Santiago, 3 de marzo de 2017.- O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, anunciou que mañá, con motivo do Día Internacional da Muller que se conmemora o 8 de marzo, o partido celebrará unha homenaxe ás mulleres nun acto que terá lugar en Santiago e que levará por nome: «O PPdeG, de igual a igual».
Tellado avanzou que, ao longo da mañá, contarase coa participación de membros do Goberno autonómico, do Goberno central, de gobernos municipais, das Cortes Nacionais e do Parlamento Galego para contar as súas experiencias e facer un repaso dos avances que se produciron en igualdade nos últimos tempos, así como das vías para seguir avanzando neste camiño de cara ao futuro.
Ademais, salientou a presenza do presidente do PPdeG e da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que acompañará na clausura da xornada á secretaria xeral de Igualdade e coordinadora da mesma área na executiva do partido, Susana López Abella.
“Cremos que as mulleres non poden ser vistas como unha cota, senón que se debe recoñecer o seu mérito e a súa capacidade, sen ningún tipo de límite”, asegurou Tellado mentres lembraba que no partido xa contan con exemplos delas nos máis altos niveis de responsabilidade. “Elas racharon os teitos de cristal, e hoxe son ministras, conselleiras, presidentas, alcaldesas”, engadiu.
Tras admitir que poucas loitas hai máis nobres cá de acabar coa discriminación, subliñou que o obxectivo final é que actos como o de mañá non teñan que producirse entre as xeracións futuras de políticos, porque será a mostra de que entre todos fomos capaces de camiñar ata lograr a igualdade efectiva entre homes e mulleres.
POPULISMO OU RIGOR
Durante a súa intervención en rolda de prensa tamén fixo referencia á actitude dos socialistas no Concello da Coruña, indicando que o que Xulio Ferreiro non dou conseguido negociando cos seus socios, conseguiuno grazas á indefinición do PSOE, que primeiro lle deu a confianza para facelo alcalde sen gañar as eleccións e despois retiroulla sen propoñer unha alternativa.
Para Tellado, os cidadáns deben saber que tan responsable da situación de parálise da cidade é o goberno da Marea como os socialistas que non propoñen nin unha soa solución no Concello. “Os cidadáns saben que hoxe por hoxe nas cidades só hai dúas opcións: populismo ou rigor”, manifestou mentres explicaba que o PSOE decidiu botarse en brazos do populismo, malia que en moitos lugares iso só lles serviu para fragmentarse e acercarse a gran velocidade cara a irrelevancia.
Tellado contrapuxo esta situación á que temos en Galicia cun goberno estable, que aproba as súas contas en tempo e forma, grazas á maioría que o respalda, aínda que sen renunciar a negociar cuestións importantes para o país. Nese senso, destacou que estes días tamén vimos os resultados cunha economía que crece por riba do 3% e por cuarto ano consecutivo; con 23.000 desempregados menos que hai 12 meses, cun 10% de paro menos que hai un ano -baixando o desemprego durante máis de tres anos ininterrompidos-; e cunhas empresas que baten récords de exportacións cada ano.
“En definitiva, as diferenzas que vemos son as que hai entre gobernos que non saben o que son, de onde veñen nin a onde van, e gobernos que teñen experiencia, responsabilidade e proxecto”, concluíu Tellado.