Santiago, 14 de febreiro de 2018.- O Grupo Popular trasladou hoxe, a través do seu portavoz, Pedro Puy, as condolencias aos responsables de UXT en Galicia polo pasamento do que fora o seu secretario xeral Jesús Mosquera.
O PPdeG defenderá no pleno que a Xunta inclúa a construción modular de vivendas no seu programa de promoción pública
Santiago, 13 de febreiro de 2018.- O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a incluír a construción modular de vivendas dentro do seu programa de vivenda de promoción pública. Así mesmo, pedirá ao Goberno galego que presente neste primeiro cuadrimestre de 2018 o balance de execución do III Plan director da cooperación galega 2014-2017 e elabore o IV plan para os anos 2018-2021.
Fiscalizar o reparto das axudas das deputacións aos concellos, entre as recomendacións ao Plan de traballo do Consello de Contas que se debaterán no próximo Pleno
Santiago, 12 de febreiro de 2018.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, avanzou hoxe a previsión de que no Pleno da vindeira semana se aproben as recomendacións ao Plan de Traballo do Consello de Contas para 2018, entre as que figura a solicitude para que fiscalice os criterios que seguen as deputacións provinciais para o reparto dos recursos dos plans provinciais entre os concellos, así como a eficiencia do gasto e o seu peso relativo nos orzamentos.
O PPdeG celebrará unha xornada de traballo con dirixentes municipais para avanzar na política de proximidade de cara ás municipais
Santiago, 9 de febreiro de 2018.- O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, anunciou que a vindeira semana o PPdeG celebrará a xornada de traballo «Facendo Galicia desde os concellos» á que estarán convidados alcaldes e concelleiros de toda a Comunidade e que avanzará na política de proximidade coa vista posta nos comicios municipais de 2019. Alí todos escoitarán como compañeiros do partido comparten experiencias de éxito no eido local, de vitorias, pero tamén sobre como facer un traballo duro e moitas veces ingrato que é o de estar na oposición.
A xornada, que será clausurada polo presidente Alberto Núñez Feijóo, estará estruturada en varias mesas redondas, nas que se darán cita representantes das catro provincias, tanto das cidades como de vilas intermedias e pequenos concellos, e que se atopan hoxe no goberno e na oposición. “En definitiva, exemplos todos dunha forma de facer política moi nosa e moi característica deste partido: que é a política de proximidade e a que se atopa máis preocupada polos problemas dos veciños”, engadiu Tellado.
Os populares levan tempo realizando un intenso labor de cara ás vindeiras municipais, de fortalecemento interno das estruturas e de renovación a nivel local; así como unha axenda de formación que está alcanzando diversas facetas, como poden ser a da comunicación ou a da xestión. Da combinación de ambas xorde o evento que celebrarán o próximo 17 de febreiro en Santiago e que terá unha transcendencia que vai máis alá dunha das moitas reunións que manteñen os diferentes órganos do partido.
“Facemos isto porque cremos que ninguén mellor que moitos dos nosos alcaldes, portavoces e concelleiros pode dar claves de como se xestiona o día a día dun concello, de como se gaña a confianza dos veciños, de como se reforza unha maioría absoluta, de como se pode gañar arrancando desde a oposición e de como se pode facer unha oposición moi digna despois de gañar as eleccións e de que os pactos de perdedores eviten que gobernemos”, remarcou o secretario xeral.
Así mesmo, subliñou que no Partido Popular de Galicia teñen a grandísima sorte de que en cada recuncho de Galicia hai alguén cunha experiencia que contar e alguén de quen se pode aprender. “E con este acto estamos dispostos deixar claro que o aproveitamos”, dixo.
Tellado tamén salientou que son a única formación da Comunidade que se pode permitir facer un evento coma este xa que “somos os únicos que temos máis de 150 alcaldes, que temos máis de 1.800 concelleiros, que estamos en todos e cada un dos concellos galegos, que podemos reunir a varios centos de cargos e acabar sen discusións, sen conspiracións ou sen división; e que podemos dicir o mesmo en Ferrol, en Mos, en Mondoñedo ou en Oímbra, incluso respectando as particularidades de cada lugar”. “Ese é o gran valor do Partido Popular de Galicia, os milleiros de persoas que o conforman e que cren nun proxecto centrado, rigoroso e de futuro para esta terra”, concluíu.
O GPP reitera o compromiso co Ateneo de Ourense para cederlle un espazo no edificio da rúa Concello, 11
Santiago, 8 de febreiro de 2018.- O deputado do Grupo Popular Carlos Gómez Salgado reiterou hoxe no Parlamento o compromiso co Ateneo de Ourense para cederlle un espazo no edificio da rúa Concello número 11 da cidade ourensá. Porén, evitou poñer prazos a esta cesión porque “a Xunta non sabe cando vai recibir a nova biblioteca no edificio de San Francisco nin tampouco se a Administración central vai ceder o edificio da rúa do Concello número 11, paso previo para calquera plantexamento de uso deste inmoble”.
César Fernández critica que a oposición fale de masificación no ensino galego cando Galicia ten ratios alumno/profesor e alumno/aula máis baixos que a media española
Santiago, 8 de febreiro de 2018.- O portavoz de Educación do Grupo Popular, César Fernández Gil, criticou hoxe que a oposición “estea a falar de masificación no ensino galego, cando a Galicia ten ratios de alumno/profesor e alumno/aula máis baixos que a media de España”.
María Antón avoga porque sexa a propiedade quen decida os pasos que quere dar para reclamar aos herdeiros da familia Franco as pías bautismais de San Xián de Moraime
Santiago, 8 de febreiro de 2018.- A deputada do Grupo Popular María Antón avogou hoxe pola “prudencia e que sexa a propiedade das pías bautismais medievais pertencentes á igrexa de San Xián de Moraime a que decida os pasos que quere dar con respecto a reclamar aos herdeiros da familia Franco a súa devolución”.
O Parlamento galego amosa o seu apoio á figura da prisión permanente revisable
Santiago, 7 de febreiro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, cos votos en contra de todos os grupos da oposición, a través da que se amosa o apoio á figura da prisión permanente revisable e se insta aos grupos parlamentarios do Congreso dos Deputados a que reconsideren a súa postura sobre a derrogación desta figura penal.
O Parlamento aproba instar ao Goberno central para que os emigrantes fóra da UE tributen no imposto de sucesións e doazóns pola normativa europea
Santiago, 7 de febreiro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei do Grupo Popular, coa única abstención de En Marea, a través da que se solicita do Goberno central que nos casos de herdanzas ou doazóns con residentes en países que non pertenzan á Unión Europea se tribute no imposto de sucesións e doazóns de acordo coa normativa da Comunidade galega e non a estatal. Así mesmo, demándase a cesión ás comunidades autónomas do rendemento deste imposto, comprendendo tamén a delegación das competencias de xestión, recadación, inspección e revisión correspondentes.
O Parlamento demanda unha equiparación das tarifas no transporte ferroviario en toda Galicia que eviten discriminacións dos usuarios en función da súa residencia
Santiago, 7 de febreiro de 2018.- O Grupo Popular apoiou hoxe no Pleno do Parlamento a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se esixe ao Goberno central una equiparación das políticas e modalidades tarifarias en todo o territorio galego, para evitar a actual evidente situación de discriminación que se dá en función do lugar de residencia de galegos e galegas. Ademais, solicítase ao Goberno central unha ampliación das frecuencias horarias desde Ourense en función da demanda para mellorar a comunicación con Compostela e A Coruña.
A iniciativa aprobada, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, incorpora a demanda para que se reformulen os termos e condicións dos bonos de transporte Abono Tarxeta Plus, Tarxeta Plus 10 e Tarxeta Plus 10 Estudantes para aumentar o período de uso que rexe a partir da data da primeira formalización da reserva, de forma que se poida empregar en máis tempo que na actualidade.
A deputada do Grupo Popular Marta Nóvoa salientou que “a cidadanía galega está contenta e quere o AVE, e non coñezo a ninguén da provincia de Ourense que non apoie esta infraestrutura”. “Con todo, a e pasar de que se trata dunha competencia estatal, desde a Xunta e o PPdeG seguiremos a traballar para que se ofreza o mellor servizo aos cidadáns, solicitando a Renfe que continúe coa mellora das tarifas e dos servizos ao ritmo que a demanda e as necesidades dos cidadáns o requiran”, sinalou.
ACHEGAR AS CIDADES
Marta Nóvoa manifestou que “o eixo atlántico e o corredor de alta velocidade entre Santiago e Ourense son uns servizos que permiten achegar as nosas cidades, e unhas infraestruturas que reducen os tempos de viaxe e que aforran tempo todos os días aos galegos que precisan deste medio de transporte para traballar ou estudar”.
Deste xeito, apuntou que “non concordamos coa oposición no abandono nin na visión negativa que fan destes servizos ferroviarios” e avogou polo seu incremento “en función da existencia dunha demanda adecuada e que non estea cuberta por outros servizos de transporte público”.