Santiago, 4 de febreiro de 2020.- O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe, co voto favorable do Grupo Popular e a abstención de toda a oposición, o ditame da Comisión non permanente de estudo para a igualdade e para os dereitos das mulleres que sintetiza propostas de actuación que sosterán a base do Pacto galego contra a violencia de xénero para poder chegar ao fin común que é a erradicación da violencia contra as mulleres.
A portavoz de Igualdade do Grupo Popular, Marián García Míguez, lembrou que este ditame “é o resultado da análise de 30 informes e a comparecencia de 82 especialistas durante a pasada e a presente lexislaturas do Parlamento galego”. Deste xeito, sinalou que o documento “ten un amplo, rigoroso e nutrido contido froito e grazas a todos os profesionais e entidades que traballan a cotío, dun xeito directo ou indirecto, contra a violencia de xénero”. “Non podemos apoiar os votos particulares dos grupos da oposición xa que non recollen as aportacións das persoas que compareceron na comisión ou da documentación remitida”, apuntou.
PACTOS COA OPOSICIÓN
García Míguez amosou a disposición do Grupo Popular “para aprobar a curto prazo o Pacto galego contra a violencia de xénero” e lamentou que o oposición “queira romper o consenso nesta materia sen máis motivos que pensar que situar ao PPdeG fóra do consenso pode supoñerlles rendibilidade política”.
“Nós seguiremos intentando pactar, no por pensar que iso dea rendibilidade electoral ao noso partido, senón porque cremos que da rendibilidade social ás vítimas”, sinalou. Así, lembrou que “todos os pactos do PPdeG en materia de loita contra a violencia de xénero foron cos grupos da oposición” e citou, a modo de exemplo, a Lei galega de violencia de xénero e a súa reforma para mellorar as axudas que reciben as vítimas; as suxestións para incorporar ao Pacto de Estado, as melloras no informe anual ou a incorporación da violencia sexual na lexislación galega.