Santiago, 11 de xuño de 2019.- O portavoz de Cultura do Grupo Popular, César Fernández Gil, criticou hoxe que o BNG “se manteñan no enfrontamento permanente” en materia de normalización lingüística e avogou porque “nunca debemos intentar separarnos con aquilo que nos une e defendamos de xeito colectivo o consenso existente para traballar a prol do galego”.
César Fernández defendeu un “debate sosegado” sobre a normalización lingüística, aínda que lamentou que “a veces resulta complexo porque os nacionalistas están manipulando a situación ao dicir que defenden un consenso que hoxe veñen aquí a romper unha vez máis”. “Fraco favor lle facemos á lingua se a tomamos como elemento de confrontación”, dixo.
TOMADURA DE PELO
Neste sentido, indicou que “traen hoxe ao Pleno do Parlamento a modificación dunha lei que foi aprobada en 1983 por unanimidade desta Cámara e que permitiu décadas de avance na defensa e o uso do galego”. Neste sentido, considerou unha “tomadura de pelo que falen de que hai que consensuar e ter unha visión ampla, pero trasladan permanentemente á cidadanía que se adoptan medidas en contra da nosa lingua”.
“A verdade non é necesario repetila, porque ten un correlato empírico. O necesario é repetir a mentira para ver se así se converte en verdade”, afirmou referíndose ao discurso nacionalista sobre o galego. Ademais, manifestou que “están instalados no discurso da torsión da realidade, especie de delirio onírico no que pensan que a verdade a teñen vostedes”.
O portavoz popular incidiu que “non pidan ao PPdeG que volvamos ao consenso cando non nos movemos del e seguimos no mesmo punto no que se estaba en 1983”. Fernández Gil apuntou que “a razón desta acusación nacionalista é a case obsesión que teñen coa derrogación do decreto do plurilingüismo”.
“O galego está nun perfecto estado de saúde, dotando aos alumnos galegos das materias necesarias para empregala en igualdade de condicións que outras linguas”, asegurou César Fernández.
Deste xeito, demandou aos nacionalistas que “deixen de mentir e vamos a intentar falar desde a realidade e o sentido común”. “Deixen de utilizar a lingua como ferramenta partidista e traballen para mellorar a presenza da nosa lingua en todos dos ámbitos da sociedade”, demandou.