A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, asegurou hoxe que a muller e a igualdade seguirán sendo protagonistas das políticas do partido no novo ano 2025 que está preto de comezar.
Durante a tradicional cea de Nadal do PP de Mos, no pavillón Óscar Pereiro, á que asistiron 1.000 persoas, Prado salientou que hai un dato do que se sente “realmente orgullosa”, e non e outro que o feito de que o PPdeG sexa o partido con máis alcaldesas de Galicia, un total de 28, que “no futuro serán máis”.
Así, puxo de exemplo a Nidia Arévalo, que leva máis de 16 anos á fronte do Concello de Mos, a máis veterana das catro rexedoras populares do sur da provincia de Pontevedra, onde tamén lideran os seus concellos Marta Valcárcel, en Salvaterra de Miño; Cristina Correa, en Oia; e Nava Castro, en Ponteareas.
Ademais, a secretaria xeral sinalou que grazas a valores como Nidia Arévalo ou a concelleira Feli Rodríguez, deputada no Parlamento, “queda clara a importancia do éxito dos proxectos a longo prazo que levan o selo do PP”.
Por último, Paula Prado non quixo esquecer a achega de Mos “aos dous grandes éxitos deste ano do PP en Galicia”: en febreiro, co apoio ao presidente Alfonso Rueda con case un 44% de voto, e en xuño, con máis de 2.500 votos no concello para triunfar nas eleccións europeas.
LUIS LÓPEZ: “É UN ORGULLO CONTAR CON LÍDERES COMO NIDIA”
O presidente provincial do Partido Popular de Pontevedra, Luis López, destacou que un ano máis esta xuntanza de Mos se consolida como un dos referentes do Nadal da provincia, ao que acoden ano tras ano arredor dun milleiro de persoas.
“Penso que estas xuntanzas son moi boas. Serven para que compartamos uns intres nestas datas festivas e sobre todo para amosar a unidade e compromiso do noso partido, algo fundamental sempre, porque unidos traballaremos moito mellor e acadaremos os nosos obxectivos”, indicou.
O presidente popular fixo especial fincapé no magnífico resultado nas eleccións municipais en Mos e gabou o traballo da alcaldesa e senadora, Nidia Arévalo: ¨É unha muller incansable que traballa arreo por Mos, que atende as súas demandas e que escoita aos seus veciños, e que ademais nos representa no Senado, onde é un orgullo poder contar con ela alí defendendo os intereses de Pontevedra e de Galicia”.
NIDIA ARÉVALO: “SOMOS UN CONCELLO CON IDENTIDADE PROPIA”
A senadora e alcaldesa Nidia Arévalo dedicou parte da súa intervención a expresar a súa “gratitude” tanto aos afiliados e simpatizantes do partido a nivel local como ao presidente Alfonso Rueda, de quen destacou “unha fidelidade a Mos demostrada con apoio económico, con investimentos e con xestión”.
Puxo en valor que nestes anos Mos “pasou de ser un concello descoñecido e de paso a converterse nun municipio con identidade, con nome propio, con cinco polígonos empresariais, catro escolas infantís, oito colexios e un instituto, así como coa Cidade deportiva do Real Club Celta e con case taxa cero de desemprego”.
Unha transformación que foi posible grazas á aposta por proxectos como os que botaron a andar durante este 2024 e que se farán realidade de cara ao vindeiro ano como: a humanización da estrada Pereiras-Tameiga na Pardaucha; o centro de coidados intermedios e a escola infantil do novo proxecto sociosanitario do Rebullón; a posta en valor da contorna parroquial da Igrexa de San Miguel de Pereiras; as novas vivendas protexidas en San Eleuterio; o novo polígono empresarial de Arrufana; e o proxecto Galicia Sports 360 do Celta.
Arévalo tivo tamén unhas breves pero contundentes palabras para a oposición, á que acusou de “buscar só o seu beneficio persoal e non interesarse por Mos”. Máis concretamente, reprochou ao nacionalista Gustavo Barcia que “queira meterse na política autonómica, aínda que sexa en contra da lideresa do seu partido, só para seguir vivindo de non facer nada” e á socialista Victoria Alonso que “defende a un Pedro Sánchez que o único que fai polos concellos é cargalos de novos impostos”.
Rematou asegurando que só cun presidente do Goberno como Alberto Núñez Feijóo, un presidente da Xunta como Alfonso Rueda, un presidente da Deputación provincial como Luis López e un goberno municipal do Partido Popular “poderemos manter unha España, unha Galicia, unha Pontevedra e un Mos prósperos e que sexan o mellor lugar para vivir”.