Santiago, 26 de febreiro de 2019.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, avogou hoxe porque o Parlamento Europeo, unha vez estudada a práctica desenvolvida nos estados membros, elabore un marco normativo homoxéneo en materia de xestación subrogada para toda a Unión Europea, que garanta o respecto da dignidade da muller e o interese superior dos menores, así como solventar a problemática da filiación dos menores concibidos baixo esta práctica en países alleos á Unión Europea.
Paula Prado incidiu “na necesidade de abrir un debate social, sereno e sosegado sobre un tema no que hai posicionamentos moi encontrados no seo da sociedade e unha lexislación dispersa e contraditoria”. “Estamos ante unha cuestión que transcende a competencia da Comunidade galega e as Cortes Xerais, polo que debe ser o Parlamento Europeo quen faga un estudo e analice a situación actual da diferente normativa dos estados membros co fin de levar a cabo a armonización lexislativa en materia de xestación subrogada”, apuntou.
Na súa intervención, a viceportavoz afirmou que “no Partido Popular coincidimos co Parlamento Europeo e co Comité de Bioética Nacional en prohibir todas aquelas prácticas que supoñan a explotación das mulleres sometidas a este proceso, pero tamén a compravenda de nenos e nenas porque consideramos preciso defender o interese superior dos menores”. Neste sentido, criticou que a proposta do BNG “non fai unha mínima mención aos menores nados froito de xestación subrogada”.