Santiago, 3 de xuño de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta ao Goberno de España a habilitar a elección presencial das prazas de formación sanitaria especializada da convocatoria 2020-21, facilitando e levando á práctica cantas medidas sexan pertinentes para garantir a transparencia, a igualdade de condicións e a seguridade fronte á Covid-19. Así mesmo, no caso de que se manteña a elección telemática, pídese ao Goberno central un coñecemento das prazas dispoñibles en cada momento, asegurando así que Galicia non quede con prazas vacantes de sanitarios residentes por mor do sistema de elección.
A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, manifestou que “coa falta que temos de médicos especialistas, fundamentalmente médicos de familia, pediatras, radiólogos, anestesistas ou urólogos, por nomear os máis deficitarios, no podemos correr o risco de que queden prazas sen cubrir, á marxe do dano que se lle está a causar aos milleiros de postulantes a MIR que están neste proceso”.
“Pedimos que se faga un proceso xusto, que durante moitos anos funcionou de maneira axeitada e transparente, que non provocou molestias nin algarabías, e que se recupere un método que funcionaba e ninguén entende por que se cambiou”, sinalou Encarna Amigo.
ESTUDANTES MALTRATADOS
Así mesmo, lamentou que “eses miles de estudantes, no momento máis importante de cara ao seu futuro, se vexan maltratados por un goberno que poucos meses antes aplaudía o seu labor agora impón un sistema telemático de asignación de prazas sen garantías e sen coñecemento”.
Amigo criticou que “o Ministerio de Sanidade xerou de novo esta situación a pesar de que o Tribunal Supremo se pronunciara o ano pasado en favor dos MIR, obrigándolle a rectificar para ofrecer a selección de prazas pola vía presencial”.