Ourense, 6 de maio de 2016.- O presidente dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe que o Congreso desta fin de semana permitirá completar a renovación do PPdeG para afrontar con forza e frescura os procesos electorais. “O Congreso desta fin de semana non é o principio de nada, senón parte dun amplo proceso de renovación no que xa levamos traballando desde hai meses. Un proceso de renovación que comezou en xullo, coa elaboración dunha ponencia para poñer a punto o primordial, as ideas; que continuou despois nas catro provinciais, permitindo actualizar equipos, e que completaremos mañá e pasado para poder afrontar con máis forza e máis frescura os próximos procesos electorais”, explicou.
Por iso, cre que o partido traballará de forma intensa a partir desta fin de semana para gañara as elección xerais e para abordar o reto de conseguir unha terceira maioría consecutiva en Galicia.
Durante un encontro con NNXX, Feijóo quixo agradecer en primeiro lugar o apoio de Mariano Rajoy á súa candidatura, e expresou o seu convencemento de que o dirixente do PP nacional volverá a Galicia como presidente do Goberno tras o 26 de xuño.
Nesta liña, o líder do PPdeG convidou aos cidadáns a aproveitar as novas eleccións xerais para dar por rematado “este show” e abrir paso á política en serio.
“Ese é o reto dos próximos comicios: facerlle saber á xente que, por moitas opcións políticas que teñan ao seu alcance, a elección é sinxela e realmente redúcese a dúas opcións”, aseverou, incidindo en que a cidadanía pode elixir: “Entre un candidato que foi honesto e dixo a verdade da situación, ou quen os enganou; entre un candidato que se implicou polo país, aínda a costa de desgastarse, ou quen non fixo nada; entre un candidato que foi xeneroso e ofreceu un pacto de maiorías para abordar unha nova transición, ou quen se negou a facelo posible por puro egocentrismo; ou entre un candidato que respecta a división de poderes e a liberdade de prensa, ou quen pretende uniformar o país e que todos pensen coma el”.
Ao longo do encontro coas Novas Xeracións do partido, Feijóo asegurou que o XVI Congreso do PPdeG que terá lugar esta fin de semana “é totalmente inédito en Galicia”. Inédito porque os prazos fixámolos desde Galicia e con tempo, non coma o PSOE que llos fixaron desde Ferraz; o candidato é galego, curioso tamén, non coma no caso de Ciudadanos, que aquí é unha organización da que só transcende o seu líder a nivel nacional; e os resultados darémolos desde Galicia e en tempo real, non desde Zaragoza e con dous días de marxe para contar os votos como fixo Podemos.
O PPdeG, EXEMPLO DE RESPONSABILIDADE
Feijóo fixo fincapé en que esta fin de semana pedirá o apoio do partido para unha alta responsabilidade: presidir o primeiro partido de Galicia para poder presidir Galicia. E, nesta liña ofreceu unha política responsable e expresou o seu convencemento de que o único partido que lla pode garantir a Galicia é o PPdeG. “Creo que podo ofrecer esa política responsable e creo que o partido que máis e mellor pode ofrecela é este”, sentenciou.
Lonxe de concordar coa política actual, marcada pola frivolidade e a superficialidade, o líder dos populares galegos comprometeuse a facer outra política diferente, desde a experiencia, a perseverancia e o esforzo. “Estou orgulloso de presentarme á Presidencia dun partido que aspira á Presidencia da Xunta”, dixo, en contrapunto aos que aspiran a sumar votos para apartar do poder á lista máis votada.
Feijóo dixo non ser un candidato de laboratorio, forxado nos platós de televisión, pero si unha persoa seria disposta a traballar por Galicia dende Galicia.
Ademais, o candidato á Presidencia do PPdeG recibiu de mans do presidente do partido, Mariano Rajoy, o aval impreso e firmado de cara ao Congreso que arranca mañá, nun xesto de apoio e respaldo expreso do tamén titular do Goberno central ao propio Alberto Núñez Feijóo.