O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, lembrou que unicamente o “voto útil” que representa a papeleta do Partido Popular permitirá que, a partir do 29 de novembro, Alberto Núñez Feijóo devolva ao Goberno o “sentidiño” que aplicou durante os 13 anos que presidiu o Goberno galeg, fronte ao “sen sentido” dos últimos oito anos de Pedro Sánchez na Moncloa.
Rueda lanzou esta mensaxe no mitin celebrado este mércores en Viveiro, no que tamén participaron o cabeza de lista ao Congreso pola provincia de Lugo, Francisco Conde, e o número tres da candidatura, Jaime de Olano, e no que exerceu de anfitrioa a alcaldesa da localidade, Mariña Gueimunde. Tamén contou coa presenza do número un ao Senado pola provincia, José Manuel Barreiro.
Na súa intervención, o líder do PPdeG insistiu en que, a pouco máis de 10 días de que se celebren as Eleccións Xerais, é o momento de “acelerar” e “meter unha marcha máis” na campaña, deixando a un lado as enquisas e centrándose en “deixar claro” que só a papeleta do PP ofrece unha “alternativa real” á continuidade do sanchismo que representan non só o PSOE, senón calquera outra opción, como o BNG. Neste sentido destacou que se fai desde o coñecemento de primeira man do feito por Feijóo en Galicia e desde a confianza de que será “capaz” de afrontar o “reto” de reconstruír o que se levaron por diante as dúas últimas lexislaturas.
Rueda apelou a saír a “castigar” o sanchismo, pero tamén a “gañar” desde o optimismo e para brindar ao candidato do Partido Popular unha vitoria ampla, co maior apoio de toda España. Ser -remarcou novamente- o “motor” dese “cambio” que traerá Feijóo, coa solidez do seu proxecto, a súa experiencia de xestión e “sen medo fronte aos matóns” que non respectan aos que pensan diferente.
CONDE: “FEIJÓO É GARANTÍA DE RIGOR, EXPERIENCIA E GOBERNO”
O cabeza de lista ao Congreso por Lugo, Francisco Conde, reivindicou a xestión de Feijóo como “garantía de rigor, experiencia e capacidade de goberno”. E defendeu que o cambio que representa permitirá recuperar a confianza e ofrecer respostas aos principais retos da Mariña. Unha nova etapa na que o emprego, a industria, a pesca e o futuro das familias da comarca deben ocupar un lugar central.
Neste sentido, puxo o foco na importancia de garantir o futuro de Alcoa, unha industria estratéxica para A Mariña da que dependen centos de empregos, así como na necesidade de defender a pesca e a actividade portuaria de Celeiro, piares fundamentais da economía e da identidade da comarca. Conde incidiu en que é necesario contar cun Goberno que aposte polos sectores produtivos, dea seguridade aos traballadores e converta os compromisos en solucións reais.
JAIME DE OLANO: “FEIJÓO SABE XESTIONAR, SÁNCHEZ SABE GASTAR”
Pola súa banda, o candidato viveirense Jaime De Olano tamén destacou que “Feijóo sabe xestionar” mentres que asegurou que “Sánchez sabe gastar”. Sobre a súa mala xestión puxo dous exemplos: as políticas de vivenda e en relación coa defensa das mulleres. “Non só é que non fixera nin unha vivenda, senón que Sánchez e a súa banda fixeron negocio coa angustia dos mozos e mozas”. Así mesmo, engadiu que “Sánchez e a súa banda son un perigo para as mulleres e nesa liña, lembrou tamén que, na provincia, “Tomé foi denunciado por presunto acoso sexual por varias mulleres, O PSOE sabíao, pero calou, PSOE e BNG seguen gobernando a Deputación de Lugo grazas ao seu voto e Tomé continúa a asistir a actos xunto aos socialistas. É un máis da banda”, remarcou.
De Olano lembrou que “o Goberno de Sánchez, co apoio de PSOE e BNG, non ofreceu unha solución á necesidade dun prezo enerxético estable e competitivo para Alcoa, reduciu servizos no tren FEVE e deixou a A-74 nun caixón durante 8 anos”. Así, o candidato mariñán convidou os veciños e veciñas da Mariña a apostar polo cambio necesario, e explicou que, na provincia de Lugo, para restar apoio a Sánchez “a única opción é votar ao Partido Popular”.