Santiago, 12 de abril de 2018.- A deputada do Grupo Popular Encarna Amigo demandou hoxe no Parlamento que o Concello de Poio dea cumprimento a todos os compromisos administrativos e orzamentarios asumidos no convenio asinado en setembro de 2016 co Servizo Galego de Saúde para a execución das obras de ampliación e reforma do centro de saúde de Anafáns, co fin de que, unha vez dados eses pasos, o SERGAS poida proceder á realización das actuacións necesarias.
Encarna Amigo lembrou que a través deste acordo o Concello de Poio comprometeuse a realizar todos os tramites patrimoniais e urbanísticos, así como obter os permisos e autorizacións necesarios para executar as obras de ampliación e reforma do centro de saúde de Anafáns. Así mesmo, o Concello asumirá os gastos de infraestruturas, tales como accesos rodados e peonís, abastecemento de auga, saneamento, subministración eléctrica, alumeado, telefonía ou aparcamento, entre outras.
Pola súa banda, o Servizo Galego de Saúde faise cargo das taxas de licenzas e imposto sobre a construción, instalacións e obras. Ademais, procederá á elaboración, supervisión e aprobación do proxecto técnico, así como a contratar, dirixir e executar as obras de ampliación do centro de saúde con cargo aos seus orzamentos.