Santiago, 17 de marzo de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España que garanta a viabilidade e o financiamento da industria naval a través do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation, ao tempo que acompañe ao sector na súa reclamación ante a Unión Europea para que vele por garantir o principio de igualdade e que as axudas doutros estados membros se axusten ás directrices comunitarias.
A deputada popular Teresa Egerique considerou “irrenunciable colaborar con este sector estratéxico para Galicia, apostando pola diversificación de mercados e produtos, a innovación e a formación como pancas para garantir a actividade e o emprego”.
COMPLEMENTAR O ESFORZO DO GOBERNO GALEGO
Deste xeito, indicou que “é necesario que o Goberno de España amose co sector naval a mesma implicación que están demostrando outros países europeos, como Alemaña ou Holanda, para garantir a viabilidade e o financiamento desta industria, complementando o esforzo que o Goberno galego está a facer para garantir o seu presente e futuro”.
Teresa Egerique sinalou que os Fondos Next Generation supoñen “unha oportunidade para garantir a pervivencia do sector naval galego e impulsar o seu futuro, polo que consideramos que o Goberno central debería contemplar a inclusión da industria naval como destinatario destes fondos, ao tempo que acompaña ao sector na súa reclamación ante a Unión Europea para que vele por garantir o principio de igualdade e que as axudas doutros estados membros se axusten ás directrices comunitarias”.
“Namentres, a Xunta seguirá ofrecendo a súa máxima colaboración á industria naval para consolidar a Galicia como un referente nacional e internacional, desenvolvendo os diferentes programas de apoio á competitividade e a modernización do sector que devolveron a actividade ás gradas dos estaleiros galegos nos últimos anos”, sinalou a deputada popular.
Egerique engadiu que o Goberno galego “continuará facilitando a liquidez das empresas navais, como fixo coa posta en marcha dunha liña de préstamos para atender a súa situación financeira e a liña de crédito para que as pequenas e medianas empresas poidan facer fronte ao novo contexto económico derivado da pandemia da Covid-19”.