Santiago, 29 de xaneiro de 2019.- A portavoz do Mar do Grupo Popular, Teresa Egerique, criticou hoxe “o ninguneo ao Goberno galego e a nova falta de respecto institucional amosada polo Goberno central socialista” coa visita que onte fixo a ministra de Sanidade ao Laboratorio de Biotoxinas de Vigo, “co agravante de que viu anunciar o que xa sabíamos desde o pasado ano”.
“Lamentamos que a ministra non aproveitara esta visita para avanzar na tramitación do protocolo entre o Goberno central e a Xunta para colaborar no control das zonas de produción de moluscos bivalvos, coa implicación directa do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño”, sinalou.
Teresa Egerique sinalou que a ministra de Sanidade “viu a Vigo facerse a foto e participar nun acto de sectarismo político con responsables políticos socialistas, pero sen anunciar nada novo”, porque desde comezos do pasado ano xa se coñecía que Galicia obtivera a designación da parte máis importante do laboratorio europeo de referencia para o seguimento dos contaminantes virais e bacteriolóxicos de moluscos bivalvos, tal e como foi lembrado en numerosas ocasións por parte da conselleira do Mar.
AGORA LOUBADO, ANTES CRITICADO
“Paradoxicamente, o que agora veñen a vender a Vigo os socialistas como un gran logro fora altamente criticado por eles mesmos no Parlamento galego, chegando a cualificalo de fracaso estrepitoso”, lembrou
Ademais, a portavoz do Mar lamentou que a ministra de Sanidade “non aproveitara a súa visita a Vigo para dar continuidade á tramitación do protocolo a través do que se implica ao Intecmar neste laboratorio europeo, unha proposta que conta co apoio tanto da Comunidade Europea como do Parlamento galego a través dunha iniciativa aprobada o pasado mes de novembro”.
Un protocolo que xurdiu a raíz dunha reunión que a conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo en xaneiro do pasado ano en Bruxelas co anterior director da DG Sante da Unión Europea, Xabier Prats, e que “no canto de darlle brío, o Goberno socialista méteo nun caixón e ven a Vigo a vender fume unicamente”.