O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, salientou que Galicia sexa capaz de resistir e logre crear emprego de calidade nun momento de extraordinaria complexidade laboral. “É unha heroicidade”, subliñou logo de coñecerse os datos da Enquisa de Poboación Activa do terceiro trimestre de 2020.
Como apuntou, na Comunidade baixa o paro e situámonos 9 puntos por baixo da media nacional de desemprego, aumenta a ocupación a tempo completo en máis dun 4% e diminúen os fogares que teñen a todos os seus membros en paro -case un 7% e a ocupación entre os mozos menores de 30 anos crece o 6%-.
“Estes datos amosan que se poden facer as cousas doutra maneira pois falan dun verán que resistiu mellor que o resto de España, en parte grazas ao Plan de Reactivación Económica da Xunta que empeza a dar os seus froitos”, sostivo. Malia isto, o número dous do PPdeG aclarou que estar mellor que o conxunto do Estado non é consolo para un partido “que non caerá nunca na autocompracencia mentres miles de galegos teñen necesidades que o mercado laboral non é capaz de satisfacer”.
Nese senso, fixo fincapé na importancia de seguir traballando co obxectivo de que esta complexa situación sanitaria modere o seu impacto no emprego e na económica do noso país, algo que non se conseguirá con medidas excepcionais como o toque de queda ou un Estado de Alarma de seis meses.
De feito, amosouse moi preocupado polas cifras nacionais de desemprego: “Entendemos que a situación laboral é moi complexa por causa da pandemia pero cremos que desde o Goberno do España non se está facendo o suficiente para evitar esta auténtica sangría de empregos”.
Cómpre indicar que 355.000 persoas que perderon o seu emprego en España este trimestre. “Nun contexto de verán, de saída do confinamento e de reactivación da economía é inadmisible. Non o podemos permitir”, manifestou.
DEFENDER UNHAS CONTAS SOCIAIS E EQUILIBRADAS
Ademais, Tellado cuestionou que, o mesmo día en que sae unha EPA que evidencia unha subida no desemprego, o Goberno, na presentación do proxecto de Presupostos Xerais do Estado, anuncia subidas de impostos ás empresas que teñen que recontratar ás persoas que perderon o seu posto de traballo. “Isto supón máis presión fiscal para empresas, para particulares e penalizacións ás fórmulas de aforro como os plans de pensións”, explicou.
“Trátase duns orzamentos que responden ao que calquera pode esperar dun Executivo no que a extrema esquerda ten mando en praza”, precisou incidindo en que “malas son as decisións que avanzan e malo será o seu camiño parlamentario, porque estas contas están pensadas en gañar o apoio de forzas escoradas como son os nacionalistas e independentistas, que fan negocio da debilidade deste Goberno”.
Por último, o secretario xeral resaltou que, se o PSOE e Podemos necesitan coller ideas para facer un orzamento social e equilibrado, “o conselleiro de Facenda da Xunta de Galicia está á súa disposición”.