Santiago, 19 de decembro de 2018.- A viceportavoz do Grupo Popular, Marta Rodríguez Arias, salientou hoxe no Parlamento que a renda de inclusión social de Galicia (Risga) “convértese nunha auténtica ferramenta para a inserción laboral, na liña das recomendacións que fai a Comisión Europea”.
Neste sentido, criticou que En Marea “traia a Galicia o debate sobre a implantación da renda básica universal, unha medida que neste momento a teñen totalmente esquecida a nivel nacional e non aparece no pacto de orzamentos asinado entre o Goberno do Estado e Podemos”.
Marta Rodríguez salientou as melloras introducidas pola Xunta de Galicia na Risga, incrementando as contías a percibir polos usuarios e abrindo a posibilidade de compaxinala con ingresos laborais.
NOVAS CONDICIÓNS
En concreto, a partir de agora para acceder á Risga xa non será preciso estar en situación de desemprego e será compatible cos ingresos dun traballo, así como con calquera outra axuda de inclusión para compra de alimentación, roupa e enxoval doméstico. Ademais, para calcular se unha persoa ten dereito a percibir esta renda só computarán os ingresos que efectivamente se cobren, non aqueles aos que se ten dereito pero non se están a facer efectivos.
A viceportavoz popular criticou que En Marea pretenda que a Xunta impulse un estudo sobre a implantación da renda básica universal en Galicia, “cando son plenamente conscientes de que o Goberno galego non ten competencias para impulsar esta medida”.
MARCHA ATRÁS DE PODEMOS
Ademais, lembrou que Podemos, logo de incorporar esta renda no seu programa electoral para as eleccións europeas de 2014, “deu marcha atrás e agora aposta por unha renda garantida para todos aqueles fogares sen ingresos ou con baixos ingresos, algo moi semellante ao que en Galicia vén sendo a Risga”.
Rodríguez Arias sinalou que “no pacto sobre presupostos asinado entre o Goberno do Estado e Podemos se esquecen da renda básica universal e non inclúen nin unha soa mención”. “Promoven un debate público sobre a renda básica universal, pero cando teñen a oportunidade de estudar a súa implantación desde o Goberno esquécense totalmente”, indicou.