Santiago, 24 de abril de 2018.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, demandou hoxe no Parlamento que a Xunta dote ás urxencias dos centros hospitalarios do SERGAS dos medios materiais e humanos necesarios para a correcta atención das persoas usuarias, así como dos reforzos precisos de persoal en circunstancias de incremento da demanda, de acordo cos respectivos plans de continxencia.
Aurelio Núñez lembrou que as sociedades científicas teñen fixado en 4.445 a ratio de urxencias por médico e ano, “pero no caso do Hospital de Santiago está en 2.992, representando unha media de 13,6 pacientes por facultativo en cada xornada de traballo”. “Parece, entón, que, salvo situacións de especial incremento asistencial como a epidemia gripal, o número de facultativos é axeitado ás necesidades”, sinalou.
Deste xeito, o portavoz popular lamentou que os grupos da oposición rexeitaran a emenda do Grupo Popular “para demostrar que están realmente preocupados pola atención aos doentes, e non para intentar desgastar ao goberno da Xunta”.
Ademais, demandoulles que “deixen de deostar o sistema sanitario público galego, do que hai indicadores dabondo para poñelo en valor e, sen dúbida, para comparar coa gran maioría dos das demais comunidades autónomas”.