Demanda da Xunta de Galicia ao Goberno de España da posta en marcha dunha operación de traballo subacuático que permita localizar e inspeccionar os restos do buque afundido «Villa de Pitanxo»
En pasadas semanas, o Goberno de España comprometeu publicamente a súa implicación na procura de medios para descender, previa procura, ao pecio do buque “Villa de Pitanxo”.
Transcorrido un prazo prudencial, e tras a falta de noticias, sinálase que non se acometerá esta operación, o que xera un feito vergoñoso e doloroso pola clara falta de respecto aos 21 falecidos, ás súas familias e a todo a xente do mar.
Engadido á falta de humanidade e empatía que este feito xera, hai que sinalar que a escusa de non poder atopar os corpos ou a imposibilidade de acceder ao interior do buque non é óbice para que se acometa a baixada ao pecio afundido, e poder gravar en que situación e circunstancias atópase o buque.
Ademais, a Fiscalía sinalou a existencia de indicios de homicidio imprudente no afundimento do “Villa de Pitanxo”, cuestión pola cal o visionado do estado do barco lanzaría máis datos para o bo discorrer da investigación e, consecuentemente, para o esclarecemento da verdade.
Por iso resulta imprescindible que o Goberno de Espña colabore coa Xustiza para que se achegue esta proba que pode contribuír de forma importante a coñecer a verdade, xa que todos temos dereito a coñecela e o Goberno central a obrigación de procurala.
Por todo isto, o Grupo Parlamentario Popular presenta a seguinte proposición non de lei urxente en Comisión:
O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España a posta en marcha dunha operación de traballo subacuático que permita localizar o pecio do buque “Villa de Pitanxo”, descender ao mesmo e elaborar un traballo fotográfico e audiovisual sobre o seu estado, así como a recoñecer os seus arredores e zona exterior do buque para verificar a posible localización de corpos dos tripulantes desaparecidos.
Rexistro:https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-003052