Santiago, 30 de outubro de 2018.- O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana que o Goberno central concrete o prazo e fórmula elixidos para a supresión da peaxe de Redondela na AP-9 e se designe definitivamente ao Instituto Tecnolóxico para o control do medio mariño en Galicia (Intecmar) como laboratorio nacional de referencia para biotoxinas e control e clasificación das zonas de produción de bivalvos.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Pedro Puy, explicou que o Pleno, que inclúe 27 asuntos na orde do día, dos que 22 corresponden aos grupos da oposición, dará comezo coa comparecencia do conselleiro de Cultura e Turismo. “Deste xeito, ábrese a serie de comparecencias nas que os novos conselleiros ou aqueles que mudaron de competencias explicarán as liñas de actuación dos seus departamentos”, concretou.
SEN PRAZO PARA ELIMINAR A PEAXE
Dentro do apartados de proposicións non de lei, o Grupo Popular defenderá que o Goberno do Estado concrete o prazo e a formula elixidos para a supresión da peaxe de Redondela. Puy lamentou que “non temos máis información que o anunciado polo novo ministro socialista na visita que realizou a Galicia a principios deste mes, deixando sine die a fin da peaxe de Redondela, cando o anterior goberno do PP xa iniciara as xestións para eliminala”.
En segundo lugar, o Grupo Popular pedirá que o Ministerio de Sanidade dea continuidade e tramite o protocolo asinado entre a Axencia Española de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aecosan) e o Intecmar a través do que se designaba a este último organismo como laboratorio nacional de referencia para biotoxinas mariñas e control e clasificación das zonas de produción de moluscos bivalvos.
Por outra banda, os deputados do Grupo Popular preguntarán ao Goberno galego sobre a evolución da atención á dependencia en Galicia nos últimos anos e sobre a situación na que se atopa o expediente para a declaración de Ferrol como Cidade Patrimonio da Humanidade.