor de 4.500 agricultores e gandeiros galegos.

A COMPLICIDADE DOS GRUPOS DA OPOSICIÓN
Afeou a actitude de complicidade de socialistas e nacionalistas galegos co Goberno de Madrid, a quen acusou de “levar á ruína” ao país e de ter “cero empatía coa Galicia que madruga”. “Cando houbo que elixir entre Pedro Sánchez e Galicia, elixiron sempre Pedro Sánchez”, lamentou. “O BNG –continuou- é moi bravo en Galicia, pero moi manso en Madrid. Demasiada comprensión co goberno que ten nas súas mans boa parte das solucións que hoxe reclama o sector”.

Por outra banda, Fidalgo criticou o voto en contra do PSdeG e que prefira aplaudir ao peor goberno de España desde que hai democracia a defender “a quen produce, traballa e sostén unha parte esencial da economía galega”.

O PPdeG contrapón a política de feitos e investimentos da Xunta en materia de vivenda coa propaganda electoralista do Goberno de Sánchez

O deputado do Grupo Parlamentario Popular Moisés Rodríguez puxo hoxe en valor as medidas estratéxicas do Goberno galego destinadas a que “cada vez máis familias teñan opción a desfrutar dunha vivenda digna a prezos accesibles”. Así, contrapuxo o compromiso da Xunta, que se mide en “programación, feitos e en investimentos”, coas proclamas e a “propaganda electoralista” do Executivo de Pedro Sánchez.

O parlamentario popular recordou que, no 2027, a Xunta vai destinar case 520 M€ a políticas de vivenda –un 50% máis que en 2026- e que, no referido ao desenvolvemento de vivenda de promoción pública a cifra acada os 326 M€, “exactamente o dobre”.

“Galicia non improvisa a súa política de vivenda”, apuntou Moisés Rodríguez, tras facer referencia ao reto asumido polo Goberno galego de converter a vivenda como un dos piares fundamentais nesta lexislatura, facendo fincapé nas más de 4.600 VPP en marcha e no obxectivo de duplicar o parque público residencial e acadar as 8.000 vivendas en 2028, todas elas con cualificación permanente. “Construír máis significa tamén garantir solo”, indicou Moisés Rodríguez. Por iso, a Xunta puxo en marcha unha Estratexia Galega de Solo Residencial que permitirá desenvolver chan para aproximadamente 25.000 novas vivendas, das que 20.000 serán protexidas.

Xunto á construción e á mobilización do solo, o parlamentario popular detallou as modificacións normativas que o Goberno galego leva impulsando para dinamizar o mercado. Entre elas, destacan a conversión de locais comerciais en vivendas, a recuperación de edificios inacabados ou a cualificación indefinida das vivendas públicas e protexidas en solo público, asegurando o seu uso social permanente.

Asemade, destacou as novas medidas para que “máis familias dispoñan dunha vivenda pública protexida”, elevando a 4 veces o IPREM –4,5 para familias numerosas-; reservando o 30% das vivendas públicas en venda para persoas de entre 36 e 45 anos con fillos pequenos; e reservando, tamén, o 20% das novas VPP para os inscritos no rexistro de demandas con máis de cinco anos de antigüidade.

Denunciou a improvisación do Goberno central na elaboración dos dous decretos lei e a súa ineficacia, tal e como se puxo de manifesto coa retirada de vivendas do mercado do alugueiro e o incremento da inseguridade xurídica para os propietarios: “O Estado debería construír vivenda, incentivar a protexida e mobilizar as baleiras”. Asemade, referiuse ás consecuencias declaración de zonas tensionadas, unha medida fracasada tal e como reflicten os datos: na Coruña, descendeu o 60% do número de contratos; e, en Santiago, no primeiro mes desde a posta en marcha da medida, un 55%.

Para rematar, sinalou que o PPdeG segue a ser o único valor seguro para garantir o dereito a unha vivenda digna.

O PPdeG pide a modernización e o acondicionamento integral do edificio de almacéns no porto de Sada-Fontán

O PPdeG vén de solicitar que se liciten canto antes as obras para cambiar a cuberta e acondicionar o edificio de almacéns e locais dos armadores no porto de Sada-Fontán, ao tratarse dun espazo estratéxico onde tradicionalmente se concentran tamén os servizos da lonxa e os talleres de carpintería de ribeira.

A través dunha iniciativa parlamentaria, impulsada pola deputada Nazareth Cendán, os populares poñen de manifesto a necesidade de atender as reclamacións que o sector marítimo-pesqueiro local vén trasladando nos últimos tempos para mellorar as condicións de traballo e xestión dos profesionais neste espazo portuario. Neste senso, Cendán apuntou que o acondicionamento e a modernización destas instalacións é básico ante os efectos da acción do mar e dos fenómenos meteorolóxicos, pero sobre todo “para que o sector poida prestar un labor máis eficiente e en condicións de máxima seguridade”.

Tal e como expuxo, a iniciativa “encaixa co compromiso que o Goberno galego mantén coa transformación dos portos pesqueiros en motores de crecemento económico, social e medioambiental, a través da mellora das súas infraestruturas”. Segundo explicou, a normativa galega de obras en espazos públicos establece que as actuacións de renovación deben priorizar a eliminación de materiais degradados ou antigos, substituíndoos por alternativas axeitadas como cubertas metálicas de alta resistencia salina.

Deste xeito, salientou que cómpre corrixir o deterioro do teitume mediante unha impermeabilización completa que evite filtracións de humidade e frear a corrosión dos elementos metálicos da envolvente provocada pola forte exposición ambiental.
ESCOITA ACTIVA E CONTACTO DIRECTO CO SECTOR
Pola súa banda, a portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular de Sada, Esperanza Arias, quen acompañou á deputada autonómica na súa visita á zona portuaria, destacou que “esta iniciativa nace do contacto directo co sector marítimo-pesqueiro de Sada e da escoita activa das súas peticións”. Así, subliñou o compromiso da formación local ao trasladar estas demandas ao Parlamento de Galicia co obxectivo de “garantir a reparación e o acondicionamento dos almacéns do porto”.

A iniciativa do Grupo Popular pon o foco na necesidade de executar unha adecuación tanto interior como exterior do edificio de locais. O obxectivo prioritario desta intervención é recuperar a estanquidade do inmoble para lograr unha optimización óptima do espazo de almacenamento dos aparellos, garantindo así a total funcionalidade e operatividade duns almacéns esenciais para o día a día dos armadores e mariñeiros de Sada.