Santiago, 26 de setembro de 2017.- O portavoz de Montes do Grupo Popular, Silvestre José Balseiros, salientou hoxe que “a pesar de rexistrarse 500 incendios forestais máis que o pasado ano, a superficie afectada é de 9.500 hectáreas menos”. Deste xeito, Balseiros considerou que “o operativo coordinado pola Xunta é altamente eficaz, conseguindo que o 80 por cento dos lumes queden en simples conatos e non superaron a hectárea de superficie queimada”.
Balseiros criticou que “o único fin dos grupos da oposición é confundir, crear alarma, desestabilizar e procurar o desgaste do goberno do PPdeG”, pero manifestou que “os datos oficiais, o rigor, a veracidade e os argumentos públicos e contrastables son tozudamente favorables e validan as políticas da Xunta” na loita contra os incendios forestais.
8 DE CADA DEZ INCENDIOS, INTENCIONADOS
“Hai incendios por descoidos, por neglixencias, por causas naturais, por causas sen determinar, e sobre todo, hai incendios intencionados”, sinalou o portavoz popular, quen destacou que arredor do 80 por cento dos incendios forestais que se producen en Galicia son intencionados.
Neste sentido, apuntou que 40 concellos suman a metade das hectáreas queimadas en Galicia, ao tempo que oito parroquias galegas acumulan máis de 600 incendios forestais no último lustro.
“Desgraciadamente, os que queren atentar contra o monte, contra o medio ambiente, contra a riqueza forestal e paisaxística, ou simplemente por vinganza ou egoísmo, fano en calquera ocasión que se lle presenta, independentemente do mes ou da estación que sexa”, lamentou Balseiros.
O portavoz popular manifestou que “non estaremos satisfeitos mentres siga habendo un incendio e mentres siga ardendo unha hectárea” e rematou facendo “un chamamento a toda a sociedade galega para involucrarse na loita contra os lumes forestais, concienciando, previndo, avisando, denunciando e colaborando”.