4 de abril de 2023. O Grupo Popular pedirá no Pleno da vindeira semana que o Goberno de España transfira fondos europeos a Galicia para a súa xestión directa, co fin de garantir a viabilidade dos principais proxectos tractores galegos.
Así mesmo, demandará a convocatoria urxente dunha xuntanza co comisario do Corredor Atlántico e as comunidades de Galicia, Asturias e Castela e León para tratar as necesidades específicas desta infraestrutura, ao tempo que se solicita un investimento de 8.000 millóns de euros para financiar estas actuacións e a garantía de igual trato co corredor do Mediterráneo.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Pedro Puy, informou que a sesión plenaria dará comezo coa comparecencia do conselleiro do Medio Rural, por petición propia, para informar das actuacións postas en marcha en prol da recuperación da terra agraria en Galicia. “Estamos a falar dunha lei á que se incorporaron 279 emendas dos grupos parlamentarios, entre as que figuraban a metade das presentadas polo PSdeG e o 37 por cento das presentadas polo BNG, e coa que se procedeu á creación dos polígonos agroforestais, reforzouse o banco de terras e se actualizou o catastro, unha demanda do rural galego e que permite corrixir moitas deficiencias”, engadiu.
COLABORACIÓN COAS COMUNIDADES AUTÓNOMAS
Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular solicitará ao Goberno central a transferencia a Galicia de fondos europeos para a súa xestión directa, do mesmo xeito que fixo con outras comunidades autónomas. Pedro Puy lembrou que “unha boa parte dos fondos europeos está sendo administrada directamente polo Goberno de España, particularmente todo o que ten que ver co desenvolvemento industrial, tanto no ámbito enerxético como das novas tecnoloxías”.
Porén, lamentou “a falta de capacidade do Goberno de Pedro Sánchez por colaborar coas comunidades autónomas na distribución destes fondos europeos, o que obriga a proxectos como o de Altri en Palas de Rei a optar por numerosos PERTEs para conseguir o financiamento necesario”.
8.000 MILLÓNS PARA O CORREDOR ATLÁNTICO
Unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular ten como obxectivo avanzar no impulso definitivo do Corredor Atlántico ferroviario, para o que se pide a celebración urxente dunha reunión do comisario desta infraestrutura coas comunidades de Galicia, Asturias e Castela e León, así como incorporar ao Plan Director un investimento de 8.000 millóns de euros adicionais co obxecto de financiar as actuacións prioritarias nestas comunidades autónomas. A iniciativa solicita, ademais, a inclusión na rede transeuropea ferroviaria de mercadorías a liña Ferrol-A Coruña-Betanzos-Lugo-Monforte-León, co correspondente dotación orzamentaria para a súa completa electrificación.
Pedro Puy manifestou que a alianza das comunidades do noroeste peninsular para solicitar o desenvolvemento do Corredor Atlántico “pode vir con certo retraso con respecto ao Mediterráneo, pero é fundamental que se poña en marcha o deseño e execución do Corredor Atlántico co financiamento suficiente para garantir a igualdade de oportunidades”.
Por último, e dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase polos efectos que terán os recentes acordos acadados na Mesa Sectorial de Sanidade entre as organizacións sindicais e a Consellería no ámbito da atención primaria, así como a posición da Xunta diante da nova proba de acceso á universidade (ABAU), dos criterios de avaliación, do calendario de implantación e da proba de madurez.