Santiago, 10 de setembro de 2019.- A portavoz de Enerxía do Grupo Popular, Marta Nóvoa, subliñou hoxe no Parlamento que o parque eólico do Oribio, nos termos municipais de Samos e Triacastela na provincia lucense, “é un proxecto autorizado polo Goberno bipartito en 2007 antes de que a zona fose declarada Rede Natura, e o único que fixo a actual Xunta foi dar luz verde a unha modificación non substancial do proxecto que permitiu minimizar o seu impacto ambiental, ao pasar de 12 a 8 aeroxeneradores”.
Marta Nóvoa asegurou que esta modificación “conta con todos os informes favorables necesarios, como son o de Patrimonio Natural, Patrimonio Cultural e Medio Ambiente e Urbanismo”. “O que está a facer a Xunta con este parque eólico é manterse vixiante co cumprimento de todos os requirimentos establecidos, tanto na declaración de impacto ambiental como na propia resolución administrativa”, engadiu.
Deste xeito, demandou aos grupos da oposición “un pouco de responsabilidade e deixen a demagoxia, porque estase a cumprir a lexislación vixente e son os funcionarios os que están traballando e adoptando as correspondentes resolucións”.
PARALIZAR AGORA UN PROXECTO AO QUE DERON AUTORIZACIÓN
A portavoz popular dirixiuse a socialistas e nacionalistas para recriminarlles que “resulta difícil de crer que digan agora que hai que paralizar un proxecto ao que lle deron licenza cando gobernaban en Galicia”. “Xa non teñen respecto por nada nin polos seus antecesores gobernantes”, dixo.
Para rematar, Nóvoa salientou que “Galicia ten unha importante oportunidade na aposta polas enerxías renovables, estando prevista a construción de 18 parques eólicos en Galicia, cun investimento próximo aos 470 millóns de euros e cunha potencia programada de 441 Mw, así como a previsión de crear máis de 5.000 empregos entre as fases de construción e o posterior mantemento”.