O Grupo Popular critica que os socialistas falen de garantir cita en 48 horas en atención primaria esquecéndose de que o principal inconveniente é a falta de médicos de familia e pediatría

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, criticou hoxe no Pleno do Parlamento que “os socialistas galegos falen de garantir cita en 48 horas en atención primaria esquecéndose que o principal inconveniente é a falta de médicos, especialmente de familia e pediatría”. “Parten dun diagnóstico errado, evitando deliberadamente identificar as causas reais dos problemas e pretenden impoñer medidas que, alén de imposibles, son profundamente demagóxicas”, indicou.

Encarna Amigo sinalou que a proposición de lei defendida hoxe polos PSdeG no Pleno sobre a mellora na atención primaria “é o reflexo máis claro da súa desconexión coa realidade da sanidade galega, non só porque non achega solucións reais, senón porque repite, punto por punto, unha proposta que xa foi rexeitada hai tres anos”.

MÁIS RECURSOS E PROFESIONAIS

“A sanidade pública galega ten hoxe máis recursos e máis profesionais que nunca e conta cunha planificación e xestión que permite garantir unha asistencia de calidade en tempo e forma ao conxunto da poboación en calquera circunstancia”, asegurou a portavoz popular.

Respecto da proposición de lei do PSdeG para garantir cita en 48 horas en atención primaria, Encarna Amigo subliñou que “ningunha comunidade autónoma gobernada polo PSOE promoveu unha lei destas características, e tampouco o Goberno central aplica esta media en Ceuta e Melilla, cunha sanidade xestionada directamente pola Administración central”.

A portavoz popular incidiu que “o principal problema da sanidade galega e española á a falta de médicos, especialmente de medicina de familia e pediatría, un problema que afecta a todas as comunidades autónomas, gobernadas por quen sexa e que leva anos sen resposta por parte do Goberno de Pedro Sánchez”.

SETE ANOS, SEIS MINISTROS DE SANIDADE

“Levamos sete anos con seis ministros de sanidade socialistas e ningún deles foi quen de impulsar unha solución real ao déficit de profesionais”, lamentou a portavoz popular, quen destacou que “mentres tanto en Galicia a Xunta fai o que está na súa man: estabiliza persoal, crea prazas, mellora as condicións laborais e mantén a atención primaria operativa mesmo nas zonas de máis difícil cobertura”.

Froito destas medidas, Amigo afirmou que “a sanidade galega ten unha das taxas máis baixas de eventualidade e un dos maiores índices de estabilidade en atención primaria”, polo que manifestou que “non se pode falar de precariedade cando o 92 por cento dos médicos de familia son fixos”.

Para rematar, Encarna Amigo criticou que os socialistas galegos “esixan contratar máis médicos que non existen, cando, ademais, intentaron boicotear a lei de provisión de prazas de difícil cobertura que ten permitido que centros de saúde, sobre todo das zonas máis despoboadas, teñan hoxe profesionais”. Ademais, salientou que a Xunta acaba de aprobar unha OPE de 3.460 prazas, 2.000 máis das previstas, para aumentar a estabilidade e reforzar todos os ámbitos do Servizo Galego de Saúde.

O Grupo Popular salienta o incremento do 18 ao 26% das licenzas deportivas femininas entre os anos 2009 e 2024

A portavoz de Política Social do Grupo Popular, Raquel Arias, salientou hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia o incremento do 18 ao 26 por cento sobre o total das licenzas deportivas femininas entre os anos 2009 e 2024, co obxectivo de chegar á igualdade efectiva nos vindeiros anos.

Raquel Arias lembrou que a Lei 3/2012 do deporte de Galicia “recoñece nos seus artigos 3 e 5 o dereito de todos os cidadáns a coñecer e a practicar deporte de forma libre, voluntaria e democrática en termos de igualdade e sen discriminación algunha, así como a integración da dimensión de igualdade de oportunidades entre as mulleres e os homes, e evitar calquera elemento de discriminación directa ou indirecta”.

“Galicia vive un crecemento do deporte feminino en todos os ámbitos e mostra disto é que as licencias femininas representaban o 18 por cento sobre o total en 2009 e no exercicio de 2024 supoñen o 26 por cento das licenzas deportivas, nun ano que pecho con case 320.000 licenzas federativas”, destacou a portavoz popular.

DESDE O ALTO NIVEL ATA O DEPORTE ESCOLAR

Neste sentido, Raquel Arias referiuse ao incremento das deportistas galegas de alto nivel, que pasaron de representar o 28,5 por cento en 2011 ao 41,3 por cento en 2025; ao tempo que se igualou a participación na práctica deportiva escolar, con 52 por cento de nenos e 48 por cento de nenas.

“Estes resultados son froito do traballo diario dos axentes deportivos galegos, pero tamén dos programas de actuación da Xunta, entre os que destacan o plan de patrocinio dos equipos de alta competición, a campaña Non contra a violencia de xénero ou o plan corresponsables”, afirmou.

Respecto da igualdade no deporte no colectivo LGBTI, a viceportavoz popular sinalou que a Lei 2/2014 pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, bisexuais, transexuais e intersexuais de Galicia é a primeira destas características que conta cun artigo específico dedicado ao deporte, onde se recolle que a práctica deportiva e de actividade física desenvolverase en termos de igualdade e sen discriminación algunha por razón de orientación sexual e identidade de xénero.

O PPdeG lembra que os maiores interesados no programa Benestar en balnearios teñen ata o 16 de xullo para inscribirse

As deputadas do Grupo Popular Raquel Arias e Nicole Grueira lembraron hoxe que o prazo para participar no programa Benestar en balnearios da Xunta, a través do que aos maiores de 60 anos ou pensionistas de máis de 55 anos poden gozar de descontos para estadías nestes establecementos, remata o vindeiro 16 de xullo.

En compañía do portavoz do PP en Guitiriz, José Manuel López, Raquel Arias e Nicole Grueira visitaron as instalacións do balneario desta localidade, un dos catro lucenses adheridos a este programa nesta edición xunto ao Balneario Termas de Lugo, o Balneario Río Pambre de Palas de Rei e Augas Santas Balneario de Ferreira de Pantón.

LOITA CONTRA A SOIDADE NON DESEXADA

O programa Benestar en balnearios da Xunta ofrece preto dun 50 por cento de desconto aos maiores de 60 anos ou a pensionistas de máis de 55 para estadías en réxime de pensión completa durante 10 días nun dos 15 establecementos hoteleiros adheridos de toda Galicia. Aquelas persoas interesadas dispoñen ata o vindeiro 16 de xullo para formalizar a súa inscrición, preferentemente, a través da sede electrónica da Xunta ou, de forma opcional, en calquera rexistro oficial da Xunta.

Esta iniciativa é “unha mostra máis da aposta da Xunta de Galicia polas persoas maiores ou en situación de dependencia”, segundo subliña a deputada lucense e portavoz de Política Social do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, Raquel Arias. “Coa estadía de 10 días nestes balnearios de Galicia contribúese a mellorar a súa saúde física e tamén a emocional e serve, ademais, como ferramenta na loita contra a soidade non desexada”, engadiu.

A deputada popular tamén puxo en valor que “a Xunta inviste este ano máis de 330.000 euros neste programa”, un 10 por cento máis que na pasada edición. O programa ofrece este ano 1.276 prazas, 41 máis que na edición anterior, para desfrutar en diferentes quendas desde o mes de xullo ata decembro.

O PPdeG esixe á alcaldesa de Moaña que asuma as súas competencias e regule a práctica da pesca recreativa nos portos deste concello

O portavoz do Mar do Grupo Popular, Miguel Fidalgo, acompañado do portavoz do PP en Moaña, Alfonso Piñeiro, esixiron hoxe á alcaldesa deste concello que asuma as súas competencias, do mesmo xeito que o fixeron noutras localidades galegas, e regule a práctica da pesca recreativa no portos deste municipio pontevedrés. “Sabe perfectamente que a Xunta, a través de Portos de Galicia, está disposta a colaborar para poder ampliar esta actividade nos portos moañeses, polo que a decisión está na man do Concello que se poida desenvolver unha actividade que ten carácter lúdico, veciñal e non puramente portuario”, apuntou.

Miguel Fidalgo lamentou que o Concello de Moaña “continúe poñendo trabas e rexeitando sistematicamente que os pescadores recreativos poidan exercer a súa afección nos portos deste municipio, demostrando un absoluto desinterese polas demandas dun colectivo que só busca desfrutar dun lecer saudable e tradicional”.

Neste sentido, lembrou que a Xunta, a través de Portos de Galicia, “xa propuxo en repetidas ocasións, a última vez en outubro de 2023, a sinatura dun convenio de colaboración co Concello de Moaña para autorizar e regular a práctica da pesca recreativa nas instalacións portuarias, tal e como fan con éxito outros Concellos galegos como Baiona, A Guarda, Porto do Son, Ribeira, Cervo, Muros, Malpica ou A Laracha”. “Porén, a alcaldesa de Moaña decidiu ignorar esta posibilidade, enviando mesmo unha negativa por escrito e amparándose en supostas “falta de efectivos” e outras escusas que non se dan noutros municipios”, indicou.

DAR AS COSTAS Á VECIÑANZA

Miguel Fidalgo subliñou o compromiso da Xunta por dar resposta ás peticións dos pescadores recreativos, ao tempo que realiza investimentos de máis de un millón de euros nos portos de Moaña nos últimos meses, con obras como a renovación da iluminación, a mellora do peirao da Mosqueira ou a remodelación da sede da Sociedade Deportiva Tirán.

“Resulta evidente que a alcaldesa de Moaña prefire dar as costas á veciñanza e aos pescadores recreativos, inventando problemas e cargando culpas a outras administracións en lugar de asumir as competencias que si asumen outros Concellos”, criticou o portavoz popular, quen afirmou que “esta postura irresponsable e sectaria deixa sen opcións a centos de persoas que queren practicar un deporte que, ademais de lúdico, contribúe á dinamización social do municipio”.

Paula Prado critica que a implantación da nova Lei de Xustiza sairalle gratis ao Goberno central fronte aos máis de 5 millóns de euros que deberá pagar a Xunta

A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, criticou hoxe no Parlamento de Galicia que a aplicación da nova Lei de medidas en materia de eficiencia do Servizo Público de Xustiza “sairalle gratis ao Goberno central fronte a un custo superior aos cinco millóns de euros para a Xunta, unha nova mostra máis da política que segue o Goberno de Pedro Sánchez de eu invito e ti pagas”.

Ademais, enmarcou esta nova lei nun novo episodio do “asalto que o Goberno central está levando a cabo para o debilitamento da independencia e liberdade dos xuíces e maxistrados”, que se suma á designación do Fiscal Xeral do Estado, á renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial, ao nomeamento de Cándido Conde Pumpido como Presidente do Tribunal Constitucional, á aprobación de leis á medida das necesidades do Presidente Sánchez ou ás reformas do sistema de acceso á carreira xudicial ou do Estatuto do Ministerio Fiscal.

Nunha pregunta formulada esta mañá na Comisión 1ª ao director xeral de Xustiza, José Tronchoni, Paula Prado explicou que a nova Lei de medidas en materia de eficiencia do Servizo Público de Xustiza suporá a supresión de xulgados, coa conseguinte sobrecarga de traballo dos restantes; a limitación das posibilidades de acceso á cidadanía; a desprotección ás vítimas de violencia de xénero; e a creación de dúas clases de Xustiza diferenciadas en función do lugar de residencia: unha para as cidades e outra para o rural.

OÍDOS XORDOS ÁS DEMANDAS DAS COMUNIDADES

“Pero o que resulta máis indignante é o sistema de financiamento para a implantación deste lei previsto polo Goberno de Pedro Sánchez, cargando todo o custo ás comunidades autónomas e librando de pago algún á Administración central”, sinalou a viceportavoz popular, quen concretou que no caso da Xunta o gasto situarase entre os 5 e os 7 millóns de euros.

Paula Prado asegurou que “o importante en materia de Xustiza para o Goberno de Pedro Sánchez é avanzar no debilitamento e a liberdade de xuíces e maxistrados, sen atender a máis mínima das demandas e as necesidades realizadas polos cidadáns ou as comunidades autónomas”.

“Estamos ante o fin da independencia da actuación xudicial e temos que ter moi presente cando morre a xustiza, morre a democracia”, sinalou a viceportavoz popular. Así, afirmou que “neste proceso enmárcase a aprobación desta nova Lei en materia de eficiencia da Xustiza, un paso máis logo dos realizados polo Goberno de Pedro Sánchez na designación do Fiscal Xeral do Estado, primeiro unha ex ministra e despois un compañeiro con carné socialista; o bloqueo da renovación do CXPX e posterior reforma do sistema de nomeamento dos seus integrantes para poder designalos a dedo; o nomeamento de Conde Pumpido, historicamente vinculado ao PSOE, como presidente do Tribunal Constitucional; ou a nova metodoloxía lexislativa de redactar e aprobar leis á medida e ás necesidades do Presidente do Goberno, como a Lei Begoña ou a Lei Koldo”.

O Grupo Popular pedirá no Pleno que Pedro Sánchez convoque eleccións xerais ante os casos de corrupción que asolan o PSOE, o Goberno de España e a súa contorna

O Grupo Popular demandará no Pleno da vindeira semana que o Parlamento de Galicia amose o seu rexeitamento expreso á corrupción instalada no seo do PSOE, do Goberno de España e na contorna persoal e política máis próxima ao Presidente Pedro Sánchez, unha situación que debe derivar na disolución das Cortes e a inmediata convocatoria de eleccións xerais. Así mesmo, reiterarase ao Goberno central a declaración do Xacobeo 2027 como evento de excepcional interese público.

Ao remate da Xunta de Portavoces, a viceportavoz popular, Paula Prado, explicou que a sesión plenaria dará comezo coa votación para a elección, por maioría absoluta, de María Concepción Pombo Romero como presidenta da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia. Neste sentido, trasladou o agradecemento a Alfonso Sánchez Izquierdo polo traballo realizado ao longo de todos estes anos á fronte da Corporación de Radio e Televisión de Galicia, desexándolle o mellor na súa vida persoal e profesional no futuro.

AVANCE HISTÓRICO NO AUTOGOBERNO

A sesión plenaria continuará coa comparecencia da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático para informar sobre a planificación e os últimos avances na xestión e ordenación do litoral de Galicia. “Desde o día de hoxe, Galicia asume a plena xestión sobre o seu litoral, un avance histórico no autogoberno da nosa Comunidade autónoma e que o Goberno galego tivo que traballar duramente polos atrancos que desde o Goberno central se puxeron para que esta transferencia fora realidade”, manifestou Paula Prado.

A portavoz popular afirmou que “a complexa e preocupante situación que se vive neste momento na política española, a consecuencia das investigacións xudiciais que cada vez máis acurralan ao entorno do Presidente Sánchez, ao Partido Socialista e ao seu Goberno”, tamén terá cabida no Pleno da vindeira semana. “Diante deste deterioro institucional e dano reputacional ás institucións españolas, a mellor saída que se lles ocorre aos responsables socialistas é atacar e proferir descualificacións a xuíces e tribunais, nun comportamento impropio dun Estado de Dereito, democrático e avanzado”, lamentou.

Ademais, criticou que a estas descualificacións “tamén recorren os socios máis fieis do Goberno de Pedro Sánchez, como foi o caso do BNG, quen na boca da súa portavoz nacional, a señora Pontón, saíu rapidamente ao rescate de Pedro Sánchez e do seu goberno acusando á Xustiza de lawfare”. “Acusación que, practicamente de inmediato, tivo que corrixir ao percatarse de que non tiña escapatoria posible á ola de corrupción que asolagaba ao Goberno de Pedro Sánchez e ao Partido Socialista”, indicou.

CONDENA DAS ACUSACIÓNS Á XUSTIZA E XORNALISTAS

“Diante desta situación vergoñenta e de perda da lexitimidade institucional, desde o Grupo Popular propoñemos no Pleno da vindeira semana que o Parlamento de Galicia amose o seu rexeitamento expreso á corrupción instalada no seo do PSOE, do Goberno de España e na contorna persoal e política máis próxima ao Presidente Pedro Sánchez, pero tamén queremos que se condenen as acusacións realizadas polos membros do goberno de España e os seus socios atacando á Xustiza e aos xornalistas que están destapando as tramas de corrupción que rodean a Pedro Sánchez”, dixo Paula Prado.

Ademais, a través desta proposición non de lei do Grupo Popular se reclama a inmediata depuración de responsabilidades políticas derivadas dos casos de corrupción coñecidos nas últimas datas, o que debe levar aos socios do PSOE nas distintas institucións á revisión dos acordos de goberno ou de apoio político”. “En definitiva, todo isto debe derivar, necesariamente, na disolución das Cortes por parte do Presidente do Goberno de España e a inmediata convocatoria de eleccións xerais, para permitir que todos os españois, a través do seu voto, abran un novo tempo político”, demandou.

APOIO PARA O LUSTRO XACOBEO 2027-2032

A segunda das proposicións non de lei que o Grupo Popular incorporou á sesión plenaria da vindeira semana ten que ver coa celebración do vindeiro Xacobeo 27 e a necesidade de que o Goberno de España conceda, canto antes, a declaración como evento de excepcional interese público, un recoñecemento que está respaldado pola Comisión Executiva do Consello Xacobeo e ten o visto bo do Ministerio de Cultura.

A iniciativa tamén demanda ao Goberno central un maior e firme apoio económico ante o próximo lustro Xacobeo 2027-2032, co fin de ter unha maior presenza nacional e internacional que sirva para o reforzo turístico non so de Galicia senón de España enteira.

“Consideramos necesario que o Goberno de Pedro Sánchez atope un oco fóra das súas preocupacións pola corrupción que o asola un día tras outro e se centre no que importa aos españois e, en especial, aos galegos: atendendo a solicitude de declaración do Xacobeo 2027 como evento de excepcional interese público, tendo en conta a capacidade mobilizadora desta celebración, xerando beneficios económicos, sociais e culturais non só en Galicia, senón en todas as comunidades autónomas polas que atravesa o Camiño de Santiago”, afirmou a viceportavoz popular.

Por último, e dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase polas medidas que está a impulsar a Xunta para promover o uso da lingua galega entre a xuventude de Galicia; sobre a valoración que fai a Xunta do Real-Decreto estatal que regula o traspaso de menores migrantes non acompañados; e sobre a situación financeira da Universidade de A Coruña, logo de que se coñecera desequilibrio contable de 13 millóns de euros que presenta esta institución segundo os datos da liquidación do exercicio de 2023.

O PPdeG afirma que a incorporación de máis de 260 profesionais garantirán no verán unha atención sanitaria de calidade a todos os galegos e aos que visiten Galicia

Os deputados do Grupo Popular, en visitas a distintos centros de saúde de Galicia, aseguraron que a incorporación de máis de 260 profesionais voluntarios permitirá garantir, un ano máis, unha asistencia sanitaria de calidade durante os meses de verán en toda Galicia. Nese sentido, pediron ao BNG e ao PSdeG que “abandonen o seu discurso alarmista e catastrofista sobre a situación da sanidade galega, porque calquera galego ou persoa que nos visite contará cunha atención sanitaria de primeiro nivel, prestada por profesionais comprometidos e cunha excelente formación”.

Durante estas visitas, subliñaron que a Xunta traballa sempre para ofrecer a mellor asistencia sanitaria á cidadanía, todos os días do ano. Engadiron que o verán non será unha excepción, malia o reto que supón a chegada de milleiros de visitantes a Galicia e o necesario respecto polo dereito ao descanso dos profesionais sanitarios.

MÁIS DE 12 MILLÓNS DE INVESTIMENTO

Neste sentido, explicaron para atender todas as necesidades de atención sanitaria ao longo do verán a Xunta elaborou, como todos os anos, un plan específico de reforzo, dotado con máis de 12 millóns de euros e a través do que está prevista a incorporación de máis de 260 profesionais sanitarios, tanto persoal médico voluntario, como profesionais do 061 que se incorporan voluntariamente ao programa, sanitarios desprazados temporalmente a centros con maior demanda ou a encomenda de funcións a persoal residente de cuarto ano.

“Estamos a falar dunha planificación que a Xunta leva a cabo con criterio e baseándose na demanda asistencial real, non en exercicios de adiviñación nin en augurios de BNG e PSdeG que ao final nunca se cumpren”, manifestaron os deputados populares.

TODAS AS CAMAS HOSPITALARIAS DISPOÑIBLES

Unha planificación para a atención primaria que tamén se estende á atención hospitalaria, onde este verán estarán activas cerca do 92 por cento das camas hospitalarias, aínda que continuarán dispoñibles a totalidade das camas no caso de que fora necesario o seu uso.

“Estamos a falar dun número de camas hospitalarias activas que se realiza tendo en conta a porcentaxe de ocupación real rexistrada entre os meses de xuño e setembro dos últimos anos, unha cifra á que se lle engade unha marxe de seguridade superior ao 10 por cento co fin de garantir a correcta atención sanitaria dos pacientes”, puntualizaron os deputados populares.

Neste sentido, incidiron que “todas as camas dos hospitais públicos galegos estarán dispoñibles ao longo do verán para o seu uso se os pacientes o precisan ou se a situación sanitaria o require, pero é preciso recordar que nunca foi preciso habilitar máis camas das programadas nos meses de verán, incluso nos anos 2021 ou 2022 coa pandemia da Covid-19”.

VISITAS DOS PARLAMENTARIOS POPULARES

As visitas dos parlamentarios tiveron lugar en distintos puntos da comunidade. En Lugo, Encarna Amigo, Raquel Arias e José Manuel Mato acudiron ao centro de saúde de Outeiro de Rei. Miguel Fidalgo e Felisa Rodríguez, acompañados pola presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, visitaron o Hospital Público Álvaro Cunqueiro.

Pola súa banda, Noelia Pérez e Argimiro Marnotes visitaron o centro de saúde do Couto, en Ourense, mentres que Gonzalo Trenor e Magdalena Pérez acudiron ao de Ponteceso, na Coruña.

O Parlamento de Galicia pide ao Goberno de España unha maior flexibilidade fiscal no IRPF e no Imposto de Sociedades para a mellora da xestión forestal

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España unha maior flexibilidade fiscal no IRPF e no imposto de Sociedades que permita unha mellora da xestión forestal en España, así como o desenvolvemento dun plan sectorial contable que permita a este sector tributar de forma máis xusta e de acordo coa capacidade de renda xerada, tal como establece a Constitución Española.

A deputada popular Nicole Grueira lembrou que esta iniciativa parlamentaria “é froito da escoita activa, xa que responde a unha demanda concreta do sector e plenamente coherente coas medidas xa recompiladas no Plan Forestal de Galicia aprobado en 2021, que establece medidas claras para avanzar cara á sustentabilidade e rendibilidade do monte galego”.

MARCO XUSTO E ADAPTADO

Na súa intervención, Grueira explicou que “o calendario fiscal actual, ríxido e pensado para outras actividades, non se axusta á realidade do monte”, polo que demandou “un marco xusto e adaptado, que recoñeza tecnicamente a especificidade dun sector que ocupa unha parte importante do territorio galego, xera emprego e actividade no rural, e contribúe activamente á loita contra o cambio climático”.

“Poñémoslle deberes ao Goberno de España e non á Xunta porque cómpre recordar que os impostos cedidos de titularidade autonómica xa presentan, en maior ou menor medida, unha serie de bonificacións e beneficios fiscais aplicables ao sector forestal, como é o caso das deducións aplicables ás transmisións de solo rústico ou na cota íntegra de actos xurídicos documentados”, manifestou.

O Parlamento galego pide situar a Galicia como rexión produtora e comercializadora de axentes invertebrados de control biolóxico

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita o impulso da Comunidade galega como referente na loita biolóxica contra o Psílido Africano dos cítricos en particular e, por extensión, como rexión produtora e comercializadora de axentes invertebrados de control biolóxico en xeral. Así mesmo, a través dunha emenda do BNG, pídese un reforzo da capacidade pública de diagnóstico, seguimento e resposta fronte a pragas vexetais dotadas cos medios suficientes.

O portavoz popular do Medio Rural, Miguel Ángel Viso, lembrou que o insecto vector que causa o HLB ou enverdecemento dos cítricos apareceu en Galicia en 2014 e a Xunta puxo en marcha ao ano seguinte un plan urxente de erradicación desta praga. A partir de 2019, a Xunta, o Ministerio de Agricultura e o Instituto Valenciano de Investigación Agraria puxeron en marcha nas zonas costeiras de O Rosal, O Grove e Romai un plan especial de soltas do himenóptero Tamarixia Dryi, un parasitoide empregado con éxito en programas de control biolóxico clásico en numerosas zonas citrícolas afectadas polo HLB.

Como resultado deste plan, a presenza de Tamarixia Dryi é xa anecdótica en Pontevedra, en A Coruña foi regulada completamente durante o verán e na actualidade o parasitoide segue activo e expandido, e a súa cría en Maceda está en óptimas condicións.

ACTUACIÓNS E ESTRATEXIA A DESENVOLVER

“Galicia lidera a loita biolóxica en España e demostra que os métodos naturais son eficaces, seguros e sostibles”, salientou o portavoz popular, quen alertou de que “a introdución de inimigos naturais pode conlevar efectos negativos sobre a fauna e flora autóctonas, polo que resulta imprescindible determinar con rigor a especificidade dos organismos que se pretende introducir”.

Miguel Ángel Viso avogou porque a Xunta “continúe neste camiño expandindo a industria asociada, fomentando a investigación, formando aos produtores e impulsando a cooperación interrexional e internacional”. En concreto, fixou catro liñas de actuación principais: o fomento da investigación e a innovación, apoiando centros como o de Maceda; a formación de produtores, para que vexan a loita biolóxica como unha ferramenta práctica e rendible; o desenvolvemento dunha industria galega de organismos biolóxicos; e a aposta por unha economía circular e a sostibilidade, reducindo residuos químicos, protexendo o solo, a auga e os polinizadores.

“Esta estratexia conduciranos, a curto e medio prazo, a reducir significativamente o uso de pesticidas sintéticos, mellorando a calidade dos produtos agrícolas; incrementar o valor diferencial dos produtos galegos, máis sostibles e respectuosos co medio; xerar novos postos de traballo cualificado en investigación, produción e distribución de axentes biolóxicos; e posicionar a Galicia como un modelo de innovación rural e agricultura verde”, afirmou.

O Parlamento galego pide ao Concello de Mondariz-Balneario que solicite a declaración como BIC da Fonte de Troncoso

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Concello de Mondariz-Balneario que leve a cabo os trámites necesarios para solicitar formalmente a incoación do expediente para a declaración da Fonte de Troncoso como Ben de Interese Cultural (BIC). Neste sentido, pídese que a Xunta preste apoio técnico e institucional durante o proceso de tramitación desta solicitude e na elaboración da documentación necesaria para a incoación do expediente, así como que, unha vez declarada a Fonte de Troncoso como BIC, promova a solicitude de fondos no marco do Programa do Ministerio de Vivenda denominado 2% cultural co obxectivo de recuperar un ben patrimonial de gran valor para Galicia e reforzar a identidade cultural deste municipio pontevedrés.

O viceportavoz do Grupo Popular, Julio García Comesaña, lembrou que a Fonte de Troncoso é “un lugar cunha fonda vinculación á historia do termalismo galego, unha mostra destacada da arquitectura de Antonio Palacios e un símbolo da identidade local e da memoria cultural de Galicia”.

Porén, lamentou que “nos últimos anos sufriu un deterioro progresivo, agravado polas inundacións recorrentes”, polo que sinalou que “desde o Grupo Popular propoñemos unha folla de ruta clara, viable e coordinada onde cada administración faga o que lle corresponde, co obxectivo común de recuperar este ben patrimonial con todas as garantías legais, técnicas e financeiras”.

ACTUACIÓNS DA XUNTA

En primeiro lugar, García Comesaña recordou que a Fonte de Troncoso é propiedade do Concello de Mondariz-Balneario, polo que, “para que a Xunta poida incoar o expediente de declaración de ben de interese cultural, é imprescindible que o Concello solicite formalmente a súa apertura e achegue a documentación necesaria”.

“Ao mesmo tempo que se respecta o papel do Concello como titular do ben, tamén se reforza a implicación da Xunta, sen esquecer a necesaria actuación da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para resolver o problema estrutural das continuas inundacións que sufre esta fonte provocadas polo desbordamento do río Tea”, indicou.

Julio García Comesaña explicou que “só se a Fonte de Troncoso é declarada BIC poderá optar ás axudas do programa do 2% cultural, coas que se poderá complementar o investimento xa iniciado pola Xunta neste ben”. En concreto, dixo que a Xunta xa ten encargada a redacción dun proxecto técnico integral de rehabilitación da fonte, asinado polo prestixioso arquitecto César Portela, que prevé unha intervención global sobre os dous pavillóns existentes e no seu contorno inmediato, coa intención de dotalos dun novo uso turístico e divulgativo compatible coa protección patrimonial.

Ademais, apuntou que a Xunta xa actuou para garantir a consolidación estrutural do conxunto e a protección do inmoble fronte ao seu progresivo deterioro, con actuacións como o apuntalamento e tapiado dos ocos con risco de derrumbe; a instalación de valado perimetral e lona decorativa para garantir a seguridade e evitar o vandalismo; e a reconstrución parcial de muros e a execución dun zuncho de formigón armado no pavillón de embotellado, que permitirá no futuro a instalación da nova cuberta.